Home » coruna » Currently Reading:

Máis de 5.800 veciños e veciñas da cidade acolléronse en 2017 ao plan de pago personalizado e fraccionaron o pago de tributos por valor de 9,4 millóns

febrero 13, 2018 coruna No Comments

O pasado 2017, 5.816 veciños e veciñas da cidade da Coruña acolléronse ao modelo de Plan de Pago Personalizado de tributos locais, unha medida posta en marcha polo goberno municipal e que supón a posibilidade de realizar o pagamento fraccionado dos impostos até en seis prazos a través de domiciliación bancaria. O exercicio pasado foi o primeiro no que a veciñanza non só puido aboar mediante este sistema o pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) entre os meses de marzo e outubro, senón tamén o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), así como a taxa de lixo e a de vados. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, explica que “esta modalidade facilita o pago de tributos aos e ás contribuíntes, que poden axustar o ritmo dos abonos á súa situación económica particular e aos seus tempos”. A responsable municipal salienta “o notable incremento de veciñas que decidiron realizar o pago de tributos deste xeito, multiplicando por catro o número de solicitantes dende 2015, que era de 1.413 personas, e por dous o de 2016, de 2.689 persoas”.

A titular de Facenda recorda, ao fío, que os e as contribuíntes que se acollen ao Plan de Pago Personalizado dos tributos de IBI e IVTM reciben unha bonificación do 3% en base á modificación da ordenanza xeral de recadación que aplicou o goberno local. “Segundo os datos municipais, o pasado ano, a bonificación que recibiron as 5.816 persoas que decidiron pagar os seus tributos de forma fraccionada chega aos 237.867 euros”, salientou.

A concelleira Vieito indicou tamén que o calendario fiscal introducido polo executivo municipal “non só redistribúe os períodos de pago e dá a oportunidade de aboar os tributos de forma periódica recibindo bonificacións por iso, senón que tamén é positivo para a propia administración local”. Así, salientou que a aplicación do novo calendario “supuxo unha mellora trascendente na tesourería municipal, que dispón desta forma dun fluxo de fondos constante e equilibrado, de xeito que pode facer fronte aos seus compromisos de pago sen ter que recorrer a operacións de tesourería, algo habitual noutras épocas e con outros gobernos”.

Comment on this Article:







*