Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde di que “a foto que queremos ver na Coruña entre a Xunta e o Estado é aquela na que se lle dá unha solución ao financiamento do Porto Exterior sen hipotecar a cidade”

octubre 12, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou este mércores, a preguntas da prensa, que “polo momento” o Concello non ten noticias por parte nin da Xunta nin de Puertos del Estado dos plans de ambas administracións para o bordo litoral da cidade, que foron adiantados polo presidente autonómico o pasado martes nunha comparecencia na cidade á que non foi invitado ningún representante da administración local. O rexedor manifestou que o Concello mantén a súa idea de que a fachada marítima da Coruña precisa “dunha solución global”. “Non se poden deixar pezas soltas para resolver no futuro”, salientou o primeiro edil, que evidenciou que “quedan moitas incógnitas” sobre o plan Xunta-Estado esbozado esta semana. Así, non só se referiu ao futuro e usos da Solana, San Diego e os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, senón tamén do Porto Exterior, o seu financiamento e a necesaria conexión ferroviaria. “A foto que A Coruña querería ver de verdade é esa na que a Xunta e o Estado asumen dunha vez por todas a súa responsabilidade no impulso de Punta Langosteira, apostando, con investimentos, pola conexión ferroviaria, e polo alivio da débeda da Autoridade Portuaria, negociando unha quita ou novos fondos”, dixo, “pero sen hipotecar á cidade”.

“Feijóo anunciou coma se fose unha novidade que nos terreos de Calvo Sotelo e Batería non haberá vivendas. Isto non é noticia, xa que o planeamento urbanístico vixente non prevé esas vivendas nos peiraos. Alegrámonos, non obstante, de que estea de acordo en que non se deben facer, pero a realidade é que, a día de hoxe, non sabemos cal é o proxecto, nin da Xunta nin de Portos, para estes terreos, máis aló das súas palabras sobre a necesidade de abrilos á cidadanía”, opinou. “O que non pode pretender, en todo caso, é que con esa declaración nos conformemos e renunciemos ao noso dereito, ao dereito da cidadanía, a decidir que queremos facer aí”, dixo, á vez que recordou que o Concello posúe as competencias urbanísticas.

Por outro lado, o alcalde coruñés fixo fincapé en que “tampouco se sabe exactamente cal é a previsión de Xunta e Puertos para os terreos de San Diego”. “O que non se pode pretender é que os e as coruñesas traguemos cunha solución absolutamente parcial, liberando Calvo Sotelo e Batería e cargando todo o peso da especulación urbanística en San Diego. Onte, a veciñanza da zona, de Oza, da Gaiteira e dos Castros, xa se manifestou, e dixo que non ían aceptar ningún canxe de San Diego polos terreos dos peiraos interiores”, indicou. “A cidadanía non vai permitir que San Diego sexa obxecto dunha poxa, como tampouco quere parches nin peches parciais. Quero pensar que o que se pretende non é intentar adiar a solución do bordo litoral da Coruña até o ano 2020, coa esperanza de que nese momento haxa máis complicidade dende o Concello da Coruña para levar a cabo outro tipo de operacións”, dixo.

“Segundo as palabras pronunciadas polo presidente da Xunta tampouco nos queda claro o que vai pasar coa Solana. Non se vende hoxe, pero non sabemos que é o que vai pasar dentro de tres anos ou cando remate a concesión, e iso é algo que debería estar aclarado”, explicou o alcalde, quen manifestou que, se non recibe “unha chamada antes”, espera que o presidente de Puertos del Estado, José Llorca, poida resolver estas incógnitas na reunión que manterán en María Pita o próximo día 24 de outubro. “Nós xa fixemos unha proposta no seu momento, que lle presentaremos de forma máis avanzada ao titular de Puertos del Estado. Seguimos a crer que a fórmula consorcial é a máis indicada. Un consorcio de administracións que garantan que os terreos do bordo litoral se manterán públicos e que, á vez, tamén poderán xerar actividade económica. Non seu momento, e sobre San Diego, eu falei do Distrito do Mar, e penso que é boa idea, estamos a falar un espazo ben comunicado e xeograficamente privilexiado que podería converterse nun pulmón para a economía azul da cidade, ligada ao mar e á innovación, e cremos que o empresariado da cidade estaría tamén disposto a apostar por el”, reflexionou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...