Home » coruna » Currently Reading:

Díaz Grandío esixe “responsabilidade” á Xunta e pide ao Goberno galego “que defina de inmediato as competencias concretas da Comisión de Seguimento”

Junio 10, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, esixiu á dirección xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia que defina, “de inmediato”, as competencias da Comisión de Seguimento do Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano ao centro urbano da Coruña. “Este Goberno entende que este órgano é o marco fundamental para seguir traballando desde as dúas administracións na implementación do proxecto”, sinalou o edil. “Mentres non se definan as súas competencias e funcións concretas, non haberá Plan de Accesibilidade”, sentenciou Grandío. “É unha cuestión de responsabilidade. A día de hoxe, a Xunta aínda non ten unha resposta firme e realista á pregunta formulada por este Concello, de que pasaría se na praza de Ourense xorden problemas polo acceso de interurbano ao centro, que provoquen interferencias graves co transporte público urbano e o tráfico, e se sería posible dar marcha atrás ao plan retirando autobuses interurbanos aos que xa se lles deu a confirmación á entrada na primeira fase do plan. ”, explicou o responsable municipal.

“O Goberno local da Coruña quere garantir e asegurar o desenvolvemento sostible e integrado do sistema de transporte público urbano a través da creación dunha Comisión que poida avaliar e reformular o plan, durante a súa implantación”, sinalou o concelleiro, quen engadiu: “a veciñanza non pode nin debe sufrir as consecuencias dun proxecto aprobado unilateralmente pola Xunta e que non ten a suficiente visión de futuro como para poder evitar, á maior brevidade posible, calquera problema que poida xurdir durante a súa posta en marcha”.

O titular de Mobilidade Sostible tamén solicitou á Xunta de Galicia “lealdade institucional cos concellos da área metropolitana coruñesa”, que pediron unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez –a través dunha misiva enviada o 22 de febreiro de 2017–, para expoñer a súa visión e requirimentos sobre o Plan. “Esiximos diálogo e lealdade institucional para abordar o futuro do transporte da comarca. Queremos garantir que se teña presente a voz dos distintos municipios da área metropolitana, na que conviven máis de 400.000 persoas”. “Mentres a conselleira non se sente cos 10 alcaldes e alcaldesa non haberá Plan de Accesibilidade”, afirmou o concelleiro, quen lembrou que a actitude de Vázquez foi reprobada polo Pleno da Coruña na sesión ordinaria do pasado luns 5 de xuño.

Neste sentido, o edil tamén se referiu á concesión XG-529 A Coruña-Canzobre, “que demostra o nulo interese da Xunta, de novo, por avanzar cara a unha coordinación integral do transporte urbano co metropolitano”. “Esta concesión está dentro do ámbito de correspondencia de interese para a futura área metropolitana da Coruña, polo que solicitamos, unha vez máis, que todas as concesións de transporte metropolitano dentro da coroa formada polos concellos de A Coruña, Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, Sada, Bergondo, Betanzos, Abegondo e Carral, se traten dun xeito integral, para avanzar así na posta en marcha e coordinación dun sistema coordinado, eficiente e sostible de transporte, coa finalidade de formalizar unha autoridade única que xestione o transporte na área metropolitana da Coruña”, aseverou o responsable municipal.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...