Home » Uncategorised » Currently Reading:

O alcalde recorda “a contribución de Alberto Martí á memoria da Coruña e a súa xenerosidade para facer desta unha cidade mellor” na cerimonia do seu nomeamento, a título póstumo, como fillo adoptivo

mayo 10, 2018 Uncategorised No Comments

O alcalde, Xulio Ferreiro, presidiu no Pazo de María Pita a cerimonia de concesión do título de fillo adoptivo a Alberto Martí, unha distinción póstuma que lle foi outorgada por acordo unánime do Pleno da Coruña o pasado mes de xaneiro. No acto, que contou coa participación de membros da corporación municipal e autoridades, o rexedor sinalou que Martí “é parte imborrable da historia e da memoria da cidade”. “Alberto Martí foi home excepcional, cun talento artístico que só se viu superado pola súa xenerosidade e sentido da xustiza social”, salientou Ferreiro, quen lembrou o seu papel como fotoxornalista e o seu traballo como presidente da Cociña Económica.

“Todo en Martí é luminoso, incluso os seus negativos. Retratou a dureza dun pobo que tivo que marchar nun tempo no que non estaba permitido falar de marchas, durante uns anos nos que, a pesar de ser unha realidade, a emigración apenas tiña cabida nuns medios de comunicación controlados pola censura. Martí, memoria desta cidade e da súa xente, plasmou a realidade, pero tamén soubo afrontala. Por iso liderou durante máis dunha década unha entidade tan fundamental na Coruña como a Cociña Económica, dende a que contribuíu a facer desta unha cidade máis xusta e máis igualitaria: unha cidade mellor”, afirmou.

Comment on this Article:







*