Home » coruna » Recent Articles:

A Concellería de Medio Ambiente iniciará de forma inminente a reforma integral da antiga paxareira de San Diego para a súa adaptación como espazo para hortas educativas “e favorecer o contacto coa natureza na cidade”

Julio 26, 2017 coruna No Comments

O Concello da Coruña iniciará nas próximas datas as obras de reforma integral e reparación das instalacións que albergaban a antiga paxareira de San Diego para acondicionalas e adaptalas ao o seu novo uso como espazo para hortas educativas. Así o vén de confirmar a concelleira de Medio Ambiente, María García, quen indica que neste recinto público “primará o carácter pedagóxico sobre o produtivo” e será empregado pola comunidade escolar do CEIP Sal Lence de cara ao próximo curso escolar. O obxectivo do proxecto é, tal e como sinala a edil, “dotar aos centros educativos do barrio de ferramentas para unha educación ambiental de maior calidade e de contacto co medio”. “Este Goberno quere facer unha cidade máis próxima e favorecer, dentro da cidade, o contacto da veciñanza co seu patrimonio natural, en especial entre as nenas e os nenos”, asevera García. A responsable municipal avanza que o executivo coruñés abre a posibilidade que, unha vez posta en marcha a nova instalación, esta poida ser empregada, nas épocas non lectivas, por outros colectivos ou asociacións do barrio, un proxecto que enlaza coa idea do Goberno local “de entender o coidado do medio ambiente como unha tarefa colectiva e compartida”.

A proposta, tal e como sinala a concelleira, xurdiu da propia comunidade escolar do CEIP Sal Lence, “coa que o Goberno local deseñou, en colaboración, os novos usos do equipamento”, cuxa anterior actividade o Concello cesou, atendendo ás políticas de benestar animal e por non adaptarse a instalación á lexislación vixente para usos zoolóxicos. Así, de cara o próximo curso escolar, o alumnado deste centro disporá do recinto para crear un horto de especies comestibles así como de herbas aromáticas, entre outras plantas. O novo equipamento albergará unha zona de acceso, na que sexa posible cambiar de calzado, deixar a chaqueta ou superpoñer roupa de traballo que protexa á da rúa, unha de aseo e a propia zona da horta. Está previsto que esta se traballe no formato de bancais elevados e contará con subministro de auga e rego, así como con mobiliario suficiente tanto para desenvolver os diferentes labores, como para gardar a ferramenta empregada.

As obras, nas que o Goberno local destinará, aproximadamente, 34.500 euros, suporán o acondicionamento funcional do equipamento, a través da retirada dos elementos en desuso ou a reparación e substitución daqueles danados, como a zona de alumeado ou os baños, para adaptalos así ao uso do alumnado dos centros educativos e para persoas con discapacidade, ademais de dotar ao espazo do equipamento necesario, como mobiliario de almacenaxe, asentos ou mesas de traballo. Dentro das actuacións previstas no interior do recinto, o Concello acondicionará e adaptará a zona exterior do mesmo coa eliminación dos antigos paneis informativos referidos ao uso como paxareira, e redistribuirá os bancos existentes, agora dispostos de cara ao edificio para a contemplación dos paxaros, en función das necesidades do novo espazo. A edil de Medio Ambiente lembra que a obra “ofrecerá solucións respectuosas co medio e coas persoas”, ao empregar materiais naturais e renovables, principalmente madeira, ademais da reutilización de elementos do equipamento e a incorporación doutros facilmente desmontables. “Todos os materiais das instalacións trataranse con criterios de construción ecolóxica, pensando en todos os usos que o espazo terá”, incide a concelleira.

‘Viñetas desde o Atlántico’ incide no seu carácter divulgativo e fomentará as visitas ás exposicións, premiando a veciñanza co catálogo da súa vixésima edición

Julio 25, 2017 coruna No Comments

O Salón Internacional do Cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico, incidirá na súa vixésima edición no carácter pedagóxico e divulgativo da cita en relación á banda deseñada. Por vez primeira o evento, promovido pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, promoverá un percorrido especial arredor das distintas salas de exhibicións do Festival, co obxectivo de achegar o cómic a todos os públicos, en especial as máis novas e novos. Así, o folleto informativo desta edición –que se celebrará entre os días 7 e 13 de agosto– incluirá un apartado especial deseñado para reunir o selo da visita a seis das exposicións do Salón, e as primeiras 500 persoas que se acheguen até a Rúa da BD co documento selado na súa totalidade, recibirán o catálogo conmemorativo deste 2017, ano no que Viñetas cumpre o seu 20 aniversario.

O Concello da Coruña editará 5.000 exemplares deste folleto informativo, que inclúe información sobre as exposicións deste ano e as súas localizacións, así como as conferencias e mesas redondas ou as sinaturas e actividades da Rúa da BD, que un ano máis se situará nos xardíns de Méndez Núñez. O documento conterá, como novidade, un apartado especial con seis espazos nos que a veciñanza poderá certificar, coa axuda do persoal das salas, a súa visita a seis das sedes desta edición de Viñetas: o Kiosco Alfonso, o Pazo Municipal de María Pita, a Sala Municipal de Exposicións Palexco, a Casa de Cultura Salvador de Madariaga, a Sala AFundación e a Fundación Barrié; espazos nos que, precisamente, este folleto estará á disposición do público.

Deste xeito, tras cada visita, o persoal das salas de exhibición selará o documento de man ás persoas que así o desexen. Unha vez estea completo o documento acreditativo, a cidadanía poderá achegarse até as casetas de Información da Rúa da BD. Para esta iniciativa, o Concello dispón de 500 exemplares que se repartirán entre as primeiras 500 persoas que entreguen o folleto cos selos dos espazos anteriormente citados.

Viñetas desde o Atlántico contará, nesta edición, con sete sedes expositivas. Así, o Pazo de María Pita acollerá unha mostra coa obra do último Premio Nacional de Cómic, Pablo Auladell; o Kiosco Alfonso, a obra de Eduardo Risso, Ralph Meyer, Kiko Da Silva, Cameron Stewart e Julie Rocheleau; a Sala Municipal de Exposicións Palexco, o traballo de Bruno Chevrier (Nob), Rayco Pulido, Dave McKean e Natacha Bustos; a Casa da Cultura Salvador de Madariaga a proposta Da novela ao cómic , de Javi Rey e Ernest Sala, e o Fóra de Mapa de Emilio Fonseca, premio Castelao 2016; e a Torre de Hércules mostrará todos os carteis das distintas edicións de Viñetas desde o Atlántico . Ao circuíto de equipamentos municipais este ano súmanse dous espazos expositivos. Así, a Fundación Barrié acollerá Dez anos de Premio Nacional de Cómic , unha mostra pioneira na que a cidadanía poderá achegarse á obra dos últimos dez galardoados con este recoñecemento, entre os que se atopa Miguelanxo Prado, director do Salón; e Sala Afundación será a sede da mostra A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas .

O programa municipal ‘A Pé de Barrio’ realizou no seu primeiro mes de funcionamento máis de 940 intervencións de mellora e coidado do espazo público nos barrios do Distrito 10

Julio 24, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, deu conta das actuacións desenvolvidas polo Concello da Coruña a través do programa intensivo de mellora do espazo público ‘A Pé de Barrio’ no seu primeiro mes en funcionamento. O programa, que traballa ao longo de 12 meses nos 10 distritos da cidade, ten como obxectivo optimizar os servizos de Rexeneración Urbana e de Medio Ambiente para mellorar a calidade do espazo público en todos os barrios, con intervencións que inclúen a limpeza viaria, mantemento de colectores, retirada de herbas das beirarrúas, coidados de parques e xardíns ou do alumeado público e as fontes ornamentais, entre outras. Desde o pasado 19 de xuño, data na que se puxo en marcha o plan no Distrito 10, que abrangue Monte Alto, Atochas, Cidade Vella, Orillamar, As Lagoas, Pelamios, Zalaeta, Orzán, Maestranza, Peixería, Durmideiras, A Torre e Agra de San Amaro, realizáronse un total de 944 actuacións de mellora e coidado do espazo público.

Así, os servizos municipais realizaron, entre outras, intervencións de rexeneración urbana en todo o distrito, que comprenden, no caso do alumeado público, 84 substitucións de lámpadas e equipos auxiliares, ademais da reposición de 128 elementos da rede eléctrica e actuacións de eficiencia do consumo enerxético, ou a limpeza, reparación e pintado de fontes como a dos Surfistas ou a de Curros Enríquez, nos Xardíns de Méndez Núñez. Ao mesmo tempo, o programa tamén realizou 209 reparacións e substitucións de contedores de residuos, incluídas papeleiras, suxeitacolectores e colectores soterrados, 71 actuacións de roza e plantación de arborado en parques e xardíns ou 62 eliminacións de pintadas.

Ademais destas actuacións, o dispositivo de limpeza integral de ‘A Pé de Barrio’ supuxo melloras en 190 rúas, prazas e parques deste Distrito 10. O plan desenvolveuse entre os días 19 de xuño e 6 de xullo en Monte Alto, continuou nos barrios de Zalaeta e Orzán desde o 7 até o 14 de xullo, e comezou o pasado 15 de xullo en A Torre, As Atochas e Orillamar. A partir do mércores 26, unha vez finalice a XXIII Feira das Marabillas, as actuacións de limpeza intensiva realizaranse, até o día 31, na Cidade Vella e Maestranza, mentres que proseguen o resto de intervencións de mellora do espazo público en todos os barrios do distrito.

O Goberno local impulsa o programa ‘Coruña Emprego Xove’, que ten como obxectivo facilitar a inserción sociolaboral da mocidade “a través da formación e accións innovadoras baseadas nas novas tecnoloxías”

Julio 23, 2017 coruna No Comments

O Goberno local porá en marcha nas próximas semanas o programa de emprego xuvenil Coruña Emprego Xove, unha iniciativa impulsada pola área de Emprego e Economía Social que ten como finalidade abordar a capacitación profesional de mozas e mozos que están a piques de rematar a súa etapa formativa co obxectivo de facilitar a súa inserción sociolaboral. O proxecto, tal e como avanza o edil Alberto Lema, desenvolverase ao longo de 18 meses, comezando este verán e prolongarase até o final de 2018. “Este programa, cuxa posta en marcha será inminente, ten como finalidade a integración sustentable das mozas e mozos da Coruña no mercado laboral, a través do acompañamento e a orientación, á vez que lles ofrece ferramentas transversais que lles dean capacidades para desempeñar unha profesión”, explica o concelleiro. “O Concello da Coruña está a traballar en facilitar o maior número de recursos posibles para favorecer o acceso ao emprego, en especial a colectivos con maior dificultade, e o fai tamén a través de programas como Coruña Emprega, con case 1.000.000 de euros de orzamento”, lembra o edil, quen sinala que esta nova proposta da súa área afondará na reincorporación da mocidade no sistema educativo formal.

“Este Goberno entende a educación e o acceso á mesma como unha das súas prioridades. É unha importante ferramenta que dá a todas as persoas a posibilidade de ter as mesmas oportunidades, e de camiñar cara a unha sociedade máis preparada e igualitaria”, expón o edil, quen avanza que o programa “dotará dun amplo abano de coñecementos básicos ás e aos participantes”. “ Coruña Emprego Xove promoverá o retorno á ensinanza formal, co obxectivo que as mozas e mozos poidan obter unha formación básica previa, necesaria e fundamental para abordará a súa profesionalización con garantía de éxito”, destaca. Para o desenvolvemento destes itinerarios, que incluirán prácticas profesionais, a proposta desenvolverá, ao tempo, un centro aberto de titorización personalizada para as usuarias e usuarios, o denominado Espazo de Emprego Xove , “na procura de mellorar a empregabilidade xuvenil a través do acompañamento e a estimulación da participación responsable en actividades ocupacionais de carácter tanto individual como colectivo”. Neste centro incidirase no deseño e execución de accións complementarias, “innovadoras e baseadas nas novas tecnoloxías”, segundo especifica Lema, dirixidas a orientar e motivar á mocidade para a procura activa de emprego e o seu mantemento. “Cómpre salientar, neste sentido, que a partir deste ano contaremos tamén cun reforzo de 650.000 euros dos fondos DUSI para fomentar a formación e a empregabilidade a través das TICS”, asevera o concelleiro.

O programa, que vén de recibir 476.633,32 euros do Fondo Social Europeo, realizará un traballo continuo de prospección laboral, “que permitirá coñecer as oportunidades reais de emprego que ofrece o territorio e anticiparse ás necesidades de cualificación profesional máis demandadas”, sinala o concelleiro. Nesta liña, ademais, tal e como avanza o responsable municipal, a iniciativa promoverá “o traballo en rede do Concello con entidades e institucións locais especializadas neste ámbito”, a través da creación de redes de intercambio metodolóxico e técnico entre as mesmas, “para o fomento do aprendizaxe mutuo na xestión das políticas activas de emprego”. Finalmente, poranse en marcha unha serie de actuacións de seguimento e avaliación de todas as accións que se desenvolvan no marco do proxecto, á fin de identificar as boas prácticas susceptibles de seren transferidas a outros ámbitos de actuación.

A Casa das Ciencias presenta a exposición ‘A astronomía como cha contan’, unha reflexión sobre como os medios difunden os fitos científicos que recolle “o espírito deste museo na propagación do coñecemento”

Julio 23, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou este venres na presentación da exposición ‘A astronomía como cha contan’, que se pode ver na Casa das Ciencias, unha mostra sobre astronomía e exploración espacial vista a través dos medios de comunicación e as redes sociais. Como destacou o responsable municipal, trátase dun tema “de especial relevancia e de gran impacto na cidade, onde a astronomía é un punto de atención científica e divulgativa e na que abundante cidadanía, máis alá do colectivo especializado, pon o seu interese”. Do mesmo xeito, Sande fixo fincapé na calidade desta proposta –feita case en exclusiva por persoal dos Museos Científicos, tanto na súa concepción como tamén no deseño, montaxe e execución, e apoiada en tecnoloxías libres–, que “non por casualidade se ubica na Casa das Ciencias”. “Para nós era importante darlle a prestancia que ten a este recinto, o primeiro espazo da rede de museos científicos da cidade, tan esencial e que tanto fixo polo espírito científico desta cidade e pola propagación do coñecemento, e esta é unha ocasión excelente”, comentou.

A mostra céntranse, tal e como sinalou o responsable municipal, na astronomía e a exploración espacial, a través de módulos expositivos distribuídos en seis grandes ámbitos que cobren, respectivamente, a exploración do Sistema Solar, os confíns do universo, o descubrimento de planetas extrasolares, a contaminación lumínica, a vida dos e das astronautas e a importancia dos satélites que observan a Terra, a través de obxectos, elementos interactivos, audiovisuais, paneis gráficos e exemplos de noticias procedentes de medios de comunicación e redes sociais analizadas desde unha perspectiva crítica. Como todas as exposicións da Casa das Ciencias, ‘A astronomía como cha contan’ incorpora elementos interactivos que ofrecen unha perspectiva lúdica e participativa dos contidos. Trátase de elementos orixinais desenvolvidos polo equipo de produción dos Museos Científicos Coruñeses. Entre eles destacan unha pista de baile que reacciona con luz e son ao impacto de raios cósmicos, un fotomatón no que é posible facerse fotografías en luz infravermella ou un dispositivo que debuxa paisaxes a medida que imos modelando un terreo coas mans. Na presentación da exposición, Marcos Pérez Maldonado, director técnico da Casa das Ciencias, destacou e agradeceu a colaboración con outras entidades para facer posible este evento, así como aos e ás traballadoras de todos os Museos Científicos e os e as colaboradas externas. “Esta exposición é o elemento diferencial da Casa das Ciencias dentro dunha oferta lúdica moi asequible, é un espazo de reflexión crítica sobre o contexto social, económico e comunicativo, e o que fai é aplicar o discurso dos Museos Científicos coruñeses, buscando a interdisciplinariedade, na que a ciencia aparece non como unha cousa extraordinaria e allea á sociedade e a cultura, e igualmente a interactividade”, manifestou. … Leer más

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...