Home » coruna » Recent Articles:

O Concello porá en marcha actuacións específicas encamiñadas a favorecer a empregabilidade en base aos estudos sobre as TIC encargados á UDC e Fundación Mujeres

Abril 26, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na presentación de dous informes encargados pola Concellería de Emprego e Economía Social tanto á UDC como a Fundación Mujeres sobre a situación de empregabilidade nos sectores das TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación) e da Loxística, así como sobre a igualdade entre homes e mulleres no sector. O rexedor manifestou nun acto celebrado no Paraninfo da Universidade que os citados informes, elaborados en base a convenios municipais, servirán para artellar diversas actuacións e cursos por parte do Concello “para fomentar non só a creación de emprego, senón tamén para atender especialmente a aqueles colectivos que están a ter máis difícil o acceso ao mercado laboral”.

Durante a súa participación no evento –no que estivo acompañado entre outras personalidades polo concelleiro de Emprego, Alberto Lema, así como o reitor da UDC, Julio Abalde, María Jesús Freire, do Observatorio Ocupacional da UDC e María José Guerra, da Fundación Mujeres– o primeiro edil destacou que “o obxecto destas xornadas pasa por que, a partir de aquí, abramos o debate cun dos sectores que debe ser clave no desenvolvemento actual e futuro da cidade e na creación de emprego”. “Somos conscientes de que no sector da innovación e da tecnoloxía existe demanda de emprego, e de emprego especializado”, comentou, ao respecto do resultado dos informes. O estudo sobre a Prospección de sectores xeradores de emprego na área metropolitana da Coruña elaborado polo Observatorio Ocupacional da Universidade da Coruña, e que analizou a 600 empresas da contorna indica, entre outras cuestións, que o 32% das empresas TIC demandas novos e novas traballadoras, mentres que no sector da Loxística fano un 23%. A medio prazo, ademais, o 57% das empresas TIC e o 48% das loxísticas necesitarán nova man de obra. De xeito paralelo, o informe da Fundación Mujeres revela que apenas existen mulleres traballando no sector das TIC, “feito ademais vinculado á escasa presenza feminina nas titulacións relacionadas con estas materias”.

… Leer más

O Concello ordena a demolición da antiga nave de La Toja, na Pasaxe, tras atopar solución habitacional estable para as persoas residentes

Abril 26, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, que dirixe Xiao Varela, notificou este martes a orde para a demolición da antiga nave industrial de La Toja, na Pasaxe, á empresa propietaria, “unha vez que os servizos municipais teñen atopado – indica o concelleiro desta área– solucións habitacionais estables e adaptadas á situación das distintas persoas que habitan este recinto, que xa se están empezando a poñer en marcha”. De tal xeito, e segundo a comunicación remitida á inmobiliaria propietaria, o inicio dos traballos fíxase para o vindeiro 4 de maio, co valado do perímetro de seguridade, e a execución establécese nun máximo dun mes, o que inclúe tamén a recollida dos residuos derivados desta actuación, para que a parcela quede nas condicións de seguridade e salubridade debidas. “O Concello está en disposición de fixar estas datas para o derribo logo dun traballo silencioso e rigoroso no asentamento na busca de solucións habitacionais duradeiras para as familias afectadas”, salienta o concelleiro, para poñer en valor o labor que os distintos servizos municipais están a realizar a través do Plan de Acceso a un Hábitat Digno coas persoas residentes neste asentamento precario, e o traballo social “exhaustivo” que se está a realizar, tanto desde o punto de vista habitacional como tamén educativo, laboral e da saúde, “dirixido á normalización e integración das familias”.

“O Concello vai máis alá do que estableceu, en xuño de 2015, a sentenza que lle encomenda o realoxo temporal das persoas residentes na nave durante o tempo que duran os traballos de demolición. Desde esa data, levamos traballando coas persoas afectadas para atopar solucións habitacionais duradeiras e adaptadas ás específicas condicións de cada unha delas, solucións que hoxe están xa en marcha ou ben encauzadas, de maneira que poderán levarse a cabo, en todos os casos, antes de que se inicie a demolición”, destaca Varela, quen indica que nos últimos días estivo en contacto directo cos e coas residentes para constatar a boa marcha do proceso para o cambio de emprazamento. Como pon de relevo, o labor no asentamento estase a realizar de maneira coordinada desde as distintas concellerías implicadas, o equipo especializado creado a esta fin e tamén a Policía Local, “desde a perspectiva da realidade social dos e das habitantes e do traballo cara á plena integración que ten que impulsar o Concello”. Nese sentido, o concelleiro saúda a colaboración e boa disposición que están a atopar os equipos municipais no conxunto das persoas residentes.

Dentro deste traballo, recorda Varela, o Concello está a realizar tamén, a través da Concellería de Medio Ambiente, un plan para a recollida de residuos no asentamento, que vén de pechar a súa primeira fase coa retirada de 1.700 toneladas de materiais de refugallo da zona, e que continuará en datas próximas coa ampliación da zona de limpeza e o inicio de actuacións para a de normalización da recollida do lixo, para o que tamén se colocarán contedores, se separarán os residuos orgánicos e inorgánicos e se repartirán ecocubos, de cara a normalizar o servizo durante o período de transición ata que as persoas habitantes se incorporen a un hábitat normalizado.

Incendio

Por outra banda, a concelleira de Medio Ambiente, María García, desprazouse a primeira hora deste martes ata A Pasaxe, para comprobar cos equipos técnicos as consecuencias do incendio que se rexistrou no asentamento onte á noite, e que provocou danos de importancia en tres infravivendas. Como avanzou, o Concello procederá hoxe mesmo a retirar o material que resultou queimado, ao tempo que o servizo municipal de Bombeiros está a realizar un control exhaustivo no lugar, para evitar que o lume poida reproducirse.

O Goberno local abre hoxe a fase informativa e de recollida de propostas cidadás para os Orzamentos Participativos

Abril 26, 2017 coruna No Comments

A segunda edición dos Orzamentos Participativos, a ferramenta coa que as veciñas e veciños da Coruña deciden en que investir unha parte do presuposto municipal, arrincará hoxe, mércores 26. Este ano, o Goberno local reforza o seu compromiso con este mecanismo de democracia directa e triplicará a partida destinada para esta iniciativa, polo que a veciñanza poderá decidir o destino de 3 millóns de euros en investimentos de competencia municipal, dos que 2 se distribuirán equitativamente entre os 10 distritos propostos polo executivo coruñés (200.000€ por distrito), e un será para financiar actuacións globais na cidade. Segundo sinala a concelleira de Participación e Innovación Democrática,Claudia Delso, este reparto “quere contribuír á distribución territorial dos recursos a través de todos os seus barrios, e compensar desequilibrios históricos en relación co territorio”. “O obxectivo deste Goberno é, desde o primeiro día, garantir o dereito da veciñanza de acceder aos mesmos servizos básicos en igualdade de condicións e facilitar a súa participación en asuntos que lle competen directamente. A aposta por este proceso, no que se triplica a cantidade destinada para este fin, vén confirmar este compromiso”, afirma a edil, quen lembra que este ano ampliaranse tanto os encontros presencias de debate como os puntos de información do proceso, incluíndo unha unidade móbil que percorrerá as rúas e prazas da cidade, “para facilitar a participación de todas as persoas que o desexen”.

Así, desde hoxe mércores, ás 09.00 horas da mañá, e ata o próximo 21 de maio, calquera persoa empadroada na Coruña, maior de 16 anos, poderá facer a través da plataforma www.aportaaberta.coruna.es as propostas que desexe para calquera dos 10 distritos delimitados polo Goberno local ou ben para o conxunto da cidade. Este espazo centralizará a información recollida das achegas cidadás, así como as posteriores fases de apoios e votación destinadas a decidir unha parte do investimento do conxunto do orzamento municipal do ano que vén. … Leer más

JAVIER SANCHO HERNÁNDEZ, NOVO DIRECTOR DA REFINERÍA DA CORUÑA

Abril 26, 2017 coruna No Comments

Repsol aprobou o nomeamento de Javier Sancho Hernández como novo director da Refinería da Coruña, en substitución de Luís Felipe Llamas Gómez, quen pasa a ocupar a Dirección de Refino de Repsol en Perú, país no que a compañía ten unha Refinería. Estes cambios enmárcanse na nova estrutura organizativa que aprobou Repsol e que están en liña coa estratexia global de anticiparse aos novos retos do sector enerxético, profundar nas fortalezas e maximizar os recursos, co fin de lograr os mellores resultados na consecución do Plan Estratéxico 2016-2020.

Javier Sancho Hernández é licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Barcelona e Máster no Programa de Desenvolvemento de Directivos pola escola de negocios IESE. Ingresou en Repsol en agosto de 1991 e nos seus máis de 25 anos na compañía ocupou diversos postos no Complexo Industrial de Tarragona, nos departamentos de Xestión de Calidade, Laboratorio, Procesos, Produción, Planificación e Control, e Seguridade. En 2007 foi nomeado Subdirector de Servizos Técnicos e en 2008, Subdirector de Seguridade, Calidade e Medio Ambiente do Complexo Industrial. En 2012 asumiu o cargo de Director Xeral de Asfaltos Españois (ASESA), empresa participada por Repsol e Cepsa dedicada ao refino do petróleo e especializada na produción de betún asfáltico, posto que desempeñou ata a actualidade. No ámbito da Asociación Empresarial Química de Tarragona (AEQT), en 2012 foi nomeado Presidente da Comisión de Medio Ambiente e en 2014, Vicepresidente da Asociación.

Luis Felipe Llamas Gómez é licenciado en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun Máster no Programa de Desenvolvemento de Directivos pola escola de negocios IESE. Nos seus case 30 anos en Repsol, onde comezou a súa vida profesional en 1990, ocupou os cargos de Técnico de Procesos, Xefe de Unidades de Coquización, Xefe de Conversión e Xefe de Refinería na Coruña, ata que en 2008 foi nomeado Director de Produción do Complexo Industrial de Repsol en Tarragona. En 2011 regresou á Coruña para facerse cargo da Dirección da Refinería, cargo que ocupará ata a súa incorporación na área de Refino de Repsol Perú.

O Goberno local reforza o seu compromiso coa música e o baile tradicional e promove a súa visibilización con tres xornadas de actuacións na rúa co gallo da celebración do Día da Danza

Abril 25, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou as actividades que terán lugar con motivo do Día da Danza 2017, o 29 de abril. Nesta ocasión, e co obxectivo de “afondar no seu compromiso tanto co mundo tradicional como coa propia danza”, sinalou o edil, o Goberno local prolongará a celebración da efeméride e ofrecerá unha programación, organizada en colaboración con tres entidades de música e baile tradicional locais, que se estenderá polas rúas da cidade desde o venres, 28 de abril, até o domingo 30. Así, as asociacións culturais Donaire, Son d’aquí e Xacarandaina ofrecerán ao vivo unha escolma do seu traballo a través de tres pasacalles que percorrerán as rúas e prazas da Coruña, ata chegar á praza de María Pita, nas tardes da vindeira fin de semana. “Este ano queremos poñer en valor ao baile tradicional e darlle protagonismo nesta efeméride”, sinalou Sande, quen lembrou que, na pasada edición, os festexos estiveron vinculados “a experiencias comunitarias” a través da programación especial de danza contemporánea que o Teatro Rosalía Castro ofrece no ciclo TRC Danza. “Este Goberno ten o firme compromiso de dotar de máis presenza ás artes do movemento na programación municipal alén desta celebración, como así demostra o impulso no outono do festival Quincegotas, o apoio ao ciclo TRC e a súa programación expandida ou a creación do proxecto Ardelloeixo, que levou o baile e a música tradicional aos barrios con grande aceptación por parte da veciñanza”, explicou o edil.

“Esta énfase no mundo tradicional, tras o éxito das foliadas de Ardelloeixo, unha iniciativa co- programada co tecido cultural e asociativo da cidade, foi clave para que hoxe presentemos este Día da Danza 2017”, explicou o responsable municipal, quen incidiu “na necesaria aposta” pola “cultura de proximidade”. “Donaire, Son d’aqui e Xacarandaina representan o apoio constante que este executivo ofrece ás entidades locais que traballan no eido da música e do baile tradicional, pois grazas o seu labor non só manteñen vivo o noso folclore, senón que teñen un papel fundamental na cidade grazas a súa constante vocación de innovación e rexeneración cultural”, especificou o concelleiro. … Leer más

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...