Home » Deportes » Recent Articles:

A Coruña acolle esta semana a celebración do circuíto World Padel Tour, nunha nova aposta “pola proxección deportiva da cidade”

octubre 12, 2016 Deportes No Comments

A cidade da Coruña será esta semana a sede do Circuíto World Padel Tour do 12 ao 16 de outubro, que se disputará no Coliseum, e no que participarán máis dun cento de profesionais deste deporte. Os concelleiros de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentaron esta mañá na Torre de Hércules esta cita cunha disciplina deportiva “que conta cun importante número de veciñas e veciños federados na cidade”, segundo indicou Lema, e que “supón unha importante oportunidade para proxectar A Coruña”. “Apoiar a práctica deportiva e mostrar unha cidade viva é unha liña pola que aposta este Goberno”, expuxo o responsable municipal, quen avanzou que o executivo coruñés “dará continuidade á promoción turística a través do deporte”.

unnamed

A fase previa desta competición, denominada ABANCA Cidade da Coruña Open, estase a desenvolver no municipio desde o pasado domingo, 9 de outubro, pero os enfrontamentos finais terán lugar a partir deste mércores, día 12, no Coliseum coruñés. O responsable da área de Turismo fixo fincapé na “adaptación óptima” do espazo municipal como sede desta liga. “O Coliseum conta cunhas instalacións deportivas claramente adaptadas para acoller eventos e competicións do máis alto nivel, como vimos nestes últimos meses”, sinalou o edil, quen avanzou que a organización estima a asistencia de máis de 2.000 persoas por día no recinto.

Para máis información sobre competición, horarios, entradas e deportistas profesionais que forman parte do Circuíto, pode visitarse a web www.worldpadeltour.com

O Concello establecerá un dispositivo especial de tráfico este domingo no Paseo Marítimo pola carreira Coruña10

octubre 8, 2016 Deportes No Comments

A Carreira Popular Coruña10, que celebra este ano a súa décima edición, celebrarase este domingo, 9 de outubro, na enseada do Orzán. As e os atletas da categoría absoluta tomarán a saída ás 10.30 horas, e percorrerán o Paseo Marítimo, desde o Millennium ata a Torre de Hércules ata alcanzar a meta fronte ao Pazo dos Deportes de Riazor, mentres que desde as 11.30 ata as 13.00 horas terán lugar as carreiras de menores na contorna do recinto deportivo municipal. Así, co gallo da realización desta proba, o Concello da Coruña despregará un dispositivo especial de tráfico na mañá do domingo, desde as 07.30 horas ata as 13.30 horas, que velará pola seguridade das e dos deportistas, e permitirá que a cidadanía poida empregar tanto o transporte público urbano como os seus vehículos nos seus desprazamentos.

corun-a10-2016

Os primeiros cortes produciranse ás 07.30 na avenida da Habana á altura da Praza de Portugal, na que se desviará o tráfico cara a avenida Calvo Sotelo e Manuel Murguía ata as 12.00 horas. Este roteiro manterase para a circulación cando se produza o corte total no Paseo Marítimo, á altura da zona da antepraza do Pazo Dos Deportes de Riazor, fronte o Playa Club, desde as 08.30 ata as 13.30 horas, espazo no que estará situada a meta da Coruña10. Para permitir a circulación, manterase operativa a glorieta das Esclavas, agás cando se produza o corte total na cortorna do estadio municipal de Riazor –avenida da Habana, Paseo de Ronda, Manuel Murguía– na saída da caarreira, entre as 10.25 e 10.35 horas. … Leer más

O alcalde destaca o apoio do Goberno local as entidades deportivas coruñesas que traballan a prol do deporte de base, “ferramenta fundamental para fomentar a igualdade”

septiembre 24, 2016 Deportes No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reafirmou no Pazo de María Pita o apoio do Goberno municipal as entidades deportivas da cidade. O rexedor manifestou o compromiso do executivo coruñés cos clubs locais durante a recepción das e dos atletas coruñeses que obtiveron medallas no pasado Campionato de España, e na que afirmou que, “cooperando a prol das novas xeracións e da nosa mocidade, poderemos seguir celebrando éxitos como os que hoxe festexamos neste salón”, dixo. Nesta liña, incidiu na relevancia do deporte base, “unha etapa fundamental na vida deportiva á hora de transmitir valores como igualdade, solidariedade ou compañeirismo”. “Hai que coidalo e apostar por el desde a súa idade máis temprana, e fomentar a súa visión máis lúdica, pedagóxica e saudable. A Coruña ten canteira, como vemos nas carreiras populares e nos torneos infantís, e este Goberno está comprometido co futuro desta cidade”.

unnamed

O primeiro edil coruñés felicitou a Anxo Blanco, Eugenia Gil, Paula Iglesias, Mauro Tirana e Imanol Loureiro “por por todo o que representades para a Coruña, por todos os valores dos que sodes exemplo para as nosas veciñas e veciños co voso esforzo e entrega”, e fixo fincapé no deporte como ferramenta a prol da igualdade. “Nas pasadas olimpiadas, vimos o gran papel que realizaron as mulleres do equipo estatal. Elas foron as protagonistas polo seu esforzo, a súa dedicación, e demostraron que o seu papel no mundo do deporte é un feito incontestable. Ruth Beitia no atletismo. Mireia Belmonte e Teresa Perales na natación. Antes foron Teresa Portela, Sofía Toro ou Teresa Echegoyen, e hoxe sodes vós”, dixo en referencia a Eugenia Gil e Paula Iglesias, “a proba de que a repercusión social e cultural da actividade deportiva alcanza todos os niveis, a todas as xeracións e si: pode e debe mudar as cousas”. … Leer más

O alcalde aposta polas políticas de igualdade como “ferramenta imprescindible para avanzar cara a unha cidade realmente inclusiva, que non deixe a ninguén atrás e onde as diversidades sexan tomadas como un valor”

septiembre 22, 2016 Deportes No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou xunto á concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, na presentación da III Carreira de Obstáculos pola Integración, dentro do Proxecto ENKI, unha iniciativa deportiva coa que o Concello colabora co obxectivo de visualizar as distintas diversidades funcionales e avanzar na inclusión e participación de todas as persoas. A esta proba, de carácter non competitivo e que chegará o 16 de outubro á cidade deportiva de Riazor, “entronca ben cos principios que rexen a acción deste Goberno local, que ten na igualdade un dos eixes de todas as súas políticas”, indicou o rexedor durante o acto, no que tamén tiveron intervención a presidenta da Fundación Abrente, Carmen Touza, e a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove, entidades impulsoras da iniciativa, así como o deportista Ángel López Fernández, participante no proxecto. “Sendo conscientes de que as políticas de igualdade son unha carreira de longo percorrido, sabemos tamén que estas son imprescindibles se queremos avanzar cara a unha cidade realmente inclusiva, que non deixe a ninguén atrás e na que os dereitos de todas e todos estean garantidos; onde a diversidade, sexa funcional ou cognitiva ou de calquera outra índole –como a económica, a cultural, a relixiosa ou a afectiva– non só teña recoñecemento senón que sexa tomada como un valor”, incidiu o alcalde, remarcando que “igualdade non significa uniformidade, e dar a coñecer as diferentes diversidades que conviven nesta cidade e nesta sociedade é un paso necesario no camiño cara a esa igualdade efectiva de todas e de todos”.

unnamed

Neste sentido, Ferreiro, fixo mención á aposta do Goberno local polo deporte, e en especial o deporte de base e o non competitivo, “como unha verdadeira escola de inclusión e compañeirismo e unha ferramenta ao servizo da igualdade, a xustiza social e da visibilidade”, do mesmo que o será a proba deportiva do proxecto ENKI, na que participan de forma conxunta persoas con diversidade funcional con deportistas e calquera persoa que se queira sumar á iniciativa, que inclúe actividades deportivas, lúdicas e educativas dirixidas a todo tipo de públicos. Nesa xornada, e de forma simultánea, celebrarase na explanada de Riazor a Feira da Solidariedade, que servirá para dar a coñecer o labor de máis de vinte entidades sociais e colectivos que agrupan a persoas con diversidade funcional.

O Concello establecerá un dispositivo especial de tráfico no Paseo Marítimo este domingo 18 pola celebración da Carreira da Muller

septiembre 16, 2016 Deportes No Comments

O Concello da Coruña ten previsto poñer en marcha o próximo domingo, día 18, un dispositivo especial de mobilidade co gallo da celebración da Carreira da Muller. A proba, na que participarán 6.500 persoas, desenvolverase ao longo de toda a mañá, desde as 10.00 horas, e terá a súa saída en Riazor, mentres que a meta situarase na Torre de Hércules. Así, a Concellería de Mobilidade Sostible sinala que se producirá unha afección total ao tráfico no Paseo Marítimo entre ambos puntos desde as 09.30 horas da mañá ata as 12 do mediodía, hora estimada do fin da proba. Ao ser un percorrido dunha única dirección, o tráfico recuperarase desde a avenida da Habana a medida que pasen as corredoras.

O primeiro corte no Paseo Marítimo producirase ás 07.30 horas, e manterase ata as 14.00 horas. Será na zona de saída da carreira, na contorna do Pazo dos Deportes, xunto ao Playa Club. O tráfico desviarase pola avenida da Habana e a rúa Manuel Murguía. A glorieta das Esclavas quedará totalmente libre para a circulación, permitindo o cambio de sentido na mesma durante a proba, agás na hora previa a saída. Así, de 09.15 a 10.00 horas, o tráfico de Manuel Murguía desviarase cara Paseo de Ronda, e o do Millenium cara Almirante Eulate ou Cadarso en función da situación das participantes. … Leer más