Home » Sucesos » Recent Articles:

DETIDO POR UN DELITO DE VIOLENCIA MACHIST

febrero 16, 2018 Sucesos No Comments

Ás 05.40 horas do 13 de febreiro, unha dotación foi requirida por unha viandante na rúa Socorro, que explicou como acababa de intervir en defensa dunha muller á que escoitara gritarlle a un home que a soltase, mentres a tiña agarrada. A patrulla contactou coa muller, de 22 anos, que estaba a chorar nun estado moi alterado, quen explicou que se trataba da súa ex-parella, que non paraba de acosala por teléfono e cando a vía na rúa. Relatou que o atopara na rúa, cando se dirixía a casa duns amigos, e que a suxeitara en varias ocasións, impedíndolle desprazarse. A patrulla indentificou o home, tamén nun estado moi alterado, que seguía a increpar a voces á súa ex-parella, chegando a tentar achegarse á muller en varias ocasións. Nun dos intentos de achegarse á muller de forma agresiva, empuxou e golpeou co braceo á patrulla, sen causarlles lesións, aínda que lle rompeu a hombrera da camisa do uniforme, polo que foi reducido no chan, mentres trataba de levantarse para achegarse á muller de maneira ameazante. O home, de 24 anos, foi trasladado a dependencias policiais, xa que se negou a recibir asistencia sanitaria, quedando nos calabozos policiais a disposición xudicial sendo denunciado por un delito de violencia de xénero.

Tamen as 09.30 horas do 13 de febreiro, recibiuse unha chamada na Sala Operativa do 092 dun veciño da rúa Varela Silvari manifestando que unha muller se atopaba no domicilio, gritando que a ían a matar. Ao lugar desprazáronse varias dotacións da policía local que accederon ao edificio indicado polo requirente, estando o portal aberto e nas escaleiras a persoa que pedía auxilio, sendo identificada como unha muller de 41 anos con domicilio nesta cidade. Moi nerviosa e con síntomas de estar en estado ebrio, manifestou os axentes que lle doía a cabeza tras golpearse contra a parede por un empuxón da súa ex-parella, e manifestábase culpable por seguilo para solucionar os seus problemas xa que momentos antes xa tiveran un problema na rúa Orzán polo que tivera que chamar á policía e polo que non quería presentar denuncia. En presenza dos axentes perdeu o coñecemento, polo que se solicitou a presenza dunha ambulancia, acudindo o 061. Ao momento presentouse un home de 33 anos con domicilio nesta cidade, en estado moi nervioso, chorando e con síntomas de estar ebrio, que manifestou aos policías que a muller foi a súa parella ata o día anterior e que hoxe se presentou no seu domicilio aporreando a porta insistentemente para que lle abrise, que finalmente accedeu e ela introduciuse e encerrouse no baño, que este golpeou a porta do baño para que saíse, chegando a romper un cristal, producíndose lesións. Engadiu que finalmente accedeu a abrir a porta e forcexaron, recoñecendo que nese momento puido lesionarse. Indicou que tentou que ela abandonase o edificio, ao que accedeou, quedando o home no interior e a muller nas escaleiras. Os policías procederon á detención do agresor despois de informarlle dos seus dereitos e sendo trasladado a continuación a un centro hospitalario para ser asistido polas lesións sufridas. Consultadas as bases informáticas constaba en vigor unha procura, detención e personación no xulgado do detido, polo que foi posto a disposición xudicial. A vítima quedou ingresada no CHUAC para ser asistida das lesións e á espera de valoración.

UN DETIDO POR PRESUNTO HOMICIDIO EN CORUÑA

noviembre 10, 2017 Sucesos No Comments

Ás 05:38 horas deste día 10, ás dotacións policiais de servizo recibiron unha alerta a través da Sala Operativa do 092, para que se trasladasen urxentemente á rúa Antonio Pedreira Rios onde, ao parecer, se producira un apuñalamento. Ao momento saíron para o lugar tres dotacións policiais que se atopaban na contorna.

En concreto, unha das dotacións se atopaba nese intre patrullando pola Avenida da Habana, de forma que os axentes se atopaban moi preto do lugar onde foran requiridos. Cando se aproximaban ao mesmo, á altura da Ronda de Outeiro coa rúa Luís de Camoes, un veciño comunicoulles que, instantes antes, vira pasar correndo a un home que, cría, acababa de cometer un apuñalamento. Así, indicou que o home escapara á carreira cara a rúa Almirante Mourelle. O cidadán indicou tamén que o home á fuga portaba unha peza de roupa fluorescente. Un dos axentes baixou do vehículo e saíu correndo cara a zona sinalada polo cidadán, mentres que o seu compañeiro o seguía no coche. Se ben non atoparon a ninguén en Almirante Mourelle, dirixíronse cara a un subterráneo existente no lugar. Ao descender as escaleiras do devandito lugar, puideron ver, no reflexo dun cristal, a un individuo que se atopaba agachado e escondido tras dun alicerce. Así mesmo, os axentes tamén atoparon no lugar gran cantidade de sangue. Tras identificarse como policías, procederon á neutralización do individuo, que foi cacheado de forma superficial.

Os axentes preguntáronlle que pasara. Mentres o home aseguraba que non fixera “nada”, intentaba taparse a cara cunha peza de roupa. Os membros da Policía Local pediron ao home que se descubrise, de forma que puideron comprobar que tiña un corte no queixo polo que sangraba de forma abundante. O home asegurou que o corte se debía a que caera mentres facía deporte, negando ter mantido ningún contacto con outra persoa. No cacheo superficial ao que foi sometido, detectóuselle un cordón atado á cintura do que penduraba, na parte interior do pantalón, na zona das costas, unha sorte de funda de coitelo construída con follas superpostas de xornal.

Mentres tanto, outra dotación policial de apoio que estaba nas inmediacións, localizou dentro dun contedor baleiro un coitelo con restos de sangue, así como unha chaqueta reflectante, como a que fora identificada pola testemuña cidadá. Estes obxectos foron custodiados até a chegada do persoal especializado da Policía Nacional.

Por outro lado, unha terceira dotación policial, persoada no lugar dos feitos, puido localizar a un home gravemente ferido que se atopaba tirado na estrada, á beira dunha furgoneta. De inmediato solicitaron a presenza dunha ambulancia, sendo os sanitarios da mesma os que certificaron a morte do home, que foi identificado como un veciño da Coruña de 50 anos. Diversas persoas da veciñanza, alarmadas polos gritos que se produciron, saíron ás fiestras e foron as que alertaron, nun primeiro momento, á Policía Local.

Por todo o exposto, procedeuse á detención da persoa atopada nas inmediacións de Almirante Mourelle. Este foi identificado como un veciño da cidade de 54 anos. O mesmo quedou custodiado nos calabozos policiais a disposición xudicial, sendo denunciado de oficio por un delito de homicidio. É a Policía Nacional a que continúa neste momento coa investigación, tratando de esclarecer os feitos e o posible móbil do delito.

DETIDOS CATRO MOZOS COMO COAUTORES OU PARTÍCIPES DUN DELITO DE LESIÓNS CON ARMA BRANCA

marzo 19, 2017 Sucesos No Comments

Ás 08:50 horas desta mañá, axentes do dispositivo de control de acceso na avenida da Mariña son informados por un taxista de que acaba de cruzarse na rúa Nova/San Andrés cun grupo de 4 mozos que ían correndo e, un deles, portaba un coitelo na man. A través do equipo de transmisións, os axentes comunican ás unidades operativas que inician unha batida pola zona, desprazándose así desde a avenida da Mariña cara a onde lles indicaba o taxista. No cruzamento de rúa Nova/San Andrés, son requiridos por outro taxista, quen lles indica que facía uns minutos foi requirido o seu servizo por un cliente e, no momento que este se estaba a introducir no taxi, apareceron catros mozos correndo que comezaron a agredilo e saen á carreira. Cando o taxista baixa para auxiliar ao cliente, este manifesta que lle acaban de apuñalar nun costado, comprobando que sangraba abundantemente. Nese mesmo momento o taxista observa a presenza do vehículo policial, e informa aos axentes dos feitos e do lugar cara onde saíron correndo os mozos. Os axentes policiais fanse cargo do lesionado, solicitando o apoio dunha ambulancia a través da sala do 092 (e quedan con el á espera dos sanitarios), mentres que pasan a descrición dos mozos ás demais unidades policiais de apoio operativas. Posteriormente unha ambulancia do 061 traslada ao mozo, de 20 anos e veciño de Oleiros, ao servizo de urxencias do CHUAC, en principio nunha primeira avaliación médica en estado grave.

A través das cámaras de tráfico, desde a Sala do 092 localizan a un grupo de mozos entrando cara á rúa Duran Loriga desde a rúa Santa Catalina, grupo cuxas características coincidían coas facilitadas. Ata alí se trasladada un vehículo policial que estaba á beira, e a dotación comproba que as características coincidían, así como que un dos mozos sangraba pola man dereita e tiña ensanguentada a cazadora. O grupo foi interceptado inmediatamente e neutralizado no lugar, recoñecendo que acababan de ter unha discusión con outro mozo pero negan a agresión con arma branca. Apoiados por outras dotacións policiais, a dotación inspecciona a contorna, localizando a uns 5 metros de distancia, baixo dun vehículo estacionado, unha navalla tipo bolboreta. Ademais, nun cacheo superficial, a un dos mozos atopóuselle nun peto interior do pantalón unha coitela de afeitar e a outro unha navalla multiusos con restos de sangue no fío.

Os mozos detidos son de 20, 20, 18 e 17 anos, quedando detidos todos eles a disposición xudicial, e sendo denunciados de oficio por un delito de lesións, á espera de que o lesionado, unha vez sexa atendido das lesións, presente a correspondente denuncia.

O Concello pechará o acceso as praias desde hoxe e até o mércores ante a alerta laranxa decretada no litoral

febrero 27, 2017 Sucesos No Comments

O Concello da Coruña estableceu, a partir das 14.00 horas desta tarde e até o mércores, un dispositivo especial de vixilancia, conformado polos servizos de emerxencia municipais, nas praias da Enseada do Orzán ante a previsión meteorolóxica, que alerta durante as próximas horas de fenómenos costeiros con fortes ondas. Desde modo, desde hoxe, e até o día 1 de marzo, permanecerán pechados os accesos aos areais urbanos de Matadero, Orzán, Riazor e San Roque, así como na zona das Esclavas.

Os episodios máis adversos desta alerta laranxa terán lugar na preamar, ás 17.00 horas de hoxe e ás 05.00 am de mañá, martes 28. A área de Seguridade do Concello ten preparados dispositivos especiais que implican á totalidade dos servizos de prevención municipais –Policía, Bombeiros e Protección Civil– para estas franxas, pero non prevé que se teñan que realizar cortes de tráfico no Paseo Marítimo debido ao temporal durante a xornada.

Debido aos fortes ventos, non se poderá acceder á Torre de Hércules e ao Centro de Interpretación e atención ao Visitante (CIAV) durante o día de hoxe e mañá. O Goberno local pide á veciñanza que extreme a precaución ante as condicións meteorolóxicas adversas, e recomenda evitar achegarse a zonas onde puideran producirse golpes de mar. Os servizos municipais de emerxencias lembran tamén do alto risco que pode entrañar achegarse a zonas costeiras, peiraos ou espigóns para tomar fotografías ou vídeos.

O dispositivo especial de seguridade posto en marcha polo Concello atendeu dende a noite de onte máis de medio cento de incidencias por causa do temporal

febrero 3, 2017 Sucesos No Comments

Os servizos de seguridade municipais atenderon dende o día onte e até as seis desta tarde máis de medio cento de incidencias causadas polo temporal que azouta o litoral coruñés. Así, dende o dispositivo especial de seguridade posto en marcha polo Concello recordan á poboación a importancia de extremar a precaución, non achegarse a zonas próximas á costa, ante os posibles golpes de mar, nin a espazos onde poida producirse desprendementos por mor da potencia do vento. De feito, até ás 03.00 horas da próxima madrugada manterase a alerta laranxa por ventos, con refachos que poderán superar os 100 quilómetros por hora. Igualmente, até as 12.00 horas do sábado tamén se manterá a alerta do mesmo nivel no mar, onde poden darse ondas de entre seis e oito metros.

A maioría das incidencias atendidas polo dispositivo especial posto en marcha polo Concello por mor deste temporal, e composto por máis dun cento de profesionais, derivan de desperfectos causados pola forza do vento. Así, entre a pasada noite e estar tarde atendéronse desprendementos en 11 valados publicitarios (dez só durante a noite), ademais de 6 árbores que caeron. Entre as 7 actuacións da pasada noite e as dúas rexistradas esta xornada, atendéronse tamén 9 desprendementos de cubertas en toda a cidade, houbo unha intervención debido a caída de cascotes dunha fachada, así como dúas actuacións en cornisas, ademais de dúas intervencións nas calzadas, para facilitar o tránsito. Os corpos de seguridade tamén tiveron que intervir no túnel de Juana de Vega debido a que, de mañá, un camión quedou atascado no seu interior.

O dispositivo especial de seguridade continuará activo durante a xornada de mañá. Ao igual que este venres os parques, xardíns e zonas infantís da cidade permanecerán pechadas ao público, como é o caso de Santa Margarita, praza do Libro, praza Torrente Ballester, paseo das Pontes, San Pedro de Mezonzo, xardíns de Sagrada Familia e do depósito de auga de Emalcsa (no Ventorrillo), Barrio das Flores, Ponte da Pedra, Casares Quiroga, xardíns de Méndez Núñez, Campo da Leña, Campo de Marte, Xardíns do Cemiterio Inglés (Orillamar), a zona verde e o parque infantil das Xubias, a praza de Concepción Arenal, praza de Azcárraga e xardíns de San Carlos. Tamén permanecerán pechadas ao público as instalacións da Torre de Hércules e o seu centro de interpretación, a Casa das Ciencias e as instalacións exteriores da Casa dos Peixes, así como os accesos ás distintas praias da cidade que quedarán restrinxidos ao público para evitar situacións de perigo. Así mesmo, as instalacións deportivas ao aire libre, como as da cidade deportiva da Torre, quedarán pechadas ao público.

A forza do vento levou ao Concello, tras unha valoración compartida dos servizos municipais co Real Club Deportivo, a Liga Profesional de Fútbol e o resto de axentes implicados, de suspender a actividade fixada para esta tarde nas instalacións de Riazor, como son o estadio e o pavillón –onde ían ter lugar o partido do Deportivo co Betis, e o do Básquet Coruña co Barcelona B–, ademais do resto de espazos, á vista da previsións meteorolóxicas para esta tarde e que recomendaban evitar as grandes aglomeracións de persoas.

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...