Home » coruna » Currently Reading:

Máis de 3.000 persoas xa participaron no programa contra a violencia de xénero ”Quen dixo medo?”

junio 15, 2018 coruna No Comments

A campaña de concienciación e sensibilización contra a violencia de xénero “Quen dixo medo?”,artellada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, vén de superar a cifra dos 3.000 participantes, tras completarse a primeira das dúas anualidades definidas pola institución provincial, co obxectivo de previr e lanzar unha contundente mensaxe de rexeitamento ante calquera manifestación de violencia machista.

A deputada e responsábel da área de Benestar Social e Igualdade, Ánxela Franco, amosouse esta mañá satisfeita coa “grande acollida e os datos de participación” que están a ter as diferentes sesións programadas pola área que dirixe, non obstante, indicou que “aínda queda moito por facer para erradicar definitivamente esta lacra da nosa sociedade”.

A campaña “Quen dixo medo?”da Deputación da Coruña está integrada por un total de seis actividades, entre as que se poden distinguir sesións informativas, charlas e obradoiros. Cada unha destas accións procura concienciar e sensibilizar á sociedade sobre a violencia machista e, pese a estaren especialmente deseñadas para o público infantil e xuvenil, tamén inclúen actividades destinadas a poboación adulta.

Deste xeito, e após de percorrer durante os seus primeiros 12 meses de andaina os colexios e centros de ensinanza secundaria de 33 concellos da provincia, a campaña Quen dixo medo?revela un importante balance  de participación, pois, as 149 accións formativas e informativas organizadas pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, contaron xa coa participación de 3.025 persoas.

Neste sentido, os contacontos e obradoiros de manualidades destinados ao alumnado de educación infantil, as sesións coeducativas “Sen violencia, sen medo” para as nenas e nenos de educación Primaria, ou as charlas “Nas TIC mandas ti” e “Escoita o meu son” para as mozas e mozos en idade adolescente, serviron para detectar comportamentos estereotipados e outras eivas vencelladas á violencia de xénero –acoso nas redes sociais, violencia psicolóxica, bullying, etc…- que en moitas casos non son identificadas como modalidades de violencia entre a poboación máis nova.

Xunto con estas actividades, e co ánimo de concienciar ao conxunto da poboación sobre un problema que incide de xeito transversal na sociedade, a Deputación da Coruña tamén artellou diferentes sesións abertas ao público en xeral. Nomeadamente, a Deputación organizou 11 charlas en que se conversou sobre afectividade e sexualidade; e por outra banda; 8 obradoiros formativos sobre diferentes técnicas de autodefensa.

A campaña Quen dixo medo?botou a andar o pasado mes de marzo de 2017, co obxectivo de concienciar a poboación infantil, xuvenil e adulta -dos concellos de menos de 20.000 habitantes- sobre o grande problema que representa a violencia de xénero. Co obxectivo de acadar a cifra de 6.000 persoas participantes nas diferentes sesións programadas pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, a campaña continuará visitando os centros educativos dos 40 concellos adheridos ao proxecto, até o ano 2019.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...