Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde confía en que o cambio no goberno central “abra un novo tempo de oportunidade para A Coruña, que durante estes dous últimos anos non foi tratada como corresponde”

junio 2, 2018 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cualificou de “boa noticia” a saída de Mariano Rajoy da presidencia do goberno central, ao entender que “cae democraticamente un goberno austericida, que recortou o gasto social, a sanidade e a educación públicas, así como o os recursos para a loita contra as violencias de xénero e as pensións das nosas persoas maiores”. Na súa habitual intervención logo da celebración da Xunta de Goberno Local ordinaria, o rexedor manifestou a súa esperanza en que o cambio no executivo estatal “abra un tempo novo de oportunidade para A Coruña”, que, ao seu entender, non recibiu dende Madrid o trato que lle corresponde durante os últimos dous anos. “Cae un goberno que non confiaba nas cidades e un presidente que non confiaba na Coruña”, dixo.

O primeiro edil coruñés garantiu a súa contribución decidida “para facer que esta nova etapa sexa o máis frutífera posible para a nosa cidade e para o conxunto do Estado”, subliñando que a nova etapa que empeza “está tamén chea de responsabilidade”, se ben lamentou “o tempo perdido”. “Por desgraza, o cambio chega tarde. Foron dous anos perdidos para as maiorías sociais do estado e dous anos perdidos, especialmente, para a cidade da Coruña, que foi sistematicamente desprezada por Madrid”, indicou. “Rajoy non foi un bo presidente para esta cidade. Os seus orzamentos e as súas políticas foron un obstáculo permanente para A Coruña. Hai que poñerse a traballar con xenerosidade e altura de miras para recuperar, canto antes, todo o tempo perdido. Non podemos desaproveitar a oportunidade que se abre”, reflexionou. “Agora Pedro Sánchez é investido presidente co apoio incondicional de moitas forzas políticas para poder facelo. É unha excelente noticia e o que lle toca agora é non defraudar”, apuntou.

As reclamacións da Coruña

Ferreiro salientou o necesario entendemento para garantir, de forma participada e cooperativa entre as administracións implicadas, o uso e o titularidade públicas dos terreos dos peiraos interiores da cidade. “O certo é que o cambio de goberno se produce sen que puidese falar co presidente de Puertos del Estado, José Llorca. Hai uns días, logo de semanas sen atender chamadas nin responder cartas no Ministerio de Fomento, comunicóusenos que este xoves poderiamos manter contacto telefónico. Onte fixemos unha chamada que non foi atendida e nos indicaron que xa non valía a pena, dadas as circunstancias”, relatou. ​“Agardo que nesta nova etapa haxa á fronte do Ministerio de Fomento e de Puertos del Estado persoas máis sensibles coas necesidades da Coruña e, sobre todo, que non intenten converter a defensa do noso bordo litoral nunha cuestión partidista. Espero que poidamos redefinir convenios e acordos, tecer unha alianza sincera e buscar o interese xeral. Se Puertos del Estado e o Concello traballan de forma leal, buscando o que máis lle convén á cidadanía, será complicado que a Xunta poida actuar noutro sentido”, argumentou. “É cedo para aventurar nada, pero, dende logo, en canto poidamos e se nomeen as novas persoas responsables, porémonos en contacto con elas”, dixo.

Ao fío das relacións co Ministerio de Fomento, o mandatario local recordou que “esta mesma semana, a Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da Área Metropolitana volvía reclamar unha entrevista co seu titular, que leva moitos meses sen responder as nosas solicitudes para poder abordar a necesidade de melloras nas infraestruturas da comarca”. “Agardo que as cousas sexan mellores agora. O ministro De la Serna tivo unha importante falta de sensibilidade coa Coruña. Espero que iso cambie e espero poder contribuír a que todo saia ben”, manifestou.

Por outro lado, e con respecto ás competencias e normas que rexen aos entes municipais, as administracións máis próximas á cidadanía, Ferreiro reivindicou a súa necesaria modificación. “É necesario mudar as limitacións dos concellos introducidas por Montoro. Agora temos unha oportunidade e unha maioría parlamentaria que podería introducir cambios aí” , dixo, á vez que recordou que os Orzamentos do Estado para Coruña de 2018 “non son bos para a cidade”.

Xunta de Goberno Local

Por outro lado, o alcalde deu conta dos principais acordos acadados este venres pola Xunta de goberno local, entre os que destaca a modificación da Ordenanza Municipal de Conservación e Rehabilitación de Inmobles, dirixida a aumentar as contías das axudas para a zona do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella-Pescaría (Pepri) e os núcleos tradicionais. Os cambios aprobados deberán ser, necesariamente, ratificados polo Pleno municipal. Ferreiro salientou que esta modificación introduce, ademais, unha axuda complementaria para a rendas máis baixas “como medida para facilitar o asentamento dos veciños e veciñas dos barrios con máis presión inmobiliaria” e evitar, desta forma, caer na xentrificación. Como indicou, “co inicio da tramitación destas modificacións damos un paso máis do Plan de Revitalización da Cidade Vella, que como sabedes será peonil dende o día 25”. “Esta modificación ten un marcado carácter social, de fixación de poboación no caso histórico e nos núcleos rurais, de protección do patrimonio e tamén de dinamización comercial”, engadiu.

Por outro lado, a reunión do goberno local tamén deu luz verde ao proxecto de recollida de pluviais entre Juan Flórez e a Praza de Ourense, cuxo orzamento base de licitación ascende a preto de 395.000 euros con IVE. É un proxecto que ten un prazo de execución previsto de 14 meses e que consiste na execución dunha rede de pluviais que faga separativa a recollida de augas no encadeado de rúas que descenden dende Juan Flórez até a Praza de Ourense.

En canto á tramitación de licenzas e outros títulos habilitantes, Ferreiro salientou o bo ritmo do departamento de Rexeneración Urbana. Así, indicou que, segundo os datos aportados polo mesmo entre o 15 e o 29 de maio resolvéronse 206 expedientes, dos que 20 se corresponden con licenzas urbanísticas, 103 con comunicacións previas ao inicio das obras e 64 de comunicacións previas ao inicio de actividade.

Ademais, entre outros asuntos aprobados, tamén destaca a aprobación das bases da próxima convocatoria de subvencións para o apoio e a consolidación de empresas dentro do termo municipal, que leva aparellado un montante de 80.000 euros.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...