Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde asina co presidente da Deputación un protocolo que contribúe cun millón de euros ao financiamento das obras de reforma da cuberta e as gradas de Riazor, “un espazo que proxecta e promociona a imaxe de toda a provincia”

noviembre 25, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou xunto co presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, o protocolo de intencións entre o Concello e o ente provincial, que establece as bases de colaboración para o financiamento da reforma e conservación da cuberta e a estrutura metálica das gradas do estadio de Riazor, un proxecto que vén de ser adxudicado por 7,2 millóns de euros. En base a este acordo, a Deputación provincial contribuirá con 1 millón de euros, o que supón algo menos do 15% da execución das obras, que teñen un orzamento de 6.986.125 –mentres que os 176.144 euros restantes do importe de adxudicación correspóndense coa redacción do proxecto–. “O estadio de Riazor é un dos símbolos da Coruña e esta obra vai permitir solucionar o problema estrutural das cubertas, e ao mesmo tempo, mellorar un equipamento urbano con gran valor funcional que se sitúa no centro da Coruña, o que consideramos que é, fronte a outros modelos, un valor que servirá para proxectar a imaxe da cidade no exterior”, sinalou Ferreiro, que destacou que a reforma do estadio servirá para “acondicionar e poñer no estado que merece o que é un dos edificios icónicos, xa non só da Coruña, senón de toda a contorna”. “Con esta reforma estamos a dar solucións a un espazo que promociona no exterior non só á nosa cidade, senón que é un reclamo para toda a provincia e, ademais é visitado por cidadanía de toda Galicia”, explicou.

Ferreiro recordou que Concello e Deputación traballan de forma conxunta en numerosos proxectos de interese tanto para a cidadanía da Coruña como para toda a área metropolitana. “Este é un acordo máis de todos os que levamos a cabo en distintos ámbitos, como o social, o da igualdade, a promoción económica, a cultura ou a mobilidade”, comentou o primeiro edil coruñés. “Esta obra, que parte dunhas necesidades de mellora no que atinxe á seguridade da infraestrutura non só beneficia á cidadanía da Coruña xa que, cada semana, achéganse até o estadio milleiros de persoas de toda a provincia”, recordou.

Pola súa banda, o presidente da Deputación indicou que “o Concello da Coruña reclamou dende o primeiro día o noso apoio nese proxecto, e así o estamos a facer”. “Esta institución trata de dar sempre resposta aos problemas tanto da Coruña, como de todos os concellos da provincia”, dixo, á vez que salientou “as relacións leais e colaborativas” co consistorio coruñés”.

Compromiso de colaboración

Tal e como sinalou o rexedor coruñés, o documento explicita o “compromiso de colaboración para o financiamento provincial das obras”. Para facer efectivos tales compromisos, as dúas partes tramitarán e acordarán os convenios que sexan máis adecuados, que poderán estender a vixencia do protocolo, que se establece nun ano, prorrogable de xeito automático por un ano máis. Segundo queda recollido no protocolo, o importe pagarase con cargo á anualidade de 2018, unha cantidade que servirá para financiar “exclusivamente os gastos derivados do contrato de execución das obras” polo que non serán subvencionables os gastos de redacción de proxectos, tributos devengados pola obtención de licenzas, honorarios por dirección de obras, coordinación de seguridade e saúde ou control de calidade.

A adxudicación da obra mediante a que se abordará a reforma do estadio de Riazor validouse o pasado mércores en Xunta de Goberno local extraordinaria. Unha das cuestións que decantou a elección do proxecto de Arias Infraestruturas foi “a redución dos tempos de execución de forma considerable”. Se ben nun principio estaba planificado que a actuación se desenvolvese entre 2018 e 2019, o cronograma previsto pola firma pretenden desenvolver as obras en oito meses e medio dende a firma do contrato ao plantexar as actuacións de forma simultánea nas catro gradas durante os períodos de peche do estadio. Segundo esta planificación, os traballos se desenvolverían nun prazo de 124 días con distintas fases intermedias. Non obstante, a adxudicataria deberá desenvolver antes o proxecto definitivo, que será validado polo Concello.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...