Home » coruna » Currently Reading:

José Manuel Sande presenta a décima edición do medio maratón Coruña21, “que afondará na aposta por perpetuar a imaxe dunha cidade emblematicamente deportiva”

febrero 8, 2018 coruna No Comments

As rúas da Coruña acollerán, o vindeiro 18 de febreiro, a décima edición do medio maratón Coruña21, a primeira das grandes probas de atletismo promovidas polo Concello da tempada. O edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá as novidades da carreira, considerada pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA) “como unha das quince mellores probas da distancia”. “Coruña21 é a confirmación da aposta por unha distancia que gaña adeptos, e que tamén é a antesala, xunto á carreira nocturna da Torre de Hércules do circuíto Coruña Corre, da gran proba do ano, o Maratón Atlántica, que se celebrará o vindeiro 15 de abril”, sinalou Sande.

“Este medio maratón, ao igual que Coruña42, son citas que reforzan a vertente deportiva e saudable dunha cidade eminentemente aberta ao deporte, que sabe combinar as probas populares co nivel profesional, e no que o atletismo sempre está situado na primeira liña”, explicou o concelleiro, quen sinalou que estas carreiras “son tamén un dos activos turísticos do municipio”. “Probas como a C10, C21 ou C42, ou mesmo o Gran Premio de Marcha dos Cantóns, favorecen o fluxo de visitantes a unha cidade emblematicamente deportiva”, aseverou. Ademais, o Concello apostará, un ano máis, pola inclusión e integración deportiva a través de Coruña21 coa bonificación do 50% na inscrición ao colectivo de persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou posuidoras do Carné Xove, e coa apertura da participación á deportistas con diversidade funcional que conten con handbike ou cadeiras de rodas homologadas por IPC Athletics, “unha iniciativa que concorda, precisamente, con esa vertente saudable da actividade deportiva e a idea dunha cidade de proximidade, que corre con toda a cidadanía”, afirmou o concelleiro.

O medio maratón Coruña21 contará cun circuito de dúas voltas con 21.097,50 metros de percorrido homologado pola RFEA. “Será, como en ocasións anteriores, un circuíto rápido e liso, propicio para que moitas e moitos atletas aproveiten e fagan marcas importantes para o resto da tempada”, apuntou Sande, que estivo acompañado na presentación polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos. A proba comezará ás 10.00 horas. As e os atletas sairán do Cantón Grande cara a Linares Rivas, e pasarán pola praza da Palloza, avenida do Exército, estrada do Porto e a rotonda de Oza, onde darán a volta até a rotonda das Ánimas. Unha vez alí, volverán até o Obelisco para iniciar a segunda volta, na que farán o mesmo percorrido ata chegar á rotonda das Ánimas, onde continuarán até o Paseo Marítimo – Pelamios. Desde alí encararán os últimos tres quilómetros de Coruña21 até chegar á meta, no Cantón Grande. Opechedacarreirarealizaraseás12.30horas,dúashorasemediadespoisdasaídae, como na pasada edición este ano, establecerase un tempo de 1 hora e 15 minutos para o paso polo 10 km. Pasado o tempo límite correspondente tanto ao primeiro tramo da carreira, así como á distancia total, as persoas participantes que permanezan na carreira deberán retirarse do circuíto oficial de competición.

“Os máis veloces chegarán a partir da hora e tres minutos, aproximadadamente, como fixo o gañador das dúas últimas edicións, Sergio Sánchez”, sinalou Sande, quen avanzou, a este respecto, que a proba contará coa participación de atletas internacionais como Pedro Nimo, Mohamed Bouceta (gañador na edición de 2013) e Aicha Bani, “que teñen rexistros moi próximos ao récord da proba”, aseverou. Nesta décima edición do medio maratón poderán participar todas aquelas persoas maiores de 18 anos, e estableceranse as seguintes categorías: Junior (1999-2000), Promesa (1996, 1997 e 1998), Senior (desde 1995) e até sete modalidades de veteranos segundo o ano de nacemento –desde 35 anos cumpridos no día da proba en diante–, ademais da categoría de atletas en cadeira de rodas, na que poderán participar persoas nacidas desde o ano 1996 e en diante. Haberá recoñecementos para as primeiras clasificadas, así como para os primeiros atletas galegos e coruñeses. A organización, ademais, outorgará un premio acumulable a aquelas persoas que superen o récord da proba, sendo este de 1:02:57 na categoría absoluta masculina, e 1:11:16 na feminina. A entrega de premios realizarase ás 12.30 horas, no momento de peche da carreira, nun espazo delimitado situado xunto á zona da meta.

Inscrición

O prazo de inscrición, tal e como recordou o concelleiro, estará aberto até este sábado, 10 de febreiro a través da web da Federación Galega de Atletismo, www.carreirasgalegas.com . A cota de inscrición, até o día 10, será de 15 € e, de seguido, abrirase un segundo prazo extraordinario do 11 ao 13 de febreiro, no que o prezo será de 25€. Non se aceptarán inscricións fóra destes dous prazos establecidos. No caso do colectivo que se poida beneficiar da bonificación do 50% –maiores de 65 anos, posuidoras do Carné Xove ou desempregadas–, as persoas deberán acreditar estas circunstancias a través dunha declaración responsable no momento de formalizar a inscrición e, a continuación, enviar os documentos correspondentes –fotocopia do DNI e do Carné Xove, así como do informe de períodos de altas e baixas expedido polo INEM antes do día da inscrición na carreira ou fotocopia do cartón de desemprego– antes das 00.00 horas do 10 de febreiro.

Unha vez formalizada a inscrición, as persoas participantes poderán recoller os seus dorsais –que incluirán un código QR para rexistrar os tempos–, que serán de uso persoal e intransferible, os días 16 e 17 de febreiro no Departamento de Deportes de El Corte Inglés no centro comercial Marineda City, en horario de 17.00 a 21.30 horas o venres 16, e de 10.00 a 21.30 horas o día 17. As e os atletas que non poidan recoller os seus dorsais nestes horarios, poderán facelo o propio día da proba, na zona da saída, entre as 08.00 e as 09.00 horas. A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que a inscrición, así como o uso de dorsal, é imprescindible para a cronometraxe. De cara a preparación de Coruña21, o Concello, coa colaboración do Club Hércules Termaria, ofrece un programa gratuíto de adestramentos nas fins de semana, que terá continuidade durante os meses de febreiro, marzo e abril para preparar o Maratón Atlántica. O vindeiro encontro será este sábado, ás 11.00 horas. Toda a información sobre o programa está dispoñible na páxina web municipal http://www.coruna.gal/carreiraspopulares/gl/coruna21/servizos-ao-corredor .

Neste mesmo espazo web, está dispoñible a lista coa serie de servizos que o Concello ofrece para facilitar a participación das e dos usuarios, que contarán cun servizo de gardarroupa e de duchas ao finalizar o percorrido, ademais de asistencia médica e avituallamento, tanto na meta como durante o trazado do circuíto que, segundo as normativas da IAAF, se situarán a partir do quilómetro cinco e, aproximadamente, cada cinco quilómetros.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...