Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde traslada á ministra de Economía as reivindicacións do colectivo de pensionistas na entrevista mantida esta mañá en María Pita

octubre 9, 2018 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, recibiu no Pazo de María Pita á ministra de Economía, Nadia Calviño. Nun breve encontro, logo de que a responsable política asinara no libro de ouro da cidade, o rexedor trasladoulle de forma persoal unha carta coas reivindicacións do colectivo de pensionistas Modepen que, entre outras cuestións, solicitan do goberno central a derrogación das reformas laborais dos anos 2010 e 2012 xa que “as súas consecuencias, nefastas para a calidade do emprego, poñen en risco, ademais, a sustentabilidade do futuro das pensións”. Do mesmo xeito, o rexedor solicitou a “implicación” da ministra, de orixe coruñés, para acadar unha solución participada que garanta o uso e titularidade pública dos terreos do bordo litoral, así como a necesaria asunción de medidas que eviten que estes espazos poidan ser usados como fórmula de compensación ante a débeda da Autoridade Portuaria, contraída de forma maioritaria pola obra de construción do Porto Exterior de Punta Langosteira.

Nunha comparecencia posterior ante os medios, e en canto ás reivindicacións do colectivo de persoas pensionistas, Ferreiro manifestou que existen abondosos datos que corroboran a necesidade de que o executivo central aborde medidas que palien a situación destas persoas.

“Hai datos que creo que cómpre ter en conta e que evidencian o empobrecemento deste colectivo, como os do propio INE, que indican que Galicia é a comunidade máis envellecida do Estado e que na Coruña o colectivo de persoas maiores de 64 anos ascende ao 24%”, indicou o primeiro edil, que tamén recordou que a Enquisa de Condicións de Vida de 2016 evidenciaba que case o 30% das familias teñen a súa principal fonte de ingresos nas pensións.

“Penso que a ministra foi sensible ao que lle comentei”, comentou o alcalde, que referendou o compromiso do goberno local co colectivo de pensionistas, que motivou, o pasado febreiro, unha moción presentada polo grupo que sustenta ao goberno no Pleno municipal e na que se reclamaba, entre outras cuestións, a derrogación das últimas reformas laborais e a desaparición da fenda de xénero nas pensións, que deben revalorizarse co IPC real.

Con respecto ao futuro do bordo litoral, Ferreiro insistiulle á ministra “na necesidade de que o goberno de España amose receptividade ás demandas da Coruña para a protección destes terreos”. “É positivo que as palabras vaian dando paso aos feitos”, dixo o alcalde en relación á xuntanza entre Concello e Puertos del Estado que está pendente de concretar, así como ao anuncio por parte do Ministerio de Fomento “de que hai disposición a convocar a comisión de seguimento dos convenios de 2004, tal e como lle vimos demandando dende hai tempo”.

Non obstante, o alcalde coruñés advertiu de que “xunto a estes sinais positivos, existen outros que non o son tanto”. Así, fixo notar a súa preocupación con respecto ás ultimas declaracións do titular de Fomento sobre a construción da conexión ferroviaria con Langosteira. “É unha obra moi necesaria e é necesario que o financiamento desta obra quede garantido, xa que é o que nos permitirá dotar de operatividade o porto exterior”, dixo Ferreiro. “Pero, evidentemente, o debate non pode ser entre o tren a Punta Langosteira ou a condonación da débeda da Autoridade Portuaria ou a asunción de medidas equivalentes”, contrapuxo, á vez que recordou que esta é unha demanda avalada por acordos maioritarios ou unánimes acadados tanto no Pleno da Coruña como da Deputación, no Parlamento de Galicia ou no Congreso.

Ao fío, e en canto ás supostas diverxencias entre o caso da Autoridade Portuaria da Coruña e do Consorcio Valencia 2007, cuxa débeda será asumida polo Estado en base a un acordo político, o rexedor evidenciou que “por suposto que existen diferenzas entre A Coruña e Valencia, pero non son substanciais para o caso que nos ocupa, posto que o préstamo concedido no seu día en Valencia foi destinado a financiar obras de infraestrutura portuaria en terreos tamén portuarios, tanto patrimoniais da Autoridade Portuaria como pertencentes ao dominio público portuario”. “Se hai vontade política, os mecanismos e as fórmulas aparecerán”, indicou.

Alfombra floral

Por outro lado, o alcalde, na liña do xa expresado onte polo goberno local, lamentou que un erro da empresa concesionaria do servizo de limpeza viaria derivara na recollida da alfombra floral elaborada pola asociación Faro de Monte Alto con motivo da festividade do Rosario antes de que a cidadanía puidese gozar dela. “Lamento moito o sucedido e comprendo o desgusto das persoas que confeccionaron a alfombra”, dixo, para insistir en que non existiu ningunha intencionalidade por parte do goberno local para levantar a alfombra na súa totalidade antes de tempo. “A retirada da alfombra debeuse a un erro da empresa concesionaria, recoñecido e explicado por ela mesma onte a través dun comunicado. O feito tivo consecuencias moi desagradables para a cidadanía en xeral e para unha entidade coa que o Concello mantén un convenio de colaboración” no que que se contempla tamén a elaboración desta homenaxe á patroa da cidade. “Nin a veciñanza da Cidade Vella nin a da Coruña merecía o que pasou”, explicou Ferreiro, que quixo deixar claro que “o carácter laico das institucións democráticas e dos e das e dos representantes públicos é compatible, no Concello da Coruña, co respecto escrupuloso a todas as manifestacións e sentimentos relixiosos dende o primeiro día”. “Dito isto, lamento tamén a actitude de determinados partidos da oposición, que están tratando de manipular deliberadamente o acontecido para crispar á veciñanza e converter calquera cousa nun argumento da campaña electoral permanente na que viven”, censurou.

Pola súa banda, a concesionaria manifestou esta mesma mañá ao Concello a súa vontade de colaboración así como a intención de poñerse en contacto coa asociación cultural afectada logo dunha reunión mantida coa concelleira de Medio Ambiente, María Garcia, na que se lle esixiu a asunción de responsabilidades de compensación á asociación polo incidente ocorrido.

Tamén hoxe, a concelleira volveu a reiterar as desculpas do Concello ante ao ocorrido. “Estamos ante un lamentable incidente que deriva dun problema de interpretación da concesionaria, no que non existiu intencionalidade ningunha contra unha actividade que xorde da cidadanía e que só por iso merece o noso respecto”, apuntou.

Comment on this Article: