Home » coruna » Currently Reading:

Culturas colabora coa posta en marcha da segunda edición de ‘Libros a monte’, que apela á memoria da cidade “a través da visibilización das mulleres libertarias”

marzo 14, 2018 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou na presentación dunha nova edición do proxecto Libros a monte, iniciativa posta en marcha o pasado verán pola plataforma feminista A Sega e que ten como obxectivo fomentar a cultura do libro e visibilizar a creación feita por mulleres. A xornada, que terá lugar este domingo 18 na Fundación Luis Seoane, renderá homenaxe ás Mulleres libres e libertarias da Coruña a través de numerosas charlas, obradoiros, proxeccións e espectáculos dirixidos a todos os públicos que se desenvolverán, ao longo de todo o día, desde as 11.30 horas. Tal e como avanzou o concelleiro, o evento “referenda a aposta do goberno local polo sector”, a través dun programa “versátil e variado que apelará á memoria da cidade e a súa propia imaxe libertaria, cunha significación que, desafortunadamente, non existe noutras cidades”.

A presentación contou coa participación das impulsoras da xornada e membros de A Sega, Emma Pedreira e Paula Gómez del Valle. Pedreira avanzou que a intención deste evento monográfico é “rescatar a memoria dunha cidade en feminino, que hai 100 anos iniciou unha revolta e onde a semana pasada demostrou unha vontade feminista de xeito abrumador”, á vez que se visibilizan figuras históricas coruñesas como María Casares, Chelo Rodríguez ou La Corales. Así, a primeira das actividades, que terá lugar entre as 11.00 e as 11.30 horas, será un roteiro virtual polas casas de acollida anarquistas do barrio das Atochas, “mulleres que loitaron contra o franquismo e pola liberdade”, apuntou Pedreira. A continuación, presentarase Arte+muller+Galicia , documental de Rosaio Sarmiento, e comezará unha dupla programación dirixida, por unha banda, ao público adulto –que inclúe a presentación do poemario O único lugar onde ficar inmóbil, de Arancha Nogueira ou a publicación Mulleres Bravas da nosa historia– , e, por outra, ás nenas e nenos, con contacontos de Mercedes Queixas e Saleta Fernández.

Xa pola tarde, a partires das 16.00 horas, na programación infantil sucederanse obradoiros –que porán en relación a imaxe e a palabra– e contacontos, mentres que o público adulto poderá asistir á proxección do documentario As silenciadas , a un recital poético de diversas voces o a un obradoiro de pintura e poesía. Neste sentido, tal e como avanzou Paula Gómez del Valle, unha das reivindicacións máis significativas deste Libros a mont e será a visibilización das artes visuais e plásticas realizadas por mulleres. “A fotografía ou a ilustración tamén ten proxección a través dos libros”, apuntou Del Valle, quen será a responsable dunha exposición fotográfica que se poderá visitar durante a xornada, na que tamén haberá un espazo de venda de publicacións.

Mulleres libres e libertarias , que tamén conta co apoio da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e da Deputación da Coruña, pecharase ás 19.00 horas cun concerto de Su Garrido Pombo.

Comment on this Article:







*