Home » coruna » Currently Reading:

Medio Ambiente volve reivindicar a necesidade de que “o selado dos depósitos de Nostián, que xa leva 11 anos de atraso, sexa un obxectivo prioritario para todas as administracións”

marzo 2, 2018 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, reiterou a necesidade de que “o selado de dous dos vasos do depósito de Nostián, actuación que acumula xa 11 anos de atraso, sexa entendida como un obxectivo prioritario por parte de todas as administracións”. Para a responsable municipal, o anuncio de que a Xunta de Galicia vén de sancionar á empresa Albada, concesionaria da planta, por non ter levado a cabo o peche dos dous depósitos cuxa capacidade se esgotou hai anos “ratifica que o Concello da Coruña tiña razón en todas as reclamacións que vén facendo dende que chegou a María Pita e que están documentadas nos repetidos escritos e requirimentos enviados nos últimos dous anos”, non obstante “segue sen solucionar o problema”. “Levamos moito tempo pedíndolle á Xunta que actúe neste tema e á empresa privada que asuma o seu deber de selar o vertedoiro, tal e como figura nas distintas resolucións xudiciais que se foron coñecendo”, explicou García, que insistiu en que, non obstante, “máis alá de multas, ao Concello e á cidade da Coruña o que lles interesa realmente é que se proceda ao selado dunha vez por todas”. “Por este motivo, instamos á administración autonómica a que, se é necesario, realice ela o selado de forma subsidiaria”, apuntou.

“O selado dos vasos colmatados en Nostián non é competencia do Concello, non obstante, a nosa obriga si que é a de insistir en todo momento e por todas as vías posibles na necesidade de que se proceda ao peche destes depósitos”, reiterou, para recordar que “é a Xunta a administración con responsabilidade sobre as instalacións industriais”. Así, a edil recordou a autorización ambiental integrada do goberno autonómico a Albada en 2015 na que a Xunta instaba ao Concello da Coruña a acometer o selado. “Naquel momento quedaron claras as obrigas de que cada quen, xa que a Xunta tivo que rectificar pois a lei é moi clara ao respecto. Quen debe acometer o selado é a entidade explotadora (Albada) e a administración competente, a Xunta, por ser unha instalación de carácter industrial (IPPC)”. “Cremos que é imprescindile aplicar a lexislación vixente na súa literalidade, de cara a evitar interpretacións que puidesen conducir a que o Concello, e con el toda a veciñanza, asuma custos que non lle corresponden”, dixo, á vez que aludiu “aos diversos contenciosos instruidos arredor da xestión de Albada”.

García tamén quixo reiterar “a vontade de colaboración do goberno local da Coruña a este respecto”. “Non se trata de botar balóns fóra, o selado ten que ser un obxectivo prioritario. As sancións son un avance, xa que, aínda que con 11 anos de demora, por primeira vez parece que se realiza por parte da administración autonómica unha actuación encamiñada ao selado, non obstante, a necesidade principal é que esta situación se resolva”, reflexionou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...