Home » Deportes » Recent Articles:

A Coruña reforza a súa aposta pola vinculación do mar e o deporte coa celebración, entre o 27 e o 30 de abril, da copa estatal de vela da clase Láser 4.7

abril 18, 2018 Deportes No Comments

​A Coruña acollerá entre o 27 e o 30 de abril a celebración da Copa Estatal de vela clase Láser 4.7. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá na presentación do evento, organizado polo Real Club Náutico da Coruña e que conta co apoio do Concello, unha medida que dá continuidade á liña de colaboración establecida coa entidade deportiva tras o Campionato Mundial de Snipe que se celebrou pasado mes de agosto, “unha competición exitosa e que, como a que hoxe presentamos, contribúen á difusión e proxección dunha cidade de mar e na que os eventos deportivos xogan un papel fundamental”, segundo apuntou o edil. “Para o goberno local é prioritario apoiar e acompañar o traballo das entidades deportivas así como fomentar o deporte do ámbito local. No eido náutico, estes colectivos levan anos facendo un loable labor de promoción dos deportes do mar. Grazas a elas, en parte, A Coruña xa non vive de costas ao océano”, sinalou Sande, quen defendeu a aposta do executivo municipal pola relación “dunha cidade náutica”, de competición e de saúde vinculada á practica deportiva. Na presentación tamén estiveron presentes o presidente e o vocal de vela do Real Club Náutico, Germán Suárez Pumariega e Miguel San Claudio. Ambos coincidiron na idoneidade da cidade para a celebración deste tipo de eventos, tanto polas características da súa baía como do vento. “Con esta proba queremos demostrar que A Coruña non é só unha cidade litoral, senón unha localidade marítima que está volcada co mar”, apuntou San Claudio.

A Copa da clase Láser 4.7 contará coa participación de máis de 130 regatistas de 12 comunidades autónomas de todo o Estado, e contará cunha importante representación de clubes galegos, entre os que se inclúen os coruñeses Oza-Puntal e o propio organizador. A competición dividirase en dúas categorías sub16 e sub18 –ambas contarán con modalidade feminina e masculina–, nas que se disputarán un máximo de 9 probas. Durante a xornada do 27 de abril realizaranse as diferentes medicións, e as probas celebraranse na finde semana do 28 e o 29, comezando ás 12.00 horas da mañá. Finalmente, o luns 30 terá lugar unha regata tamén contra o mediodía e, ás 19.00 horas, celebrarase a entrega de premios ás primeiras persoas clasificadas do torneo.

O Concello mantén aberto até o domingo 8 o prazo extraordinario de inscrición de Coruña42 e a proba popular 10K

abril 6, 2018 Deportes No Comments

​A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento avanza na preparación da nova edición do Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará o vindeiro 15 de abril. A área que dirixe José Manuel Sande vén de dar a coñecer o nome das e dos atletas máis recoñecidos que participarán na proba, e que inclúe, entre outros, ao corredor santiagués Pedro Nimo ou ao olímpico Luis Feiteira. Tamén contarán con dorsal Mónica Granero, gañadora o pasado ano da carreira, ou María Rosario Figueroa, a primeira muller en cruzar a liña de meta no maratón do ano 2016. Deste xeito, a cita co circuíto coruñés reunirá a grandes nomes da distancia, aos que se sumarán os deportistas ecuatorianos Manuel Gustavo Cañar Sandoval, Ángel Gerardo Chasi Toalombo e Marco Antonio Erazo Montero, todos eles con marcas por debaixo das 2.21.03 horas. A proba, como vén sendo habitual, coincidirá coa celebración do Campionato de Galicia Absoluto de Veteranos e Clubs, que conta con 200 persoas inscritas, das que 178 son homes e 22 son mulleres.

O prazo de inscrición para participar na VII edición de Coruña42 aínda está aberto até o vindeiro 8 de abril a través da web da Federación Galega de Atletismo ​www.carreirasgalegas.com​, nun período extraordinario no que a cota final é de 40 euros no caso do Maratón Atlántica. Neste segundo treito de inscricións, tamén é posible formalizar a participación na proba popular 10K, un percorrido destinado a un perfil máis amador que o da maratón e no que xa hai inscritas, con datos de onte, máis de 1.315 persoas. Para a carreira de 10 quilómetros a contía que se deberá aboar será, finalmente, de 15 euros.

… Leer más

A Deputación apoia con 125.000 euros ao Club Basquet Coruña

abril 6, 2018 Deportes No Comments

A Deputación da Coruña destina 125.000 euros para apoiar ao Club Básquet Coruña na súa actividade deportiva.

Esta achega económica articúlase a través do convenio de colaboración asinado esta mañá, na sede da institución provincial, polo deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, e o presidente da entidade deportiva, Juan Carlos Fernández Herrerro.

García Liñares destacou a importancia do club coruñés, único representante da provincia que compite na Liga Leb Ouro xunto a outros 17 equipos nacionais, así como a súa intensa actividade de promoción do baloncesto, xa que conta actualmente con preto de 500 licenzas deportivas e máis de 780 xogadores/as nas categorías base, que inclúen nove escolas deportivas noutros tantos centros escolares da provincia, con case 300 alumnos.

O VII Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará o 15 de abril, “exemplifica o vínculo da práctica deportiva co espazo público nunha carreira única, á beira do mar”

marzo 1, 2018 Deportes No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou no Pazo de María Pita a nova edición do Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará o vindeiro 15 de abril nas rúas da cidade. “A Coruña é unha cidade eminentemente deportiva que aposta pola convivencia entre o deporte de base e o de máis alto nivel, entre os circuítos populares e a tríade de grandes probas. Recentemente celebrouse, con bastante éxito, o Medio Maratón Coruña21, e agora presentamos Coruña42, unha das 10 mellores carreiras da distancia no Estado segundo a Real Federación Española de Atletismo“ expuxo o concelleiro, quen lembrou que a carreira coincidirá coa celebración do Campionato de Galicia Absoluto e de Veteranos Individual e de Clubs.

A proba, un circuíto de 42.195 metros que transcorre polo centro urbano da cidade e o seu bordo litoral, “exemplifica e reforza o vínculo da práctica deportiva co espazo público a través dunha carreira única”, aseverou Sande. “Na Coruña contamos con programas como Coruña en Forma , ou mesmo o circuíto Coruña Corre , que fomentan a vertente accesible e saudable do deporte na rúa, unha liña que, neste Maratón, manterase con bonificacións a colectivos e a participación de persoas que dispoñan dunha cadeira de rodas homologada para a realización deste tipo de eventos deportivos, ademais dunha proba de carácter popular, a 10K. Pero na Coruña42 tamén queremos potenciar a súa vertente atlántica e, cun percorrido xunto á beira do mar, situar a cidade aos pés das e dos atletas participantes, nunha homenaxe a todas aquelas persoas que asistan á proba de longa distancia”, afirmou o edil, que estivo acompañado na presentación polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, así como por representantes de El Corte Inglés, Coca Cola, Hornos Sanbrandán e Powerade, entidades patrocinadoras da C42. … Leer más

O Concello abre o prazo de inscrición para participar na III Carreira Popular de Matogrande, que se celebrará o 14 de xaneiro

diciembre 7, 2017 Deportes No Comments

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir o prazo de inscrición para participar na terceira das probas do circuíto Coruña Corre desta tempada. Tras visitar os barrios dos Rosales e Novo Mesoiro, a serie de carreiras populares achegarase o 14 de xaneiro a Matogrande para celebrar a terceira edición dunha proba que percorre, fundamentalmente, tanto o barrio como a rede viaria do Campus de Elviña. Así, a carreira da categoría absoluta, que comezará ás 10.30 horas, terá a súa saída e meta na rúa Sebastián Martínez Risco, á altura co Colexio Liceo La Paz, e o seu trazado continuará por Juan Díaz Porlier, Enrique Mariñas Romero e Montes ata chegar á avenida da Universidade, onde o grupo rodeará distintas facultades antes de iniciar a volta cara a Matogrande. Será un circuíto de 6.625 metros que suporá o inicio das probas populares do ano que vén e, á vez, a cita previa ao Medio Maratón Coruña21, que se celebrará o 18 de febreiro e cuxo prazo de inscrición xa está aberto.

Todas as persoas que desexen participar nesta III Carreira Popular de Matogrande –tanto as que xa estean apuntadas no circuíto como as que non– poderán formalizar a súa inscrición até as 23.59 horas do mércores 10 de xaneiro a través da web www.coruna.gal/carreiraspopulares ou de forma presencial na oficina de Viaxes El Corte Inglés en avenida de Rubine, no 3-5, de 09.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas. Para as persoas que non formen parte de Coruña Corre, a súa cota de inscrición será de 2€ –agás para as e os menores de idade, que é gratuíta– mentres que, para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove, será de 1€. Os dorsais poderán recollerse no Colexio Liceo La Paz o sábado 13 de xaneiro, de 11.00 a 20.30 horas, así como o propio domingo 14 de xaneiro ata unha hora antes do inicio de cada carreira. No recinto escolar, ademais, situarase tamén o servizo de duchas e gardarroupa o día da proba, cuxa entrega de premios será ás 13.00 horas. Toda a información sobre as probas das diferentes categorías e os seus horarios de saída, sistema de clasificación e premios está dispoñible no regulamento da proba, que se pode consultar, ao igual que o do Circuíto, no web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares

Inscrición Circuíto Coruña Corre

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que continúa aberto o prazo de inscrición para participar no Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre e que, para poder puntuar neste, será necesario participar en 5 das 7 probas da serie. Deste xeito, todas as persoas interesadas que aínda non formen parte do programa e desexen puntuar nesta edición, terán até as 23.59 horas do 10 de xaneiro –o día de peche de inscrición da carreira de Matogrande– a oportunidade de formalizar a súa participación. Os prezos deste ano son os mesmos respecto as últimas dúas tempadas, 10€ para o público xeral de máis de 18 anos, gratuíto para as e os menores de idade, e 7€ para o colectivo con bonificación –persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove–.

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...