Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde indica que o Concello “está a ser firme na defensa dos intereses da cidade” e traballa para garantir que as parcelas da Maestranza sexan patrimonio municipal e poidan ser usadas por toda a veciñanza

julio 14, 2018 coruna No Comments

​O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, evidenciou na rolda de prensa posterior á reunión da Xunta de goberno local, que o Concello da Coruña “está a ser e será firme na defensa dos intereses da cidade” polo que manterá, como até agora, a liña de traballo emprendida xa en 2016 para garantir que as parcelas da Maestranza en mans de Defensa se incorporen ao patrimonio público. Así se manifestou a respecto da posibilidade do inicio da tramitación da venda de dous dos terreos que o executivo estatal anterior sacou a poxa, sen éxito. Con todo, o rexedor evidenciou que tanto o Ministerio como o Instituto de Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) “contan cunha serie de dereitos adquiridos dende hai moitas décadas, precisamente en base a convenios que se firmaron con este mesmo Concello”. “Nesta situación, nós imos seguir traballando con firmeza e con realidades”, dixo o primeiro edil, que solicitou tanto aos grupos na oposición como aos actores implicados nesta situación “que traballemos todos e todas do mesmo lado xa que o obxectivo primeiro é paliar os efectos que poida ter unha hipotética edificabilidade nun espazo de alto valor patrimonial e arqueolóxico”. A este respecto, o rexedor recordou, por exemplo, que a comisión de Defensa do Congreso xa aprobou en 2016 unha proposición non de lei na que se instaba a que os terreos do campo da Estrada na Maestranza foran restituídos á cidade da Coruña para uso público. Do mesmo xeito, o Pleno do Concello da Coruña tamén aprobou mocións en defensa do uso público da citadas parcelas.

“Sobre este asunto estabamos a traballar coa anterior administración estatal e estamos xa a traballar con esta, coa que penso que, ademais, poderemos facelo de forma máis sinxela”, comentou Ferreiro que recordou que no día de onte xa mantivo unha conversa a este respecto do delegado do goberno, Javier Losada, á vez que remitiu unha carta á nova ministra de Defensa, Margarita Robles, á que reiterou á disposición do Concello para buscar unha saída que permita incorporar as parcelas ao patrimonio municipal.

Ao fío, o alcalde solicitou afrontar esta situación dende a responsabilidade. “Temos que falar de realidades. Os feitos obxectivos é o primeiro intento de subastar estes terreos da Maestranza produciuse xa antes de que o Concello conseguise a plena titularidade dos terreos da Comandancia de Obras e outros espazos do ámbito que estaban en mans de Defensa e que debían reverter na administración local, en base ao convenio urbanístico que o Concello asinou en 1984 coa, entón, Xerencia de Infraestruturas do Ministerio de Defensa”, dixo, á vez que indicou que o Ministerio mantivo durante todo este tempo a reserva de titularidade desas tres parcelas cunha edificabilidade, algo que tamén deriva deses acordos dos anos oitenta. “Hai que ser conscientes de que todo isto tamén xera unha serie de dereitos e obrigas por parte de todas as administracións implicadas. Debemos traballar sobre bases realistas e empurrar, todos e todas, na mesma dirección”, evidenciou.

“Durante todo este tempo levamos traballando moito e impulsamos diversas iniciativas para tratar de garantir o uso público destes terreos. En primeiro lugar, o que fixemos foi poñer en alerta sobre os condicionantes patrimoniais e arqueolóxicos do terreo. Ademais diso, mantiñamos conversas tanto con Defensa como co INVIED para tratar de achar unha solución que fose a máis positiva posible para a veciñanza”, explicou, á vez que reiterou a súa vontade de “poder chegar de forma máis sinxela a acordos co novo goberno estatal”. “Con este tema pido responsabilidade, xa que é moi fácil falar, aínda que a realidade é que levamos moito tempo traballando de forma serie para chegar a unha solución. Dende logo, se alguén ten unha fórmula máxica para resolver esta situación, que o diga”, indicou.

Xunta de goberno

Á marxe deste tema, o alcalde salientou os principais acordos acadados pola Xunta de goberno local, que aprobou a finalización da concesión administrativa do edificio que na actualidade alberga o Hotel NH en Méndez Núñez, unha vez ratificada polos xulgados a data de finalización da concesión, tal e como postulaba o Concello, o 21 de agosto deste ano. “O ben, por tanto, reverte de novo no Concello que, como sabedes, puxo en marcha un proceso público para arrendar este espazo por un prezo dentro de mercado”, explicou o alcalde, que recordou que a actual concesionaria, a sociedade Parisiana, aboaba un canon duns 2.500 euros anuais.

a reunión do executivo municipal tamén deu luz verde á contratación dun vehículo autoescaleira para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, por un valor de case 840.000 euros. “O vehículo, que substituirá a outro que se está a empregar actualmente desde o Parque de Bombeiros, estará dispoñible nos vindeiros meses. Esta nova adquisición entronca coa liña de traballo que se está a seguir tanto no servizo de bombeiros como nos restantes corpos municipais, de cara a actualizar os equipamentos e mellorar as condicións do desenvolvemento do seu labor así como para garantir a seguridade e coidado de toda a poboación”, comentou o alcalde, quen destacou a labor e a eficiencia do servizo de Bombeiros da Coruña.

Licenzas

Por outro lado, como é habitual, este venres o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, trasladou á Xunta de Goberno local ordinaria o informe relativo ás licenzas e outros títulos habilitantes tramitados desde a súa área entre o 27 de xuño e o 10 de xullo cun importe de execución inferior a 1,2 millóns de euros. Nese período, o departamento municipal resolveu un total de 203 expedientes. Deles, 37 correspóndense a licenzas urbanísticas e outros 98 a comunicacións previas ao inicio de obras tramitadas. Contabilízanse tamén 46 expedientes restantes como comunicacións previas ao inicio de actividades ou apertura de establecementos.

Tamén Nesta xornada recibiu o visto e prace a oferta de emprego público para este ano que suma 42 prazas para varios departamentos do Concello, entre as que se atopan, por exemplo, auxiliares administrativas, traballadoras sociais, técnicas de promoción de emprego, policías e bombeiros, entre outras. Destas prazas, 14 derivan da execución de sentenzas, as cales, en calquera caso, non afectan á taxa de reposición. Dende Facenda informan que, ao cumprir os indicadores económicos, este OPE será ampliada, coa aprobación posterior dunha oferta complementaria.

Na súa habitual comparecencia ante a prensa, o rexedor tamén fixo fincapé na aprobación de dous convenios por un montante total de 255.000 euros que o Concello asinará con dúas entidades sociais sen ánimo de lucro: o Centro Social da Sagrada Familia, que recibirá 75.000 euros e a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (ACLAD), con 180.000 euros. “Ambas as dúas, levan xa moitos anos traballando por facer desta unha cidade máis inclusiva e máis igualitaria. Os convenios que establecemos, e que axudarán ao mantemento de entidades cuxo traballo a prol da inclusión, o envellecemento activo e a prevención de condutas adictivas é moi notable, dan mostra do traballo que o executivo municipal, e en concreto a Concellería de Xustiza Social, está a desenvolver co tecido social desta cidade”, indicou.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...