Home » coruna » Recent Articles:

O concelleiro de Emprego e responsable de Turismo destaca que os datos de ocupación e rendibilidade avalan que “A Coruña está a aumentar o seu atractivo e calidade turística”

Agosto 7, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Emprego e Economía Social, e presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, Alberto Lema, destacou hoxe que os datos de ocupación e rendibilidade do sector hostaleiro e hoteleiro da cidade neste verán referendan que “a cidade está aumentar tanto o seu atractivo como a súa calidade turística”. O responsable municipal salientou as cifras achegadas pola Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña (Hospeco), que indican que a ocupación hostaleira no pasado mes de xuño rondou o 81%, mentres que as previsións para o mes de agosto falan dun 85%, datos que se manteñen na liña positiva do pasado ano. “A Coruña está gañando indiscutiblemente en atractivo e iso se pode ver, entre outras cuestións, porque a previsión para este agosto é moi similar a do ano pasado, tendo en conta, non obstante, que este ano non contamos cun factor como é a Tall Ships Races, que no 2016 tivo á nosa cidade como porto de destino”, comentou. “A cidade gaña en atractivo por si mesma, porque ten unha identidade propia”, avaliou Lema, quen destacou, ademais, o traballo de promoción que o Consorcio de Turismo vén facendo durante todo o ano, “en espazos como Fitur ou o foro Saborea España, co propio Fórum Gastronómico celebrado na cidade ou coas promocións e publicidades en liñas aéreas”, ademais da intensa campaña desenvolvida para captar ao público irlandés e inglés, aproveitando os lazos históricos en común.

Lema destacou como outro dos datos que avalan o crecemento do atractivo turístico da cidade, máis alá da ocupación o que se refire ao prezo por habitación durante o mes de xullo, que de media se incrementou nun 9% con respecto ao ano pasado, até os 78 euros, fronte aos 71,5 do 2016. “E as previsións que nos traslada o sector falan dun aumento estimado no mes de agosto do 4,5%, dende os 88,5 euros até os 92,5 euros”, avanzou.

O responsable de Turismo municipal manifestou que, á marxe destes datos, “as expectativas de atracción turística son moi positivas, tendo en conta que esta cidade está a avanzar ademais nun modelo baseado no urbanismo accesible e saudable, na mobilidade sostible e no respecto ao medio ambiente, que é moi valorado nos indicadores turísticos neste momento”, e recordou a posta en marcha, por parte do goberno local, do Plan Estratéxico de Turismo 2017-2020.

O alcalde salienta que o Teresa Herrera deste ano “marca o inicio dunha tempada na que o Concello estará ao carón do deportivismo, mentres que o equipo asumirá un maior compromiso co deporte base da cidade”

Agosto 6, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recibiu no Pazo de María a representantes dos equipos participantes na LXXII edición do Trofeo Teresa Herrera de fútbol, co que colabora o Concello, e que enfrontará ao equipo feminino do Deportivo da Coruña co Athletic Club, así como ao conxunto masculino co West Bromwich Albion. Nun acto no Salón de Plenos municipal, o rexedor destacou as particularidades do trofeo deste ano, que antecede ao inicio dunha competición “na que temos depositadas, todos e todas, moitas esperanzas, co desexo dun Dépor máis grande e máis noso”. “Este Teresa Herrera marca o inicio dunha tempada na que, por primeira vez, o Concello vai estar a carón do deportivismo e do seu club como entidade colaboradora e, a súa vez, o Deportivo vai asumir un maior compromiso coa cidadanía e co deporte base”, dixo.

“Como goberno local, a nosa obriga é a de coidar a nosa cidadanía e iso, necesariamente, pasa por coidar Riazor e por coidar ao Dépor. Apoialo na súa vertente emocional, deportiva e económica, xa que falar do club branquiazul é facelo tamén dun motor de actividade do que se beneficia toda a cidade. Se lle vai ben ao Dépor e se lle vai ben ao deportivismo, vaille ben á Coruña”, dixo o rexedor, nun acto no que estaban presentes, entre outros, o presidente do Deportivo, Constantino Fernández; a secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; o director do West Bromwich Albion, Martin Goodman; o directivo do Athletic Club Jokin Gárate; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar, e o presidente da Asociación Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC), Manuel Vázquez. Por parte do executivo municipal, tamén estaban presentes a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o titular da Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande. … Leer más

O Concello realizou durante o último mes 200 limpezas con auga en medio cento de prazas, xardíns e rúas de toda a cidade

Agosto 6, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, deu conta das actuacións desenvolvidas polo Concello a través dos programas estivais de reforzo de limpeza vinculados ao plan intensivo de coidado do espazo público A Pé de Barrio, que no seu primeiro mes en marcha serviron para realizar máis de 200 limpezas con auga en prazas e xardíns de todos os barrios, así como nas rúas adxacentes. Esta medida, que se desenvolve en horario nocturno en 46 espazos da cidade, vai orientada a redobrar o mantemento desas prazas e puntos dos barrios que congregan a maior número de veciños e veciñas, así como a preparar os barrios para as súas festas. Desde o pasado 10 de xullo, o servizo realiza esta limpeza con baldeos nocturnos, de forma semanal e cíclica, en localizacións como son a praza de San Andrés, Campo de Marte, Indalecio Prieto, a praza do Parque, o Campo da Leña, a praza de Santa María, o mercado de Monte Alto con avenida de Hércules, a praza de Azcárraga, a praza da Constitución, a praza da Cidade Vella, os xardíns de Méndez Núñez, a praza de Pontevedra, a praza de Galicia, a praza de Recife, a praza de Vigo, Mestre Mateo, o Parque de Santa Margarita, a praza de Monforte, a rúa Ángel Senra, a rúa Barcelona, a praza das Conchiñas, a praza e a rúa Gaiteira, a rúa Claudio San Martín, o parque San Diego, a praza da Cubela, a praza do Tebeo, a de Benito Blanco Rajoy, a praza de Catro Camiños, a de Padre Rubinos, a praza da Sagrada Familia, o parque de Vioño, a praza de Alfonso XII, a praza Elíptica e a da Tolerancia, a praza Torrente Ballester a de Salvador de Madariaga, a de Pucho Boedo, a de San Cristóbal, a praza da Concordia, as rúas Pablo Picasso e Salvador de Madariaga e os aparcadoiros, a praza Esteban Lareo, a de Pablo Iglesias e a rúa Alejandro Barreiro Noy, uns traballos que poden ampliarse a outros puntos nos que se detecte a necesidade de actuar, co obxectivo de que os servizos municipais cheguen de forma equitativa a todas as áreas da cidade.

Do mesmo xeito, e como indica a concelleira, o plan municipal de coidado intensivo do espazo público A Pé de Barrio serviu para someter a unha limpeza intensiva 240 rúas do Distrito 10, que inclúe os barrios de Monte Alto, Zalaeta, a Torre, Orillamar, Cidade Vella e Maestranza, no último mes. Neste contexto, realizáronse tamén un total de 1.357 intervencións de mellora e coidado do espazo público, dentro das que se inclúen reparacións e substitucións de colectores, papeleiras, eliminacións de pintadas, reposición de arborado e roza en parques e xardíns, así como actuacións sobre pragas, reparacións de beirarrúas e fochancas ou restauración de fontes. Como recorda a responsable municipal de Medio Ambiente, este programa, que percorrerá os 10 distritos da cidade ao longo de 12 meses, foi concibido “dentro das políticas de Coruña Próxima, que buscan poñer en valor o espazo público e favorecer que a veciñanza poida gozar dos seus barrios, das súas prazas e xardíns, a través da mellora, conservación e mantemento do espazo público a través de accións en profundidade en todos os barrios, repartindo os recursos e servizos municipais de forma equitativa en todas as zonas da Coruña”.

O Goberno local referenda o seu compromiso coa situación das persoas sen fogar co centro municipal Abeiro, que desenvolve o programa de baixa esixencia e recibe cada día unha media de 13 persoas

Agosto 5, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, salientou este venres o compromiso real que o goberno local da Coruña está a amosar con respecto á situación das persoas sen fogar. Ao fío, a responsable municipal, quixo destacar os bos resultados que está a colleitar o Centro Abeiro, espazo municipal no que se desenvolve o programa de baixa esixencia destinado á cidadanía en situación de rúa e que cada xornada, dende a súa apertura hai dous meses, recibe unha media de 13 persoas ao día (sendo a súa capacidade presencial de 15). A edil manifestou que este programa vén a profundizar “na clara aposta deste goberno por resolver o problema do senfogarismo na cidade, que se traduce nun incremento do 65% na inversión dos programas que atenden as necesidades das persoas sen teito”.

“O senfogarismo é unha das consecuencias que producen as sociedades desiguais e é o claro reflexo dun fracaso colectivo”, indicou a concelleira en rolda de prensa. “Dende este goberno local queremos construír un modelo de cidade diferente, que poña no centro ás persoas e a súa dignidade. Non queremos unha cidade de persoas sen dereito, nin unha cidade que expulse, senón unha cidade próxima e acolledora. Unha cidade na que ninguén viva na rúa e que aposte por ferramentas que permitan unha vida digna”, comentou. Así, Cameán explicou como, neste liña, o departamento municipal de Xustiza Social puxo en marcha hai dous meses de forma efectiva o Centro Abeiro que ten como finalidade a prevención, atención, promoción e inserción social das persoas que pasan a noite na rúa. “Está aberto todos os días do ano, de 21.00 horas a 08.00 horas e conta con seis auxiliares de atención a tres integradoras sociais que traballan no centro e na rúa”, recordou. … Leer más

O Concello aborda un proxecto de mellora da accesibilidade e seguridade viaria nos servizos das rúas Capitán Juan Varela e Monforte, cun orzamento de 194.000 euros

Agosto 4, 2017 coruna No Comments

O Concello da Coruña aborda nestes momentos un proxecto de mellora da accesibilidade e seguridade no espazo público das rúas Capitán Juan Varela e Monforte (zona dos Novos Xulgados), unha intervención que conta cun orzamento próximo aos 194.000 euros. Esta mañá, o alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, visitaron as obras, que se prevé continúen até mediados de setembro. O edil destacou que se trata dun proxecto “importante” que se basea, principalmente, en acometer actuacións de reposición, mellora e ampliación das beirarrúas, coa intención de incrementar a accesibilidade da zona, así como abordar actuacións que deriven nunha maior seguridade nos cruces. “En definitiva, estamos falando de levar a cabo unha tarefa de humanización”, comentou o concelleiro, quen destacou que a obra que se acomete “baséase na ampliación da zona beirarrúas, mais tamén se abordarán actuacións de renovacións dos pasos de peóns, en cumprimento da normativa de accesibilidade vixente, ampliando as zonas de acceso aos pasos e facendo que estes sexan, polo tanto, máis pequenos e, en definitiva, máis seguros”, engadiu.

O proxecto de ampliación e mellora do espazo público destinado ao tránsito peonil vese ademais complementado cunha reordenación das prazas de aparcamento, “de forma que os vehículos sigan a ter practicamente o mesmo espazo, pero, o máis importante, facendo que os peóns gañen en accesibilidade e en seguridade”. Do mesmo xeito, e segundo indicou o titular de Rexeneración Urbana, “no compromiso do goberno local por novas fórmulas de mobilidade sostible alternativas ao vehículo privado, fomentaremos o uso da bicicleta dotando á rúa Juan Varela dun amplo espazo reservado para as mesmas con aros aparcabicis ”.

A vertente de mellora ambiental tamén está contemplada nesta actuación coa plantación dun novo elemento arbóreo. “Neste senso, tamén hai que subliñar que tanto Capitán Juan Varela como a rúa Monforte carecen dun sistema separativo de saneamento, polo que se dotará de servizo a estas rúas, executando un novo colector de augas pluviais”, destacou o concelleiro. Estas son as actuacións previstas nunha primeira fase, que pode ser ampliada nunha seguinte na rúa Oidor Gregorio Tobar.

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...