Home » coruna » Recent Articles:

O Laboratorio Cidadán promove un obradoiro informativo aberto á veciñanza sobre os dereitos das traballadoras do fogar

octubre 14, 2017 coruna No Comments

O vindeiro domingo 15 de outubro, no marco das actividades do Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab, desenvolverase un obradoiro de autocoidados para traballadoras do fogar. O encontro, de carácter gratuíto, terá lugar ás 11.00 horas no local da Asociación Veciñal Agra do Orzán (Entrepeñas, 38). A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, explicou que “a través deste encontro, aberto a toda a cidadanía, o que se procura é artellar un espazo no que compartir inquedanzas arredor dos coidados, centrado especialmente naquelas persoas que traballan como empregadas do fogar e facendo especial énfase nos dereitos deste colectivo”. A iniciativa enmárcase dentro do denominado Gabinete de Imaxinación Política, un dos proxectos de innovación social que desenvolve o Co-Lab este ano, e que ten como obxectivo “configurar un espazo de pensamento e acción que procure atender á imaxinacióncomoformadeemprendertransformaciónsnacidade”,segundoindicaClaudiaDelso

O obradoiro, que combinará actividades con música e distintas dinámicas busca, segundo os e as súas promotoras, “dar a coñecer os dereitos das persoas, facendo tamén especial fincapé na situación neste ámbito do colectivo migrante e, sobre todo, compartir experiencias e traballar os autocoidados”. O encontro estará dinamizado por Territorio Doméstico, un colectivo que ten, como finalidade, o recoñecemento dos dereitos das traballadoras do fogar e a posta en valor do seu traballo.

Para máis información sobre o Co-Lab e as súas actividades, pode visitarse a páxina web municipal colab.coruna.gal .

O Concello abre este venres o prazo de solicitude para a terceira convocatoria dos cursos de formación para o emprego de 2017

octubre 13, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Emprego e Economía Social vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para participar na terceira convocatoria do ano 2017 dos cursos de formación para o emprego, á que poden optar todas aquelas persoas que se atopen en situación de desemprego, ou que desexen mellorar a súa situación laboral, e que residan no municipio coruñés. Os nove cursos deste prazo, que se impartirán desde o mes de decembro, e que van desde as 30 até as 756 horas, abranguen disciplinas como a soldadura con electrodo revestido e TIG, a pintura decorativa, a programación de máquinas de control numérico computarizado (CNC)-metal, a aplicación de normas e condicións hixiénico sanitarias en restauración, ou actividades auxiliares en viveiros e centros de xardinaría. A oferta, que se prolongará, nalgúns casos, até os meses de maio e xuño, tamén inclúe un curso de formación de uso de máquinas elevadoras de carga-carretilla e elevadoras de persoas e plataformas; outro de especialización como persoal técnico de enerxías renovables e eficiencia enerxética de edificios; ou de persoal operario de almacén. Por último, a convocatoria inclúe unha formación para a renovación da certificación de aptitude profesional (CAP) para a condución profesional, cuxo único requisito para o seu acceso –ademais de superar, como en todos os casos, a entrevista previa–, será posuír a licenza para conducir vehículos de clase C ou D en vigor.

As persoas interesadas en recibir calquera dos nove cursos de formación poderán presentar as súas solicitudes ata o 27 de outubro, a través dos rexistros municipais de María Pita, Fórum Metropolitano, Ágora ou Centro Cívico de Mesoiro. A documentación incluirá unha fotocopia do DNI; o informe de vida laboral, tarxeta de demandante ou de mellora de emprego, ou copia do contracto actual; así como un curriculum vitae breve. O 6 de novembro, ás 15.00 horas, daranse a coñecer na web www.coruna.gal/emprego , no Centro Municipal de Emprego dos Rosales, e a través do teléfono de atención cidadá 010 as citas para as entrevistas de selección, que se celebrarán, en horario de mañá, desde o 8 ao 24 de novembro –aquelas persoas que non se presenten á entrevista na data sinalada, renunciarán automaticamente a súa solicitude–. Finalmente, a listaxe de admitidas publicarase o venres 29 de novembro a través das canles anteriormente nomeadas.

A todas aquelas persoas que se presenten á convocatoria, na selección aplicaráselles un baremo que contempla diversos datos, entre outros, os seguintes: idade, tempo de desemprego, experiencia laboral ou condición de beneficiaria de programas de orientación laboral ou da Renda Social Municipal. Todos os indicadores valoraranse, previa acreditación da documentación correspondente. As persoas interesadas en presentar ou formalizar a súa solicitude poden obter máis información no Centro Municipal de Emprego dos Rosales (981.184.399), no teléfono 010 e na web www.coruna.gal/emprego .

O ciclo Poetas Di(n)versos inicia a súa novena tempada consecutiva cunha programación na que destacan “grandes nomes das letras galegas e estranxeiras”

octubre 13, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou no Pazo de María Pita a programación do ciclo Poetas Di(n)versos para este outono, que comezará o vindeiro luns 23. Serán tres recitais, de periodicidade mensual, os que terán lugar neste último trimestre do ano, no que a cita estable coa poesía cumprirá o seu noveno ano consecutivo de actividade. Nesta ocasión, segundo avanzou o edil José Manuel Sande, o auditorio do centro Ágora acollerá as voces “de grandes nomes das letras galegas e estranxeiras”, entre as que destacan Xosé Luís Méndez Ferrín, Joumana Haddad ou María Xosé Queizán. “De novo, a veciñanza terá oportunidade de gozar, dun xeito gratuíto e próximo, de grandes voces da literatura nun outono de palabras, libros e poesía”, sinalou o concelleiro, quen lembrou que o ciclo complementa a aposta do goberno local polo sector editorial e literario, na que afondou este 2017 “coa posta en marcha dun proceso participativo coas librarías da cidade, ademais de ampliar a dotación económica na Feira do Libro”, explicou Sande, “o que supuxo, ademais dun incremento notable de actividade do evento de cara á cidadanía, a promoción dun sector fundamental para o municipio”.

O concelleiro estivo acompañado na presentación pola directora de Poetas Di(n)versos, Yolanda Castaño, quen cualificou como “flamante” a programación para este outono “unha ocasión única para gozar dunha nómina importante de autoras e autores no ciclo, que conta tamén coa presenza de librarías da cidade”. Así, o luns 23 de outubro, o chinés Hu Xudong e o coruñés Mário Herrero iniciarán a tempada nunha sesión “que terá a lingua portuguesa como fío condutor”, segundo expresou a directora. “Estamos a falar de autores de poéticas de enorme modernidade, nas que destacan ecos urbanos e carnais”, salientou. … Leer más

O alcalde di que “a foto que queremos ver na Coruña entre a Xunta e o Estado é aquela na que se lle dá unha solución ao financiamento do Porto Exterior sen hipotecar a cidade”

octubre 12, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou este mércores, a preguntas da prensa, que “polo momento” o Concello non ten noticias por parte nin da Xunta nin de Puertos del Estado dos plans de ambas administracións para o bordo litoral da cidade, que foron adiantados polo presidente autonómico o pasado martes nunha comparecencia na cidade á que non foi invitado ningún representante da administración local. O rexedor manifestou que o Concello mantén a súa idea de que a fachada marítima da Coruña precisa “dunha solución global”. “Non se poden deixar pezas soltas para resolver no futuro”, salientou o primeiro edil, que evidenciou que “quedan moitas incógnitas” sobre o plan Xunta-Estado esbozado esta semana. Así, non só se referiu ao futuro e usos da Solana, San Diego e os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, senón tamén do Porto Exterior, o seu financiamento e a necesaria conexión ferroviaria. “A foto que A Coruña querería ver de verdade é esa na que a Xunta e o Estado asumen dunha vez por todas a súa responsabilidade no impulso de Punta Langosteira, apostando, con investimentos, pola conexión ferroviaria, e polo alivio da débeda da Autoridade Portuaria, negociando unha quita ou novos fondos”, dixo, “pero sen hipotecar á cidade”.

“Feijóo anunciou coma se fose unha novidade que nos terreos de Calvo Sotelo e Batería non haberá vivendas. Isto non é noticia, xa que o planeamento urbanístico vixente non prevé esas vivendas nos peiraos. Alegrámonos, non obstante, de que estea de acordo en que non se deben facer, pero a realidade é que, a día de hoxe, non sabemos cal é o proxecto, nin da Xunta nin de Portos, para estes terreos, máis aló das súas palabras sobre a necesidade de abrilos á cidadanía”, opinou. “O que non pode pretender, en todo caso, é que con esa declaración nos conformemos e renunciemos ao noso dereito, ao dereito da cidadanía, a decidir que queremos facer aí”, dixo, á vez que recordou que o Concello posúe as competencias urbanísticas. … Leer más

Alberto Lema presenta a primeira edición da Mostra Internacional do Mundo do Ocio MIMOC, “que visibilizará a oferta do lecer existente tanto na cidade como no país”

octubre 12, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou a primeira edición de MIMOC, a Mostra Internacional do Mundo do Ocio que comezará hoxe na Coruña e que se desenvolverá, até o día 15, nas instalacións de ExpoCoruña e noutros espazos da cidade. Tal e como resaltou o edil, responsable de Turismo da Coruña, a proposta, dirixida a todos os públicos, supón un foro sobre o mundo do lecer e as súas vertentes sociais, culturais e económicas. “MIMOC pretende dar a coñecer a variedade de actividades, entidades e posibilidades que abrangue o ámbito do lecer, e desde o Concello entendemos que é positivo apoiar unha iniciativa que dá visibilidade á industria do lecer que, a nivel de actividade económica e de emprego, supón un activo importante para o municipio e o país”, sinalou Lema.

Deste modo, MIMOC concentrará no evento diversas iniciativas e tipoloxías do lecer, e abranguerá desde exposicións e comercializacións de produto até actividades para todas as idades que se desenvolverán ao aire libre. No encontro participarán diferentes sectores relacionados co ámbito, como entidades do camping e caravaning, deporte, gastronomía e turismo, xogos e videoxogos, maquetismo e modelismo, artes plásticas e visuais, náutica, novas tecnoloxías e robótica ou automoción, ademais de contar coa participación de profesionais que realizar actividades para persoas con diversidade funcional ou ofrecen servizos específicos para a poboación maior. Tamén haberá espazo para coñecer a oferta de voluntariado que se pode realizar no tempo libre, e Turismo da Coruña contará cun stand propio no que se realizará un evento de showcooking, “co obxectivo de dar a coñecer un dos grandes atractivos da Coruña, como é a nosa cociña”, especificou o edil.

Para máis información sobre as entradas, así como as inscricións ás actividades, pode visitarse a paxina web www.mimoc.eu

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...