Home » coruna » Recent Articles:

O Concello manterá o actual contrato de limpeza viaria “para garantir a prestación dun servizo esencial por razóns de saúde pública” ata que se resolva a nova licitación

junio 21, 2018 coruna Comentarios desactivados en O Concello manterá o actual contrato de limpeza viaria “para garantir a prestación dun servizo esencial por razóns de saúde pública” ata que se resolva a nova licitación

​O Concello acorda a continuidade do actual contrato do servizo de limpeza viaria ata que se complete o proceso de licitación a unha nova empresa adxudicataria. A Xunta do Goberno local extraordinaria prevista para o vindeiro venres abordará esta proposta presentada pola Concellería de Medio Ambiente, que apela ao interese xeral da prestación dun servizo “obrigatorio e esencial para garantir a protección da saúde pública e do medio ambiente”. A edil responsable do departamento, María García, explica que “o Concello dará continuidade ao actual servizo, nas mesmas condicións que ata o momento, solo polo tempo imprescindible mentres non se incorpore ao servizo a nova adxudicataria”. Medio Ambiente está traballando na redacción dos novos pregos, nos que se introducirán melloras para levar a cabo unha xestión máis sostible e que atenda demandas da veciñanza.

O Goberno local toma esta decisión, avalada pola Asesoría Xurídica municipal, en virtude dunha “razón imperiosa de interese xeral” e tras avaliar a proporcionalidade da medida, que se considera xustificada polo seu carácter temporal e porque non existe unha maneira menos restritiva para garantir a prestación do servizo, ao non ser posible debido ao prezo do contrato, a realización dun contrato que exerza de ponte entre ambas licitacións. “Esta opción é tamén a que máis garantías ofrece ao cadro de persoal, xa que establece un marco estable de seguridade xurídica para todas as partes que permite ao Goberno local manter o control á concesionaria e ofrecer estabilidade aos e ás traballadoras de cara á continuidade do seu posto e condicións laborais”, indica García.

O departamento de Medio Ambiente está a piques de finalizar a redacción dos pregos do próximo proceso de licitación do servizo, que se farán públicos nas próximas semanas. Estas bases terán un período de consulta pública, “un proceso pioneiro no Estado para este tipo de contratos e que tamén se seguiu na adxudicación do servizo de recollida de residuos”. Os novos pregos, que definirán un dos servizos máis grandes por investimento que debe xestionar o Concello, introducirán melloras no contrato para unha xestión máis sostible do servizo, que atenda demandas de veciñanza e dea prioridade ás garantías laborais do persoal. “Este é o momento de repensar o servizo e axustar as súas bases á realidade urbana, aos cambios que se produciron nos últimos anos e á construír un modelo máis sostible e eficiente”, explica García. Así, avanza que os pregos recollerán a limpeza con auga de todos os barrios da cidade, “un aspecto que non está contemplado no actual contrato e que se tentou corrixir con reforzos no verán e co programa intensivo ​A pé de barrio, iniciativa á que se lle dará continuidade dentro do contrato”. Estas novas bases tamén suporán unha mellora na limpeza das zonas verdes, a introdución de maquinaria máis eficiente, que reduza as emisións e os ruídos, e e a incorporación de todas as zonas do municipio a este servizo. “Hai barrios que non contaban mais que con asistencia esporádica da limpeza viaria porque non existían cando se asinou esta xestión”, apunta.

A Deputación da Coruña inicia unha campaña de portas abertas con motivo dos seus trinta anos no Pazo Provincial

junio 21, 2018 coruna Comentarios desactivados en A Deputación da Coruña inicia unha campaña de portas abertas con motivo dos seus trinta anos no Pazo Provincial

A Deputación da Coruña celebra trinta anos na súa actual sede da Avenida do Porto, na cidade da Coruña.

Con este motivo, a institución organiza unha campaña de portas abertas á cidadanía que incluirá visitas guiadas ao Pazo Provincial coas que se pretende dar a coñecer a historia e o patrimonio do edificio que dende hai tres décadas acolle a sede principal da Deputación da Coruña, así como o funcionamento cotián da administración provincial.

Os cidadáns interesados terán a oportunidade de visitar as distintas dependencias da Deputación, de coñecer anécdotas históricas, de ver cómo se desenvolve unha sesión plenaria e qué asuntos se deciden nela, de repasar a evolución histórica do edificio que acolleu no seu día o Hotel Embaixador ou contemplar unha vista panorámica da cidade da Coruña dende a terraza superior do edificio.

As visitas desenvolveranse todos os xoves do verán e poden realizarse previa reserva na páxina web da Deputación www.dacoruna.gal

A Deputación edita un libro sobre o patrimonio histórico-artístico do Pazo de Capitanía da Coruña

junio 21, 2018 coruna Comentarios desactivados en A Deputación edita un libro sobre o patrimonio histórico-artístico do Pazo de Capitanía da Coruña

O xeneral xefe da Forza Loxística Operativa (FLO), Francisco Javier Sánchez Fernández e o deputado provincial José García Liñares presentaron esta mañá o libro ‘Patrimonio histórico-artístico del Palacio de Capitaníade A Coruña”, editado pola Deputación da Coruña. O acto contou tamén coa asistencia do coronel Luis Poveda Martín, gobernador do Pazo de Capitanía e autor do libro.

O libro estrutúrase en tres partes: unha introducción na que se fai un percorrido histórico polos 250 anos do edificio; unha segunda relativa á arquitectura do pazo, na que se detalla o proxecto e a execución das obras de construción do inmoble e se repasan as institucións civís e militares que fixaron a súa sede no inmoble, entre elas a Deputación da Coruna que tivo a súa primeira sede no actual Pazo de Capitanía, onde permaneceu entre os anos 1833 e 1852; e  unha terceira na que se realiza un amplo percorrido fotográfico con explicacións das distintas dependencias e do importante patrimonio artístico que atesouran.

A Deputación publica un informe en que se detalla a percepción da mocidade sobre a violencia de xénero

junio 21, 2018 coruna Comentarios desactivados en A Deputación publica un informe en que se detalla a percepción da mocidade sobre a violencia de xénero

A área de Benestar Social e Igualdade da Deputación da Coruña publica os resultados do programa de prevención e sensibilización da violencia de xénero entre a mocidade “Suprime o Control”, que nesta edición contou coa participación de máis de 1.000 alumnas e alumnos de 14 centros educativos da provincia. Entre outros datos, o informe mostra que case a metade consideran que os ciumes son síntoma de afecto. A deputada Ánxela Franco defende que o informe deixa claro “que a educación é a mellor ferramenta contra a violencia machista”.

O alumnado dos institutos de ensino secundario das comarcas do Eume, Betanzos, Terras de Melide e A Coruña, vén de participar no proxecto socioeducativo que a Deputación da Coruña desenvolve dende o ano 2015 co ánimo de analizar cal é a percepción que ten a mocidade sobre os roles sexistas, as condutas de acoso e control, as relacións tóxicas ou as actitudes previas ao maltrato. … Leer más

O Concello abre ao público o Centro de Interpretación das Baterías de San Pedro, que contará con visitas guiadas ata o 15 de setembro

junio 20, 2018 coruna Comentarios desactivados en O Concello abre ao público o Centro de Interpretación das Baterías de San Pedro, que contará con visitas guiadas ata o 15 de setembro

A Concellería de Medio Ambiente abre dende onte ao público, e ata o 15 de setembro, o Centro de Interpretación das Baterías de Costa do Monte de San Pedro, que contará tamén con visitas guiadas. Ademais de ao museo e o centro, os e as visitantes poderán participar destes percorridos con guía ao telémetro, a sala do posto de observación, á sala de dirección de tiro e á peza exterior. O parque de San Pedro alberga unha das baterías de costa, que data de 1929, mellor conservadas do mundo, polo que a Concellería de Medio Ambiente aposta pola súa integración no parque dende un punto de vista que pretende achegar educación ambiental, cultural e o fomento dun turismo verde. “A composición atlántica e peninsular da cidade foi sempre estratéxica e queremos manter esa visión precisamente dende o parque que albergan as mellores vistas da cidade”, apunta a edil responsable.

As visitas guiadas, que aceptan grupos dun máximo de 15 persoas, están dispoñibles ás 12.00 e ás 17.00 horas e é preciso facer a reserva de praza no teléfono 981 184 337 ou enviando un correo electrónico a ​informacionambiental@coruna.es​. Ademais das visitas programadas polo departamento de Medio Ambiente, é posible tamén realizar o paseo cunha das visitas caracterizadas que oferta o Consorcio de Turismo, na que un guía representa o papel de cabo da batería para trasladar á audiencia a 1929 e detallar a infraestrutura que converteu ao ​Golfo Ártabro nun dos mellores protexidos do mundo. Estas visitas realízanse os venres ás 16.30 horas e é preciso apuntarse con antelación no 600 877 278 ou na web www.visitasguiadas.coruna.es O horario do centro de interpretación, que abre de martes a domingo, é de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas.

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...