Home » coruna » Currently Reading:

Medio Ambiente pon en marcha a consulta pública previa á licitación do contrato de recollida de residuos, “un proceso pioneiro que aposta pola transparencia para un servizo trascendental para a cidadanía”

febrero 9, 2018 coruna No Comments

A Concellería de Medio Ambiente, dirixida por María García, iniciará o próximo mércores, 14 de febreiro, o proceso de consulta pública previo á licitación do contrato de recollida de residuos e contenerización para a cidade, que se iniciará nos vindeiros meses. A responsable municipal deu conta este xoves en rolda de prensa deste proceso pioneiro, xa que é a primeira vez que se realiza na Coruña un procedemento deste tipo previo a unha licitación, e que dará a posibilidade aos principais axentes relacionados coa xestión dos residuos “a participar e opinar sobre o desenvolvemento dun servizo básico para a cidade antes de que se abra o proceso de licitación, que xa é definitivo”. “Despois de 50 anos en funcionamento do anterior contrato, o prego de recollida de residuos sométese a licitación e é a primeira vez neste concello que esa licitación se abre a consulta, e das primeiras que se fai en Galicia e no Estado español para unha contratación desta contía”, sinalou a responsable municipal, que recordou que este servizo é “un dos máis transcendentais dun concello, tanto polo que afecta á cidadanía como pola importante contía do contrato e tamén polas repercusións ambientais enormes que ten, xa que o sistema de recollida do lixo é o primeiro paso do modelo de residuos dunha cidade e o primeiro paso que vai definir a nosa capacidade de redución de residuos e reciclaxe”. “Este prego de recollida de lixo e contenerización exemplifica o que sons as políticas deste goberno de coidado do espazo público, de proximidade e tamén o noso compromiso como cidade co medio ambiente, cos traballadores e traballadoras e cos axentes sociais aos que implicamos neste proceso de consulta, coa transparencia e a participación”, salientou.

A concelleira adiantou durante a comparecencia as novidades do novo contrato, entre as que destacan as melloras de prestación do servizo para a cidadanía. “Con este novo contrato conseguiremos un servizo máis próximo e máis cómodo, que derivará nunha maior limpeza e coidado do espazo público e que terá un plan específico para as zonas de alta concentración hostaleira, ademais de todos os días en Nadal e época de verán”, explicou a edil, que salientou que “tamén se terá en conta á veciñanza con diversidade funcional, cun 25% de contedores adaptados”, e tamén implicará unha redución das emisións de ruído.

Condicións laborais

O novo contrato tamén derivará en melloras ambientais na cidade. “Incrementarase a reciclaxe e o tratamento de residuos in situ, de forma que unha parte xa non teña que ir á planta de Nostián, asumindo as directrices que nos marcamos dende 2015 e cunha aposta decidida pola economía circular, que xa é un mandato europeo, e o residuo cero”, comentou. Ao fío, García insistiu en que o Concello levará a cabo “un exhaustivo control de calidade sobre a empresa que resulte adxudicataria, de cara a que a disposición de medios materiais e humanos para desenvolver de forma correcta o servizo de recollida sexa o preciso”. “Este contrato debe ser pioneiro non só en canto ao proceso previo á súa licitación, senón tamén no que atinxe ás condicións laborais dos e das traballadoras”, explicou, en relación ás cláusulas laborais que se introducen no prego, e que se completan con cláusulas de xénero “para fomentar a igualdade entre mulleres e homes”, ambientais e tamén lingüísticas, “Ademais, apostamos por unha total transparencia na xestión, empezando pola consulta pública que imos levar a cabo, e continuando polo propio desempeño do servizo”, engadiu, á vez que recordou que os novos pregos garantián a continuidade da plantilla actual e as súas condicións.

Eixes do novo contrato

O novo contrato de recollida sostense sobre unha serie de eixes como son: a aposta pola separación da materia orgánica, a atención especial aos grandes produtores de residuos orgánicos, o pago por xeración, a renovación do parque de contedores e da flota de camións, o incremento do número de contedores de recollida de papel e vidro, a implementación dun plan especial de recollida para as zonas de alta concentración hostaleira, a posta en marcha de sistemas de control de ruído e os procesos de control de calidade. Ademais, o contrato leva aparelladas unha serie de obrigas, como son o desenvolvemento de campañas de educación ambiental para mellorar a colaboración cidadá na separación de residuos e as necesarias políticas de redución, así como o apoio a iniciativas de economía social, estipulando nos pregos a necesidade de subcontratar a entidades deste ámbito para que desenvolvan tarefas correspondentes, ao menos, ao 1% do prezo do contrato.

Como sinalou a concelleira, novo servizo de recollida aposta de forma especial pola separación de materia orgánica e inorgánica, un sistemaque fai que A Coruña estea 25 puntos por enriba da media galega e 17 sobre a española en canto a recuperación de envases, con 47 Kg por persoa e ano. “Os novos pregos manteñen o sistema de separación de orgánico e inorgánico e, ademais, introducen sistemas adaptados para reciclar os residuos orgánicos en diferentes tipoloxías: compostaxe caseira no rural, compostaxe comunitaria nas proximidades das hortas comunitarias ou outros espazos verdes acaídos, contedores con tarxeta en barrios cun nivel de reciclaxe alta e recollidas especiais a grandes consumidores e mercados”, dixo a titular de Medio Ambiente, quen destacou que hostalería, comercio e comedores concentran a xeración do 30% do total de residuos da cidade polo que, de novo, apostarase por levar a cabo recollidas específicas e adaptadas as súas necesidades.

A respecto da renovación do parque de contedores, García comentou que tamén se incrementará “o seu coidado e mantemento”, con lavados e reparacións de forma xeral cada 15 días, ademais dunha revisión intensiva de carácter trimestral. No que atinxe á flota de camións, a concelleira avanzou que “tamén aquí haberá renovación, aproveitando ao máximo posible os vehículos ata o final da súa vida útil, e introducindo novos vehículos de baixa emisión”.

García destacou, por outra banda, que o novo contrato de recollida repercutirá directamente na cidadanía, ao introducir o concepto de “pago por xeración”, a través dun sistema de bonificacións e incentivos fiscais para promover a colaboración cidadá. “Se separas mellor, pagas menos. Este sistema irase instaurando de maneira progresiva por medio de modificacións nas ordenanzas fiscais”, apuntou, enfatizando que o cambio será paulatino.

Á marxe dos procedementos para garantir o control de calidade do servizo ofertado e as condicións laborais do cadro de persoal, tamén se terá en conta, á hora de adxudicar o contrato, os sistemas de control de ruídos. “Terase moi en conta tanto a elección da maquinaria como os horarios no caso da recollida de vidro, así como as medidas complementarias que oferten as empresas que opten a adxudicación”, salientou.

Proceso consultivo

García explicou o proceso de consulta previo á licitación do contrato de residuos está aberto fundamentalmente aos actores sociais máis relevantes do sector, como sindicatos e empresas, ou universidades e asociacións veciñais, entre outros colectivos. De cara a fomentar a participación iniciarase, de xeito inmediato, unha campaña de información no enderezo web https://noseusitio.coruna.gal/ , dende onde se poderá acceder á exposición pública do borrador dos pregos, que estará visible no perfil do contratante. Os materiais informativos sobre este proceso tamén estarán dispoñibles en distintos equipamentos municipais.

Rematado o proceso de consulta, os servizos municipais estudarán a integración das distintas achegas. O borrador resultante dos pregos deberá ser sometido á correspondente fiscalización para, posteriormente ser aprobado, xunto co gasto aparellado, pola Xunta de goberno local. Este será o paso previo á apertura dun proceso de licitación que rematará coa adxudicación do contrato. As previsións da Concellería de Medio Ambiente é que o novo servizo estea contratado antes de que remate o ano.

Segundo fixo notar a concelleira, os vindeiros pregos incrementarán o prezo de licitación até os 14,5 milóns de euros –os contratos, tanto de recollida como de contenerización suman na actualidade 12,5 millóns de euros–, xa que se prevé un incrementando de 1,4 millóns de investimento no servizo de recollida, así como 600.000 euros na conteneurización. Este incremento vén motivado, entre outras cuestións, pola melloras que se introducirán no servizo, así como pola actualización salarial.

Comment on this Article:







*

A %d blogueros les gusta esto: