Home » coruna » Currently Reading:

Medio Ambiente asina un convenio de colaboración con catro entidades animalistas para controlar e mellorar as condicións sanitarias das colonias felinas da cidade

febrero 9, 2018 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, asinou  no Pazo de María Pita, un convenio con representantes das entidades animalistas Gatuchinhos, CoruñaGatuna, Micos e Nós e Gatocán, de cara a continuar co proceso de xestión das colonias felinas posto en marcha, por primeira vez na cidade e neste mandato municipal, no Barrio das Flores. Mediante este acordo, Concello e voluntarios e voluntarias destas asociacións sen ánimo de lucro colaborarán de cara a continuar xestionando as colonias felinas do Barrio das Flores, así como o control doutras en Oza, Cidade Escolar, Os Rosais-Visma e Monte Alto. “Estes convenios están abertos a estabelecer canles de colaboración para conseguir que as colonias felinas que existen na cidade estean nas mellores condicións sanitarias e que, á vez, garantamos unha mellor salubridade pública nas zonas onde se atopan estes animais”, comentou a concelleira de Medio Ambiente, María García, que destacou que esta liña de actuación é posible “grazas ao traballo e ao compromiso que amosan as entidades animalistas, que están medrando en número na cidade nos últimos tempos”. Ao respecto, a edil indicou que este convenio medrará nun futuro coa incorporación de novas entidades colaboradoras, “coas que se poderá ampliar o traballo noutras zonas da cidade”.

Para garantir a salubridade das zonas con colonias felinas até o de agora incontroladas, o convenio asinado este xoves establece unha serie de encomendas tanto ao Concello como ás entidades animalistas que derivará no saneamento e esterilización dos gatos das colonias, así como a distribución controlada da súa alimentación. García explicou que o goberno local correrá cos gastos que comporta a esterilización dos animais, así como dará gaiolas de captura e recuperación ás entidades encargadas de actuar nas colonias, ademais de útiles para a limpeza diaria das casetas e os comedeiros que instalará e sinalizará debidamente, delimitando as zonas habilitadas para alimentar aos gatos. “Non só se sufragarán os gastos derivados dos tratamentos cirúrxicos, senón que se proporcionarán pastillas e pipetas para a desparasitación dos animais e se restrinxirá a súa alimentación fóra das zonas delimitadas”, expuxo. O convenio tamén servirá para que o Concello teña coñecemento das persoas designadas por cada asociación colaboradora para levar a cabo este traballo.

Pola súa banda, as entidades colaboradoras organizarán a actividade das persoas voluntarias, co obxectivo “de evitar a sobrealimentación, así como a xeración de residuos”. Manterán limpos os espazos nos que depositarán a comida para as colonias e realizarán a captura dos exemplares que, posteriormente, serán esterilizados e desparasitados.

“A firma destes catro convenios de colaboración é un fito importante, que dá continuidade ás políticas de benestar animal que estamos a levar a cabo, que buscan o obxectivo do sacrificio cero”, dixo a concelleira García, que agradeceu “o traballo dos grupos animalistas” e chamou á cidadanía a “colaborar no obxectivo de conseguir ter unhas colonias felinas controladas”. “A mellor forma de colaborar é facelo dende un punto de vista responsable. Sabemos que hai veciños e veciñas que, con toda a vontade do mundo, alimentan aos gatos, mais o que fan en moitas ocasións, é xerar focos de suciedade que derivan en situacións insalubres. Estes novos convenios dan moita máis autonomía ás asociacións de animais, que era algo que nos solicitaban, polo que pedimos á veciñanza a súa implicación”, explicou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...