Home » Ayuntamiento » Recent Articles:

O concelleiro de Mobilidade recórdalle a Xunta que “o éxito do plan de accesibilidade do transporte interurbano radicou na penetración escalonada e estudada dos autobuses”

abril 7, 2018 Ayuntamiento No Comments

​O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, recordou que “o éxito que está a ter o Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano ao centro da cidade radica, en boa medida, en que o Concello da Coruña apostou, dende o principio, por unha penetración escalonada, pausada e estudada”. Así se manifestou este venres, en alusión á proposta feita pública esta semana dende a Consellería de Infraestruturas de unificar as dúas seguintes fases de penetración previstas. O responsable municipal indicou que “o goberno local estudará a proposta, non obstante, iso será unha vez se lle comunique de feito oficial, non mediante titulares de prensa, e no órgano competente”. Neste sentido, referiuse á xuntanza que terá lugar a vindeira semana da comisión bilateral entre Concello e Xunta por este motivo. “Hai que ter en conta que, nun principio, a Xunta quería levar a cabo un plan de penetración que podía derivar nun caos circulatorio, ao ser definido de xeito practicamente unilateral e sen ter en conta a necesidade de escalonar as entradas. Hai aproximadamente un ano, por estas datas, congratulabamonos de que finalmente a administración autonómica aceptaba os nosos requirimentos, elaborados en base ao amplo traballo efectuado polo persoal municipal”, recordou. “Querer introducir novos cambios tan só 12 meses despois, cando o proceso está a funcionar de xeito correcto, non nos parece que sexa de recibo; non obstante, estudaremos todas as opcións que se nos propoñan, como sempre facemos”, indicou o edil.

Díaz Grandío fixo estas consideracións no marco da Comisión de Seguimento da Área de Transporte Metrolitano da Coruña, xuntanza convocada pola Xunta de Galicia e que tiña por obxecto renovar o convenio de transporte metropolitano que deriva, entre outras cuestións, na interoperabilidade de pago cunha mesma tarxeta das viaxes urbanas e interurbanas. Ao fío, o titular de Mobilidade Sostible incidiu na “necesidade de que o novo Plan de Transporte Público de Galicia que prepara a Xunta teña en conta a vontade e os plantexamentos dos concellos da área metropolitana da Coruña”. Así, recordou a vontade da posta en marcha dunha rede de transporte metropolitano que sexa xestionada por unha autoridade única, tal e como demandan os concellos da contorna.

Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Mobilidade Sostible tamén reclamou á Xunta de Galicia a necesidade de mellorar o servizo de transporte público entre a cidade e o aeroporto de Alvedro. “Esa liña é de competencia exclusiva do goberno autonómico. Hoxe, expresamos a nosa intención de reclamar que se mellore esa conectividade, especialmente para dar servizo aos e as viaxeiras das primeiras e as últimas horas da xornada”, dixo.

O Concello pechará durante toda a fin de semana o acceso a praias ante a alerta vermella activada no litoral

marzo 23, 2018 Ayuntamiento No Comments

O Concello da Coruña despregará desde hoxe, venres, pola tarde un dispositivo especial de seguridade ante a previsión meteorolóxica desta fin de semana, cando está prevista a chegada dunha borrasca, denominada Hugo, que activa a alerta vermella no litoral por ventos moi fortes, ondas de ata nove metros e precipitacións xeneralizadas. Así, o acceso ás praias da cidade estará pechado dende as 16.00 horas do venres e até a mañá do próximo domingo día 25.

O goberno local prega á cidadanía que extreme as medidas de precaución dende mañá pola tarde, e en especial durante a noite do sábado. Ante as previsións do temporal, a área de seguridade municipal indica que hai moitas posibilidades de que sexa preciso pechar ao tránsito peonil a zona do Paseo Marítimo e, previsiblemente, realizar cortes de tráfico dependendo da forza do mar. Por isto, o Concello solicita á poboación que evite achegarse a zonas cercanas a costa, para evitar hipotéticos golpes de mar e situacións de risco innecesarias, e lembra a importancia de seguir as recomendacións dos servizos de seguridade e emerxencia municipais.

O centro veciñal de Nostián acollerá este sábado un novo encontro ‘Dillo ti’ do goberno local coa veciñanza

marzo 16, 2018 Ayuntamiento No Comments

O Concello da Coruña celebrará este sábado, 17 de marzo, un novo encontro Dillo ti. Conversas co alcalde e o goberno municipal, o programa de xuntanzas abertas entre a veciñanza e o executivo local que se celebran nos distintos barrios da Coruña. Esta canle de participación directa ten como obxectivo crear espazos nos que a cidadanía poida conversar, de xeito directo, co goberno local para trasladarlle as súas demandas e inquedanzas e recibir unha resposta inmediata dos responsables municipais.

A nova xuntanza do Dillo ti celebrarase este sábado, a partir das 12.00 horas, no centro veciñal de Nostián (Lugar de Nostián, 30). O encontro, que terá dunha duración aproximada de 90 minutos, contará cun servizo de tradución á linguaxe de signos e outro de conciliación con obradoiros infantís co obxectivo de facilitar que ás persoas con nenas ou nenos ao cargo poidan asistir. Todas e todos os menores da cidade que teñan interese en asistir a este taller, poderán facelo ata completar o número de prazas dispoñibles. Para participar neste espazo non será necesario inscribirse, senón unicamente acudir ao centro veciñal no horario de celebración do encontro.

Toda a información destas xuntanzas está dispoñible na web municipal, no enlace www.coruna.es/conversascoalcalde , así como nos vídeo resumos de cada unha delas, que se poden ver na canle oficial do Concello na plataforma Vimeo www.vimeo.com/concellocoruna .

 

O Concello apoia o desenvolvemento de melloras ambientais no patio do IES Ramón Menéndez Pidal “para favorecer o contacto coa natureza no barrio de Zalaeta”

noviembre 15, 2017 Ayuntamiento No Comments

O Concello da Coruña colaborará no desenvolvemento de actividades encamiñadas a reverdecer o patio do IES Ramón Menéndez Pidal. Así o asinou a edil de Medio Ambiente, María García, coa representante da Asociación Cultural Zalaeta, María Estrella Pérez Freire, a través dun convenio de colaboración coa finalidade de favorecer a posta en marcha de actuacións que melloren aspectos ambientais no equipamento educativo. Trátase dunha nova iniciativa do executivo municipal encamiñada “a favorecer o contacto coa natureza na contorna máis próxima da cidadanía, neste caso, do alumnado do centro escolar, pero tamén da veciñanza que fai uso das instalacións deportivas exteriores nas tardes dos días laborais, ou en días festivos”, segundo sinala a concelleira. “Desde o goberno local entendemos que a naturalización dos centros de ensino é unha prioridade, debido ao distanciamento existente entre as xeracións máis novas e o medio natural, provocado principalmente pola organización e ordenamento da cidade dunha maneira densa, e na que as principais zonas verdes se atopan na periferia”, explica a edil, que indica que, a este respecto, “o desenvolvemento urbanístico dos últimos anos provocou que Zalaeta case non teña contacto co medio natural”. “A realización de actividades para reverdecer e mellorar aspectos ambientais nas instalacións do IES é un asunto de interese xeral para o barrio, xa que favorece a naturalización e sensibilización ambiental, á vez que proporciona unha importante mellora na calidade de vida da súa veciñanza”, afirma a edil.

As actuacións, nas que o Concello da Coruña investirá, a través do convenio, 7.500 euros, consistirán na colocación de plantas ornamentais e dunha malla verde, ademais dun novo sistema de rego ou o aderezo xeral desta zona das instalacións. A responsable municipal valora positivamente a “sensibilidade ambiental mostrada pola comunidade educativa do IES Menéndez Pidal ao longo destes anos e de xeito continuado, como demostra, por exemplo, non só o interese por reverdecer o recinto, senón tamén a súa participación activa en campañas de sensibilización como Móllate! “.

O inminente inicio da pavimentación dos accesos desde Eirís impulsa a urbanización do polígono do Ofimático

septiembre 24, 2017 Ayuntamiento No Comments

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, acudiu ao polígono do Ofimático, dentro das visitas de control que realiza de forma semanal, para comprobar o avance dos traballos de urbanización que se desenvolven desde o pasado mes de xullo, e que en breve servirán para iniciar a pavimentación dos accesos desde Eirís, unha actuación prevista para a vindeira semana, aínda que vinculada ás condicións meteorolóxicas dos próximos días. Como salienta Varela, os traballos, nos que están implicadas unha quincena de máquinas –4 retroescavadoras, 2 minidumpers, 3 minirretroescavadoras, 1 carretilla elevadora, 3 camións volquete, 2 rodillos compactadores e 1 bulldozer– e un importante volume de profesionais, céntranse nestes momentos na obra civil da contorna deste acceso, “onde se concentra o maior volume de traballo”, e onde xa está practicamente rematada a canalización, e delimitadas as beirarrúas. Como avanza, estas obras “progresan a moi bo ritmo e facilitarán que, a curto prazo, poidan reorganizarse os tránsitos no sector do Ofimático”, e darán pasoápavimentacióndacontornadosedificiosqueestánenconstrución.

As actuacións que se están a desenvolver están encamiñadas a dotar o Ofimático de acceso rodado e de todos os servizos necesarios para a concesión das primeiras licenzas de primeira ocupación das vivendas, desde a pavimentación de accesos e dotación de iluminación, ao abastecemento, rede eléctrica e saneamento, e inclúen outras intervencións relativas á seguridade de bens e persoas, como a colocación de valado e proteccións en desniveis ou instalación de tapas, entre outras.

Do mesmo xeito, o concelleiro salienta os avances na tramitación eléctrica do polígono coa empresa subministradora, Gas Natural Fenosa, e a Consellería de Industria da Xunta de Galicia, trámites que xa se iniciaron na fase previa ás obras, e que resultan “transcendentes, tendo en conta que unha parte importante das intervencións pendentes no polígono están relacionadas coa subministración eléctrica”. Segundo subliña, xa comezaron as obras civís que van permitir a canalización eléctrica que servirá para levar ao novo barrio o subministro desde a subestación de Eirís, “e que é, nestes momentos, o maior desafío da actuación”.

Neste sentido, o responsable municipal recalca que mantén “comunicación directa e constante tanto coa empresa como coa consellería, dado que para que poida levarse a cabo esta intervención resulta imprescindible a interlocución con Fenosa e a validación da Consellería de Industria”. Tal e como fai notar, a compañía é a encargada de redactar a documentación que permitirá tramitar esta parte da instalación eléctrica, unha vez que reciba o visto bo da Xunta, e tamén será que acometa a súa execución. “Desde o goberno da Coruña poñemos toda a nosa disposición para facilitar que estes trámites se axilicen en todo o posible, porque esta actuación é a que vai permitir ao Concello poñer en marcha as obras de subministración eléctrica dentro do polígono”, observa.