Home » Ayuntamiento » Currently Reading:

O alcalde destaca que o volume de licenzas que outorga o goberno local “é unha mostra de que se pode ser rigoroso e, á vez, permitir que a actividade económica medre na cidade”

junio 13, 2018 Ayuntamiento No Comments

O alcalde, Xulio Ferreiro, avanzou que a próxima Xunta do Goberno local aprobará as licenzas de obra para a construción dun edificio de vivendas sociais no Ofimático á empresa pública de xestión do solo da Xunta de Galicia, Xestur, ademais da autorización para a construción dun inmoble na Fábrica de Tabacos. “Son actuacións que se adaptan ao planeamento e que son máis respectuosas cun urbanismo sostible, o que demostra que podemos ser rigorosos e, ao mesmo tempo, permitir que a actividade económica medre na cidade, algo que deriva de máis cousas, por certo, que a construción”, indicou Ferreiro nunha entrevista radiofónica. O rexedor defendeu a aposta do Goberno local por unha diversificación da economía, que está apoiada en actividades innovadoras, entre as que destacou as que se realizan no viveiro de empresas do Papagaio.

O edificio de vivendas de protección oficial (VPO) de Xestur, para o cal foi solicitada a licenza o 22 de febreiro, requiriu da autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aeronáutica (AESA), dependente do Ministerio de Fomento, que foi concedida o 4 de xuño. Esta actuación prevé a construción de 40 domicilios. A estes se lles suman as 64 vivendas proxectadas no edificio autorizado na Fábrica de Tabacos, un proxecto que ten un orzamento de máis de 5 millóns de euros. Ao fío destas licenzas, que recibirán luz verde na próxima reunión do goberno local, o rexedor censurou as voces que “para atacar ao executivo municipal, denigran á cidade, a máis dinámica de Galicia en cultura, en creación de emprego ou a nivel social”. Así, mencionou algúns dos investimentos que se están a executar no municipio, como o carril bici, as obras na rúa da Torre ou intervencións en Feáns ou Palavea. “Repítese moito que non se dan licenzas e é falso. Danse máis agora que en 2014 e ingrésase máis agora que en 2014”, apuntou.

A este respecto, o alcalde tamén se referiu á licenza do futuro CEIP de Novo Mesoiro. “A Xunta recibirá a licenza pertinente tan pronto como pague as taxas correspondentes, que se lle requiriron de novo o pasado 2 de maio en cumprimento da propia normativa autonómica”, indicou, á vez que recordou que a colaboración está sempre na vontade do goberno local, como se pode ver na cesión do terreo municipal que realizou o Concello á Xunta de Galicia para poder dar servizo á veciñanza de Novo Mesoiro.

Investimentos Financeiramente Sostibles

O alcalde lembrou tamén que o Goberno local ten xa unha proposta para o destino dos denominados investimentos financeiramente sostibles (IFS), que se sosteñen sobre o superávit municipal do pasado ano, “e que o Partido Socialista ten dende hai un mes enriba da súa mesa”. “Agardemos que isto se poida desbloquear pronto, de forma que sexa posible facer investimentos na cidade por valor de máis de 12 millóns de euros”, manifestou en declaracións aos medios esta mañá. O primeiro edil apuntou que, entre os proxectos previstos a cargo desta partida, están melloras nos centros cívicos e nos colexios da cidade, así como o incremento na seguridade na Rolda do Deportivo mediante a instalación dun radar que controle a velocidade dos vehículos ​no tramo dos enlaces coa rúa Severo Ochoa e coa estrada de Baños de Arteixo, na que xa se sinalizou unha redución da velocidade máxima a 60 quilómetros por hora. Sobre esta problemática, o alcalde explicou que se está a traballar tamén para analizar se é necesario abordar algunha “corrección ou medida paliativa na infraestrutura, na que pode haber un problema de deseño inicial, para que aumente a seguridade”.

Pleno

O alcalde valorou tamén a votación no Pleno municipal celebrado onte, no que os votos en contra dos grupos municipais de PP e PSOE tombaron a aprobación dun modificativo do orzamento do IMCE para este ano, polo que o mesmo se incrementaría en 935.000 euros procedentes dos remanentes do pasado ano, “un trámite habitual, que se produce todos os anos e ao que agora se lle pon atrancos que poden poñer en perigo actividades artísticas que son un reclamo e un sinal de identidade da cidade”. Ferreiro indicou que o Goberno local tentará, en primeiro lugar, “reconducir a cuestión”, pero advertiu que a negativa dos grupos a aprobar “a incorporación do diñeiro que non se gasta nun ano no IMCE aos gastos do seguinte, algo que leva unha década sendo algo normal e habitual no Concello”, pode supoñer a revisión da programación dos centros do instituto municipal de cultura para finais de ano. “Vamos ver se hai que suspender algún concerto no Coliseum, por exemplo, para final de ano. Creo que sería unha pena, non para o Goberno municipal, senón para a cidade xa que este días estamos vendo como hai concertos no Coliseum que traen xente de toda Galicia. Miles de persoas que veñen, que consumen e crean actividade económica”, considerou.

Noutra orde de asuntos, e con respecto a grandes proxectos de cidade, o alcalde da Coruña amosou a súa sorpresa pola actitude amosada onte, na Cámara Municipal, polo grupo municipal socialista con respecto ao bordo litoral e ao futuro dos terreos que se irán desafectando. “Resúltame curioso que onte o grupo de goberno presentase unha emenda á moción, que era literal da que se aprobou no Congreso co voto favorable do PSOE e que aquí, a formación socialista non a apoie”, indicou. “É unha pena que nestes momentos, nos que se vén de producir un cambio de goberno grazas ao apoio de moitas forzas políticas distintas, a ilusión parece que está máis presente da nosa banda que na do propio PSOE coruñés. O desaloxo democrático do PP do executivo central pode supor un cambio importante para a cidade da Coruña e para a nosa relación do goberno de España”, reflexionou. “Creo que é fundamental saber ler os tempos políticos e, dende logo, saber aproveitalos”, dixo.

Comment on this Article:

A %d blogueros les gusta esto: