Home » coruna » Currently Reading:

Medio Ambiente inicia o proceso de consulta previo á licitación do servizo de limpeza viaria coa publicación do borrador do prego de contratación e o inicio de reunións con colectivos da cidade implicados

julio 14, 2018 coruna No Comments

​A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe María García, fixo público este venres o borrador do prego do contrato de limpeza diaria, que desde hoxe e ata o vindeiro 3 de agosto se somete a consulta pública como paso previo á súa licitación, un procedemento pioneiro na cidade que dá a posibilidade aos principais axentes do sector de participar e opinar sobre o desenvolvemento dun servizo básico antes de que se abra o proceso de licitación. Coincidindo coa apertura deste proceso, a titular de Medio Ambiente mantivo hoxe á mañá unha xuntanza cunha representación do comité de empresa do actual servizo, co obxectivo de explicar as cláusulas sociais e demais novidades e melloras que o Concello incorporou no borrador dos pregos de contratación, e para recibir as súas achegas. Coa xuntanza de hoxe, Medio Ambiente dá inicio a unha serie de reunións con todos aqueles colectivos afectados dun ou doutro xeito por este servizo, que servirán ademais para escoitar e recoller achegas que poidan servir, en palabras de García, “para enriquecer os pregos”, tal e como ocorreu co prego de recollida de residuos e contenerización, que o goberno local está a piques de sacar a licitación, e no que xa se implantou a principios de ano este procedemento inédito, non xa a nivel local, senón autonómico e estatal en contratos desta importancia e características, “e unha práctica que afonda nas políticas de consulta e transparencia e innovación democrática deste goberno municipal”.

O procedemento de consulta pública permanecerá aberto ata o 3 de agosto, de xeito que as persoas que así o desexen poderán realizar as súas achegas ao borrador a través da web municipal ​https://noseusitio.coruna.gal/​, dende onde se poderá acceder á exposición pública do borrador, que xa está visible tamén na plataforma de contratación do Ministerio de Facenda. Os materiais divulgativos sobre este proceso tamén estarán dispoñibles en distintos equipamentos municipais. Unha vez que conclúa o proceso de consulta, os servizos municipais estudarán a integración das distintas achegas. O borrador resultante dos pregos deberá ser sometido, posteriormente, á correspondente fiscalización para, a continuación, ser aprobado, xunto co gasto aparellado, pola Xunta de goberno local. Este será o paso previo á apertura do proceso de licitación.

Melloras no servizo

Tal e como salienta a concelleira, o novo contrato traerá aparelladas unha serie melloras de carácter ambiental, na calidade do servizo e no coidado do espazo público, entre os que destaca un sistema máis equitativo dos medios de limpeza en todos os barrios, fronte á actual concentración da zona centro, que o goberno local compensa neste momento a través do programa de coidado intensivo do espazo público ​A Pé de Barrio.​ Para isto, introducirase a limpeza con auga en toda a cidade en función da demanda, un recurso que no contrato actual, que foi adxudicado en 2008, prima o centro sobre o resto de espazos da cidade. Esta medida, segundo fai notar a responsable de Medio Ambiente, redunda tamén nunha maior eficiencia do servizo, ao complementar os labores de varrido manual e mecánico.

Entre as melloras que se incorporan ao prego cóntase tamén a creación de grupos específicos de traballadores e traballadoras para abordar tarefas máis puntuais, como aquelas vinculadas coa celebración das festas, a limpeza tras o lecer nocturno, a caída das follas ou a retirada de gomas de mascar, pintadas, herbas espontáneas, así como a eliminación de vertedoiros, entre outras, de cara a que conten tanto con persoal especializado, como con medios específicos que non fagan perder dotacións aos traballos ordinarios de limpeza nos barrios.

Tamén, o borrador do prego inclúe xa medidas que potencian unha maior sustentabilidade do servizo, desde a adquisición de maquinaria e vehículos eléctricos e híbridos que non xeran ruído, ata a incorporación de sistemas economizadores de auga naquela maquinaria destinada ao baldeo, que aumentan a presión e reducen o caudal, así como xerando menos ruído e incorporando sistemas economizadores aos mecanismos.

Cláusulas sociais de obrigado cumprimento

Outra das novidades deste prego é que as cláusulas sociais foron incluídas como condicionantes especiais do contrato, é dicir, son obrigas que a empresa contratista debe cumprir e non, como ocorría até o de agora, un elemento de valoración, que implicaría deixar na man das licitadoras facer avances neste ámbito”, explicou a responsable municipal. “Estamos a facer unha aposta decidida polo emprego de calidade no sector ambiental, así como pola economía verde”, comentou García, que insistiu en que os pregos que sairán a licitación especifican a necesidade de “manter as condicións laborais durante a vixencia do contrato, garantir o mantemento das retribucións salariais, sen que poida producirse un descolgue por ningunha causa, así como garantir o dereito de subrogación do actual cadro de persoal recollido no convenio colectivo de aplicación”.

De feito, o novo prego de contratación axuntará un anexo no que se especificarán as relacións do persoal que presta, na actualidade, os servizos de limpeza viaria, a efectos do procedemento da subrogación que se contempla como obrigatoria. A firma que resulte, finalmente, adxudicataria terá que considerar, ademais, os convenios vixentes para cada unha das prestacións que conforman o contrato, así como manter as condicións laborais durante a pervivencia do mesmo. “O cumprimento das obrigas laborais derivadas dos convenios teñen carácter de obriga contractual esencial”, salientou García, quen destacou que “o pago de salarios ás persoas traballadoras dentro do prazo pertinente terá carácter de condición especial de execución, polo que o impago será considerada unha infracción moi grave, con multas que poden ir dende os 50.000 euros até o 10% do prezo do contrato”. Do mesmo xeito, e ante un contrato de longa duración (8 anos), os pregos recollerán unha fórmula de revisión de prezos para adecuar os salarios no tempo de duración do servizo.

Ceder o contrato sen a debida autorización municipal, incumprir a normativa de seguridade e saúde no traballo, alterar as normas laborais ou o convenio colectivo do persoal a empregar, alterar, sen a autorización municipal, o número de postos de traballo en cada unha das categorías, ou incumprir as obrigas do contrato terán, do mesmo xeito, a consideración de infraccións moi graves.

Cláusulas sociais e de xénero

No caso de que, aplicando os distintos criterios de valoración, dúas empresas ou máis empaten, “aquelas licitadoras que teñan unha maior porcentaxe de traballadores con diversidade na súa plantilla, terán preferencia na adxudicación”. Se fosen necesarias novas contratacións de persoal, así como á hora de cubrir baixas e substitucións, os pregos elaborados por Medio Ambiente especifican que se dará prioridade, en primeiro lugar, a aqueles membros do cadro de persoal que non estean en réxime de xornada completa. Ademais, tamén se priorizará o avance cara á igualdade de xénero, favorecendo a contratación de mulleres e, nomeadamente, vítimas de violencias machistas, ademais de persoas perceptoras de rendas mínimas de inserción, persoas con diversidade funcional recoñecida, refuxiadas ou en situación de asilamento, así como participantes en programas municipais de inserción sociolaboral, por pertencer a colectivos en risco de exclusión ou con dificultades especiais de acceso ao mercado laboral. “En calquera caso, a contratista non poderá minorar en ningún caso o cadro de persoal adscrito ao contrato”, subliñou a concelleira.

No que atinxe ás cláusulas sociais introducidas nos pregos polo Concello, estas obrigan a que a empresa contratista garanta “a igualdade entre mulleres e homes en canto á clasificación profesional e a promoción e estabilidade laboral”. Así, a compañía adxudicataria do contrato deberá presentar no prazo dun mes tras a resolución da licitación un plan de igualdade “que será de aplicación para todas as persoas que executen o contrato”.

Acceso permanente á información

De cara a manter un control exhaustivo das condicións laborais, a firma que finalmente resulte adxudicataria do contrato de recollida deberá facilitar ao departamento de Medio Ambiente o acceso permanente á información relativa á presenza de cada un dos e das integrantes do persoal no seu posto de traballo, aos horarios que desempeñan e aos boletíns mensuais de cotización á seguridade social do persoal que prestou os seus servizos no período anterior ao de facturación.

O prego de contratación estipulará tamén unha serie de criterios que serán fundamentais para decantar a adxudicación definitiva do servizo. Deste xeito, valorarase, por exemplo, “a calidade e a intensidade das propostas de formación das persoas traballadoras mentres estea vixente o contrato”. Ademais, toda a documentación e publicidade aparellada á execución do contrato que teña que realizar a empresa deberá contar cunha linguaxe inclusiva e evitar calquera imaxe discriminatoria das mulleres, así como o uso de estereotipos sexistas.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...