Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde pon en valor o traballo das gañadoras e gañadores dos Prismas Casa das Ciencias “na tarefa de achegar, desde o rigor, o coñecemento a todos os públicos”

noviembre 19, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presidiu este sábado no pazo de María Pita o acto de entrega dos Premios Prismas Casas Ciencias, que organizan os Museos Científicos coruñeses para apoiar a contribución de persoas e institucións á promoción da cultura científica a través de formatos diversos, como son a radio, o libro, o artigo xornalístico, o vídeo ou a web, e que neste ano celebran a súa trixésima edición. Durante a sesión, na que tamén participou o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, o rexedor puxo en valor a relevancia destes galardóns, que nos últimos trinta anos levan recibidos un total de 4.590 traballos procedentes de 30 países dos cinco continentes, “e que son, como os nosos Museos Científicos, un referente dentro e fóra da cidade, tamén a nivel internacional”. “Os coruñeses e as coruñesas somos afortunados, porque temos ao alcance da man unhas infraestruturas de saber e de coñecemento tan importantes como os Museos Científicos, que se sustentan no labor de moitas persoas. Por iso, esta trixésima edición dos premios Prismas debe ser tamén un recoñecemento a estes centros de coñecemento e a todos e todas as súas traballadoras”, sinalou, antes de agradecer aos gañadores e gañadoras desta edición o seu papel, “unha tarefa que non é sinxela, como é achegar a ciencia, desde o rigor, a todos os públicos e democratizarocoñecemento”.

Nesta trixésima convocatoria, o certame recibiu un total de 279 traballos, encabezados pola modalidade de artigos xornalísticos, con 100 presentados, e de libros editados con 56, seguido de vídeos, con 46, sitios web e redes sociais, con 33, traballos en radio,24, e textos inéditos,10. Os Prismas de Bronce recaeron nun vídeo que percorre o parque natural das Fragas do Eume e descobre moitas das súas especies autóctonas, un blog de divulgación con artigos, unha sección de respostas a preguntas dos lectores así como entradas que desmontan mitos pseudocientíficos, un texto inédito que indaga na vida de dez mulleres que foron claves para o avance científico, un libro que achega a química ao público a través de exemplos da vida cotiá, un artigo xornalístico que aborda os retos científicos e éticos da técnica de edición xenética e un programa de radio no que se fala sobre galaxias, complexidade celular no ser humano, comportamento animal e feromonas. O Prisma Especial do Xurado foi para o investigador e divulgador Jorge Mira Pérez. O xurado –que presidiu o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela Ángel Carracedo Álvarez, e composto tamén pola catedrática de xornalismo da Universidad de Valencia Carolina Moreno, o profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña Manuel F. Herrador; a xornalista Carmen Serrano, directora de Comunicaciones Mil e organizadora das Xornadas de Divulgación Innovadora D+i; José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional Illas Atlánticas, e a xornalista Erika López Palma, responsable da delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas en Andalucía e do Museo Casa da Ciencia de Sevilla, ademais do coordinador do certame, Leopoldo García Sobrado– destacou del a súa contribución á divulgación da ciencia e o seu estímulo á aprendizaxe da mocidade e a promoción da cultura científica, a través de todo tipo de formatos divulgativos e sacando o coñecemento científico á rúa. Antes do acto de entrega, a Domus acolleu a presentación do libro ‘Fractais e caos, a aventura da complexidade’, premio Prisma 2016 ao mellor texto inédito, un acto que contou coa presenza do concelleiro de Culturas e do director dos Museos Científicos.

Este é o cadro de honra 2017:

• Mellor traballo en vídeo: ‘Qué animal! Parque natural das Fragas do Eume’, de Carme Nicolás, Manuel Muñoz e Pere Figuerola, emitido en La 2 de TVE.

•Mellor sitio web:‘ Ciencia de sofá’, presentado por Jordi PereyraMarí

• Mellor libro editado: ‘Todo é cuestión de química’, de Deborah García Bello, publicado pola Editorial Paidós

• Mellor texto inédito: ‘Hai unha muller no meu experimento! Unha viaxe coas grandes científicas da historia’, de Jorge Roberto Gutiérrez Bolívar

• Mellor artigo xornalístico: ‘Como deseñar ADN no garaxe’, de Michele Catanzaro, publicado no suplemento dominical de El Periódico de Catalunya

• Mellor traballo en radio: ‘O café cuántico 6: sobre primates, ratos e feromonas’, de Elena Denia, Antonio Sánchez e Héctor Vives, emitido en Burjassot Radio

• Prisma Especial do Xurado: Jorge Mira Pérez

Ademáis o xurado decidiu outorgar unha mención honorífica ao vídeo ‘Mareas vermellas’, de Manuel E. García e Jorge H. Urcera.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...