Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde avanza que o goberno municipal ofreceralle á Xunta unha nova parcela na Falperra para o centro de saúde, o que permitirá completar a renovación do mercado de Santa Lucía cun centro cívico para o barrio

enero 8, 2018 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, anunciou nunha entrevista concedida á emisoria Radio Coruña que o goberno local dispón de localizacións alternativas á hora de situar o novo centro de saúde do barrio da Falperra, no caso que non se atope unha solución técnica que permita reconfigurar o proxecto actual do executivo municipal e ubicar, na parcela na que se atopa o Mercado de Santa Lucía, un espazo sanitario. Tal e como sinalou o alcalde, a proposta do goberno coruñés ten como finalidade mellorar a atención sanitaria da zona centro da cidade, que actualmente se presta no espazo sanitario de Federico Tapia, á vez que executa, de xeito compatible, a renovación e rehabilitación do mercado de Santa Lucía para convertelo no elemento dinamizador do barrio. “Desde o pasado mes de decembro, a Xunta de Galicia entendeu que o espazo sanitario non se podía construír a costa de converter o mercado nunhas galerías subterráneas, e acordamos estudar se existen solucións viables arquitectonicamente para compatibilizar os usos no edificio”, explicou Ferreiro. “Se finalmente o informe do redactor do anteproxecto, Manuel Gallego –autor do proxecto do mercado orixinal e redactor do anteproxecto para a reforma– ve complicado o encaixe da proposta, o Concello da Coruña ofrecerá outra alternativa dentro do barrio, e a escasos metros do mercado, para a construción do centro”, avanzou. A este respecto, o primeiro edil aseverou que “existe un solar de titularidade municipal, moi próximo á praza de abastos, no que se podería construír un centro de saúde accesible, con boas comunicacións peonís no barrio e tamén para as persoas que veñan de Federico Tapia”. “A proposta, que se trasladará nas vindeiras semanas ao Sergas, cumpriría coas necesidades da veciñanza, como a instalación no propio barrio, unha cuestión que vén referendada polos datos que recibimos o mes pasado do Sergas, e que apuntan a que a maioría das usuarias e usuarios do centro viven na contorna do mercado”, explicou Ferreiro, quen reafirmou a intención do goberno local “para acadar unha mellor atención sanitaria da que existe, actualmente, no barrio”.

A instalación do centro de saúde noutra parcela da Falperra permitiría ao Concello poñer en marcha, dentro das actuacións previstas para a rehabilitación do actual inmoble, outro equipamento para o barrio no edificio contiguo á praza de abastos, “que contribúa no papel dinamizador ao que está chamado o mercado”, subliñou Ferreiro. “Este novo equipamento podería ser un centro cívico, que dotaría á Falperra de servizos dos que actualmente non dispón”. “Se facilitamos a creación dun novo espazo sanitario nas proximidades de Santa Lucía, ademais de contar cun mercado renovado que vaia máis aló dunha praza de abastos e que dinamice o barrio dándolle vida, e que inclúa un equipamento social, atenderiamos as necesidades e demandas da veciñanza da zona”, sinalou o alcalde.

Orzamentos municipais

Na conversa, na que o rexedor deu conta dos proxectos que o executivo porá en marcha nos vindeiros meses, Ferreiro salientou a aprobación inicial, o pasado 29 de decembro, do proxecto de Orzamentos deste 2018. “Por primeira vez chegamos a final de ano cos orzamentos aprobados. Suporá un cambio na dinámica, un camiño de cambios que xa se están empezando a notar na cidade, por exemplo, en canto ás actuacións de mellora e renovación do espazo público, e que se ampliarán nos vindeiros meses”, dixo. Entre as actuacións, destacou a obra de rehabilitación das cubertas do estadio municipal de Riazor, “fundamental para garantir a seguridade dunha instalación á que asisten máis de 20.000 persoas, ás veces 30.000, nas fins de semana, e que convertirá ao recinto nun dos iconos máis relevantes da cidade”.

No presuposto municipal do presente exercicio, como fixo constar o alcalde, tamén empezará a execución dos fondos para o desenvolvemento da Estratexia DUSI, na que o Concello obtivo unha achega de 15 millóns de euros procedentes de fondos europeos, a cantidade máxima que permite a convocatoria, “para reforzar o proxecto da Coruña Próxima promovida polo goberno local”. Ao fío, Ferreiro sinalou que a obtención do financiamento para o desenvolvemento da EDUSI “demostrou que cando os grupos municipais se poñen a construír en común, no lugar de afondar nas políticas de desgaste do goberno local, resulta máis produtivo para a cidade”.

De cara ao 2018, un dos proxectos que o goberno local porá en marcha será a remodelación do pavillón da praza José Toubes, unha obra que se realizará a través dos fondos europeos e que permitirá a transformación do espazo nun novo equipamento flexible para a cidade, con espazos polivalentes, e que tratará de responder ás demandas detectadas, tanto no barrio como en toda a cidade, sobre a necesidade de infraestruturas sociais abertas a toda a veciñanza, que funcionen do xeito sinxelo e áxil, neste caso, nun espazo singular que se presta á relación coa súa contorna, “nun enclave importante para Catro Camiños e toda a cidade”, apuntou o alcalde, quen avanzou que o proxecto de de execución está rematado, á espera dalgúns informes –entre eles o de Patrimonio, da Xunta–, de xeito que a licitación “se podería iniciar na primeira metade deste ano e, as obras, na segunda”.

Outra das actuacións que o executivo municipal porá en marcha este 2018 será a renovación integral da praza do Recife. Tal e como sinalou Ferreiro, iniciáronse nas últimas semanas os traballos previos para efectuar a obra, que suporá a mellora da zona deportiva e o cambio de emprazamento e ampliación da área de xogos infantil, e a instalación dun recinto aparcabicis no lugar no que antes se situaban os xogos. A posta a punto da zona libre completarase, ademais, cos traballos de conservación e mantemento que xa se foron levando a cabo desde o verán. “Nestes últimos días realizáronse os traballos previos para a cubrición provisional do Garaxe Madrid, para o tempo que duren as obras na parte superior”, sinalou o alcalde. Nos próximos días, comezarán os traballos, que terán unha duración aproximada de seis meses.

Peonalización da Cidade Vella

O alcalde avanzou que tamén no primeiro semestre do ano o goberno local abordará a peonalización da Cidade Vella, dentro do plan de dinamización do casco histórico da cidade, co obxectivo “de gañar vida para este enclave histórico e rematar coa anomalía que supón contar con vehículos circulando, ou estacionados, polas súas rúas”. “O plan técnico está xa moi avanzado e o Concello leva ademais meses de contactos cos aparcadoiros da zona, para conseguir ofertas vantaxosas para a veciñanza, das que daremos conta nas vindeiras semanas”, afirmou Ferreiro, quen destacou que, durante todo o proceso, o executivo municipal “estivo en contacto constante coa asociación veciñal”.

“A peonalización irá acompañada dun plan de dinamización comercial e social do barrio, así como da mellora de certos espazos, como poden ser, por exemplo as rúas Nosa Señora do Rosario, Sinagoga ou Cortaduría, nas que o Concello ten vontade de acometer obras de mellora na súa pavimentación”, explicou o rexedor, quen sinalou que para poder levar a cabo estas últimas intervencións, é necesaria a colaboración de Patrimonio. “Aquí de novo, como en multitude de casos nestes dous anos, atopámonos coa falta de colaboración da Xunta de Galicia, que está sistematicamente dilatando os prazos para poder executar as actuacións, como é o caso de Cortaduría, onde xa poderiamos estar facendo a obra se Patromonio tivese resolto con normalidade”, aseverou.

Naves do Metrosidero

En relación ao proxecto do executivo local para as Naves de Metrosidero, o alcalde lembrou que, por vez primeira na Coruña, “hai unha proposta para un equipamento público deseñado especificamente para a mocidade”, e que o executivo municipal está a resolver con Defensa a cuestión legal da titularidade dos terreos, para que a cesión provisional sexa completa. “No momento no que o Concello teña a titularidade completa do edificio, as obras do Ministerio de Fomento permitirán rehabilitar as naves e abrilas aínda máis á cidade”. aseverou. “Os terreos xa non serán produto da especulación, pois o dono do edificio será o conxunto da veciñanza. O dereito de uso e acceso a un edificio público, pois, non debería ser limitado, e o que corresponderá será abrir ese espazo a toda a cidade”, sinalou Ferreiro, quen fixo un chamado ao diálogo. “Nós sempre intentamos, e intentaremos, unha saída dialogada e ordenada. É o marco no que sempre estamos a falar, e esgotaremos todas as vías de diálogo”.

“As Naves do Metrosidero serán un equipamento moi importante. O espazo, que pertencerá a todas as veciñas e veciños da Coruña, poderá ser utilizado pola mocidade de todo o termo municipal, así como dos barrios máis próximos, como As Atochas ou a Cidade Vella, para realizar actividades en condicións de legalidade e seguridade xurídica”, defendeu Ferreiro, que se referiu tamén á xestión do propio espazo. “Queremos que o papel protagonista á hora de definir a xestión e usos das Naves sexa das persoas usuarias, algo que xa se está a facer noutras cidades do Estado e funciona sen problemas. Queremos que conten co apoio do Concello, como titular do inmoble, pero permitindo que as Naves teñan vida propia”, afirmou.

Desafíos

En relación aos desafíos que a cidade ten por diante de cara aos vindeiros meses, “e que determinarán o seu futuro”, o alcalde destacou cuestións como o cambio de estratexia de mobilidade, cara un modelo máis sostible, e do que se dará conta neste mes de xaneiro co inicio das obras tanto do carril bici metropolitano como do tramo ciclable de Salgado Torres, que permitirá conectar Pablo Picasso coa zona de Ramón y Cajal.

Ademais da aposta pola bicicleta, o rexedor defendeu a necesaria coordinación do transporte urbano e interurbano a través da creación dunha autoridade única de transporte, que sexa xestionada desde A Coruña. “A solución da mobilidade interurbana e na área metropolitana debe ser máis ambiciosa que a que propón a Xunta coa implantación do Plan de Penetración do Transporte Interurbano no centro da cidade. E nisto estamos dacordo todos os municipios da contorna. Hai consenso, e nós xa estamos a traballar neste ámbito, co encargo dun grande estudo orixe-destino, e colaborando coa Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona, co obxectivo de acadar unha verdadeira malla de transporte”, dixo o primeiro edil, quen defendeu a aposta por avanzar, este ano, na creación da Área Metropolitana.

“Para desenvolver os grandes proxectos e desafíos que se plantexan, como o cambio de modelo de mobilidade, é necesario construír Área Metropolitana. A Coruña ten 400.000 habitantes, dos que 250.000 viven neste Concello, e o resto fóra do mesmo, na contorna. Pero todas e todos participan dunha mesma realidade urbana. Ou construímos ferramentas institucionais que nos permitan deseñar o territorio, o crecemento económico e os lugares de instalación de empresas, así como de infraestruturas verdes, comunicacións ou as redes de transporte pública, ou non teremos unha cidade á altura do que precisamos”, afirmou.

O alcalde tamén apostou como o traballo pola recuperación dos terreos portuarios para a cidade como outro dos grandes desafíos do presente exercicio. “É un reto a curto e longo prazo. Xa o era antes de chegar a María Pita, e desde que chegamos mudou totalmente. Puxemos enriba da mesa unha perspectiva diferente, que ata tivo que aceptar o Porto do Estado ou mesmo a Xunta de Galicia, aínda que sexa de xeito propagandístico, porque a día de hoxe, ambas institucións seguen sen presentar ningún proxecto. Este goberno fixo pública unha proposta, e considera fundamental seguir traballando neste 2018 para recuperar os terreos portuarios para a cidade, para que estes non sexan pasto de especulación, senón que sexan unha oportunidade económica para a nosa cidade, para a creación de emprego e riqueza, para un desenvolvemento sostible”, afirmou Xulio Ferreiro.

Pleno

En relación á sesión plenaria ordinaria que terá lugar mañá, luns 8 de xaneiro, desde as 17.00 horas no Pazo de María Pita, o alcalde salientou a concesión dos títulos de Fillo Predilecto e Adoptivo, ademais de nominacións de rúas, ás figuras de Ángel Gómez Hervada ‘Anca’ e Alberto Martí, “dúas figuras fundamentais na historia recente da cidade”. “A traxectoria de Alberto Martí como cronista visual, ademais do seu arquivo fotográfico, é impresionante, como así foi o seu labor ao fronte da Cociña Económica. No caso de Anca, ninguén pon en dúbida o seu relevante papel no mundo da comunicación ao fronte de Radio Coruña e a boa persoa que foi”, expresou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...