Home » coruna » Recent Articles:

A Concellería de Rexeneración Urbana tramitou entre o 12 e o 24 de xullo 96 expedientes de obras e 47 de inicio de actividade

Julio 29, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, deu traslado este venres á Xunta de Goberno local o informe relativo ás licenzas e demais títulos habilitantes tramitados desde a súa área entre o pasado 12 e 24 de xullo, período no que este departamento resolveu un total de 143 expedientes. Dese total, 28 corresponden a licenzas urbanísticas, ás que cabe sumar as 68 comunicacións previas ao inicio de obras tramitadas. As 47 restantes son comunicacións previas ao inicio de actividades ou apertura de establecementos. Tal e como sinala o responsable municipal, este traslado de información á Xunta de Goberno responde ao compromiso adquirido polo equipo de Goberno tras a entrada en vigor, o pasado mes de abril, da delegación no titular de Rexeneración Urbana da resolución das solicitudes de licenza cuxo orzamento de execución material sexa inferior a 1,2 millóns de euros.

Logo da remisión do informe á Xunta de Goberno, os grupos da oposición no Concello contan xa co informe dos títulos habilitantes tramitados neste período de tempo, así como a información detallada da resolución de cada un dos expedientes, “dentro do compromiso do Goberno local coa transparencia na súa xestión”, segundo recorda o responsable municipal de Rexeneración Urbana.

O programa ‘A Pé de Barrio’ rexistra nas súas primeiras catro semanas 1.083 actuacións de mellora do espazo público en distintos barrios do Distrito 10 da cidade

Julio 28, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, deu conta das actuacións desenvolvidas polo Concello da Coruña a través do programa intensivo de mellora do espazo público A Pé de Barrio . En concreto, e segundo informou a responsable municipal, nas catro semanas de vixencia do citado programa leváronse a cabo 1.083 intervencións en barrios. En concreto, e até o de agora, en Monte Alto, Zalatera, Orzán, Orillamar e, nestes momentos, Cidade Vella. “O programa, que se propón traballar de forma intensiva ao longo de 12 meses nos 10 distritos da cidade, ten como principal obxectivo optimizar os recursos tanto de Medio Ambiente como de Rexeneración Urbana nos barrios, de forma que melloremos a calidade do espazo público”, comentou.

García explicou que, no que atinxe ao seu departamento, “as intervencións que se están a facer xiran, por exemplo, en torno ao reforzo de limpeza, á limpeza con auga, reparación de contedores, papeleiras e suxeitacontedores”. Así, a concelleira cuantificou en 241 as intervencións a este respecto, mentres que se levaron a cabo, até o de agora, 88 accións de eliminación de pintadas nos barrios tratados, ademais de 118 actuacións de reposición e roza de arborado. Tamén, a concelleira enumerou, entre outras accións levadas a cabo, “actuacións en 128 elementos da rede eléctrica e 84 substitucións de lámpadas públicas e equipos auxiliares, ademais de actuacións singulares baseadas na hidrolimpeza como, por exemplo, a reparación da fonte dos Surfistas, a de Curros Enríquez, o estanque do Obelisco ou o Millenium, estes últimos no Distrito do Común no que tamén se actúa”. “No que atinxe, por exemplo ás beirrarrúas, nestes primeiros barrios tratados con este programa intensivo, destacan actuacións como a colocación e alineamento de bancos no Paseo Marítimo, dende a Casa dos Peixes até o Castelo de San Antón”, comentou a responsable municipal. … Leer más

O alcalde presenta o Campionato do Mundo de Snipe, que se celebrará do 1 ao 11 de agosto na Coruña, “un exemplo máis da relación da cidade co Atlántico nunha das súas vertentes imprescindibles, como é o deporte náutico”

Julio 28, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou no Pazo de María Pita o Campionato Mundial de Snipe, competición que se celebrará na Coruña entre os días 1 e 11 de agosto. O rexedor destacou que a cita deportiva, que promove o Real Club Náutico coa colaboración do Concello, coincidirá no tempo coas Festas de María Pita e “situará á cidade e as súas augas no foco mundial da vela durante o mes de agosto”. A celebración desta iniciativa no municipio incide, “á vez”, segundo Ferreiro, “no compromiso do Goberno local co lecer e deporte náutico”. “O Goberno local reafirma a súa aposta da Coruña como cidade atlántica e mariñeira, por mirar cara ao mar e afondar na relación do municipio co seu patrimonio natural e co Atlántico tamén nunha das súas vertentes máis singulares e que cremos imprescindibles, como é o deporte náutico”, destacou Ferreiro. O primeiro edil coruñés lembrou, a este respecto, que no pasado mes de xullo a Enseada do Orzán acolleu “a Champions League das traiñeiras, coa primeira edición da Bandeira Cidade da Coruña”, pero que a actividade deportiva náutica continuará esta fin de semana co Campionato de España de Pesca Submarina, no mes de agosto coa Bandeira Teresa Herrera ou proximamente co impulso ás bases náuticas, “que completarán a actividade das Escolas Deportivas Municipais, ou o regreso da Tall Ships Races, de cara ao ano 2020”. “O deporte é unha ferramenta imprescindible para mirar polo futuro da nosa veciñanza e da cidade, como é imprescindible mirar o mar, como parte da nosa historia, memoria e tradición, pero tamén do noso presente e futuro, de todas as potencialidades desta cidade”, aseverou.

O Campionato Mundial do Snipe acollerá dúas competicións, da categoría Xuvenil e Open, que admitirá tamén participantes da primeira. Entre as dúas modalidades, haberá máis de 200 regatistas de 18 países diferentes, “entre os que se atopan campións do mundo, de Europa ou dos Xogos Panamericanos”, segundo avanzou o alcalde, que estivo acompañado de Germán Suárez-Pumariega, presidente do Real Club Náutico da Coruña, a quen agradeceu o seu impulso na organización do evento. No acto tamén estiveron presentes Martín Bermúdez, Secretario Xeral en Europa da Snipe Class International Racing Asssociation (SCIRA) e Marta Míguez, Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. … Leer más

A Coruña acolle desde o 1 de agosto a XLVI Feira do Libro, “na que terán especial visibilidade os axentes culturais da cidade e que contará cunha gran oferta actividades para o público infantil”

Julio 27, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presentou este mércores as principais novidades que acompañarán a tradicional Feira do Libro, “un evento que forma parte xa da memoria colectiva coruñesa e das súas festas, recordándonos, xunto con Viñetas desde O Atlántico, a compoñente cultural, editora e creadora desta cidade”. O edil explicou que, desta ocasión, o Concello non só mantén a súa colaboración coa Federación de Libreiros de Galicia, principais organizadores do evento, que cumpre a súa edición número 46, senón que ademais, e de forma análoga, desenvolveranse unha serie de actuacións e accións encamiñadas a visibilizar e empoderar ás propias librarías da cidade, “como axentes culturais de proximidade, imprescindibles para o noso crecemento”. De feito, e con este motivo, o Concello decidiu, a través da súa achega, favorecer a participación de pequenas librerías nesta feira, rebaixando considerablemente as cotas que deben aportar para poder ter un posto tanto as librerías federadas como as non federadas. “Para nós é fundamental recoñecer e amosar ao conxunto da cidadanía a profesionalidade e o traballo constante das librarías da Coruña, así como a súa notable vocación de reinvención en espazos culturais comunitarios, máis alá de meros lugares de venda de libros”, salientou o responsable municipal, que destacou que esta é a segunda acción que a Concellería de Culturas do Goberno coruñés leva a cabo co colectivo de libreiros e libreiras coruñeses logo do éxito da campaña especial con motivo das Letras Galegas. “As festas de María Pita deben estar impregnadas de cultura en consonancia co modelo cultural que queremos para esta cidade e, ademais, por que non dicilo, esperamos que esta Feira da Libro tamén serva para poñer en valor o comercio cultural de proximidade”, explicou Sande. … Leer más

A Concellería de Medio Ambiente iniciará de forma inminente a reforma integral da antiga paxareira de San Diego para a súa adaptación como espazo para hortas educativas “e favorecer o contacto coa natureza na cidade”

Julio 27, 2017 coruna No Comments

O Concello da Coruña iniciará nas próximas datas as obras de reforma integral e reparación das instalacións que albergaban a antiga paxareira de San Diego para acondicionalas e adaptalas ao o seu novo uso como espazo para hortas educativas. Así o vén de confirmar a concelleira de Medio Ambiente, María García, quen indica que neste recinto público “primará o carácter pedagóxico sobre o produtivo” e será empregado pola comunidade escolar do CEIP Sal Lence de cara ao próximo curso escolar. O obxectivo do proxecto é, tal e como sinala a edil, “dotar aos centros educativos do barrio de ferramentas para unha educación ambiental de maior calidade e de contacto co medio”. “Este Goberno quere facer unha cidade máis próxima e favorecer, dentro da cidade, o contacto da veciñanza co seu patrimonio natural, en especial entre as nenas e os nenos”, asevera García. A responsable municipal avanza que o executivo coruñés abre a posibilidade que, unha vez posta en marcha a nova instalación, esta poida ser empregada, nas épocas non lectivas, por outros colectivos ou asociacións do barrio, un proxecto que enlaza coa idea do Goberno local “de entender o coidado do medio ambiente como unha tarefa colectiva e compartida”.

A proposta, tal e como sinala a concelleira, xurdiu da propia comunidade escolar do CEIP Sal Lence, “coa que o Goberno local deseñou, en colaboración, os novos usos do equipamento”, cuxa anterior actividade o Concello cesou, atendendo ás políticas de benestar animal e por non adaptarse a instalación á lexislación vixente para usos zoolóxicos. Así, de cara o próximo curso escolar, o alumnado deste centro disporá do recinto para crear un horto de especies comestibles así como de herbas aromáticas, entre outras plantas. O novo equipamento albergará unha zona de acceso, na que sexa posible cambiar de calzado, deixar a chaqueta ou superpoñer roupa de traballo que protexa á da rúa, unha de aseo e a propia zona da horta. Está previsto que esta se traballe no formato de bancais elevados e contará con subministro de auga e rego, así como con mobiliario suficiente tanto para desenvolver os diferentes labores, como para gardar a ferramenta empregada.

As obras, nas que o Goberno local destinará, aproximadamente, 34.500 euros, suporán o acondicionamento funcional do equipamento, a través da retirada dos elementos en desuso ou a reparación e substitución daqueles danados, como a zona de alumeado ou os baños, para adaptalos así ao uso do alumnado dos centros educativos e para persoas con discapacidade, ademais de dotar ao espazo do equipamento necesario, como mobiliario de almacenaxe, asentos ou mesas de traballo. Dentro das actuacións previstas no interior do recinto, o Concello acondicionará e adaptará a zona exterior do mesmo coa eliminación dos antigos paneis informativos referidos ao uso como paxareira, e redistribuirá os bancos existentes, agora dispostos de cara ao edificio para a contemplación dos paxaros, en función das necesidades do novo espazo. A edil de Medio Ambiente lembra que a obra “ofrecerá solucións respectuosas co medio e coas persoas”, ao empregar materiais naturais e renovables, principalmente madeira, ademais da reutilización de elementos do equipamento e a incorporación doutros facilmente desmontables. “Todos os materiais das instalacións trataranse con criterios de construción ecolóxica, pensando en todos os usos que o espazo terá”, incide a concelleira.

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...