Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde trasladará mañá á Consellería de Sanidade as tres propostas que ofrece o goberno local para a ubicación da nova área de saúde no centro da cidade

febrero 8, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña presentará hoxe nunha xuntanza coa Consellería de Sanidade tres posibles ubicacións para a construción do novo centro de saúde que dará servicio ao entorno do centro da cidade. Ademais das xa coñecidas polo Servizo Galego de Saúde, no equipamento contiguo ao mercado de Santa Lucía e no Paseo das Pontes, a representación municipal, encabezada polo alcalde, Xulio Ferreiro, ofrecerá unha nova opción, na rúa da Falperra. Trátase dunha parcela regular duns 600 metros cadrados, a menos de 200 metros lineais do actual centro de saúde da rúa Federico Tapia e no mesmo barrio que o mercado de Santa Lucía, polo tanto, “moi próxima á area na que o Sergas considera que hai máis densidade de poboación que precisa dun novo equipamento sanitario”, indica o alcalde. O Concello xa facilitou esta semana á Xunta o informe de cualificación urbanística da parcela para o seu estudo. “Acudir a unha reunión con tres propostas distintas de ubicación dá mostra, non só da vontade de diálogo deste goberno local co resto de administracións, senón tamén do noso compromiso para que esta zona, especialmente densa da cidade, conte coa cobertura sanitaria que precisa, e iso, sen deixar de lado o noso compromiso co mercado de Santa Lucía, non só entendido como zona de venta de produtos frescos, senón como espazo de revitalización do barrio”, apuntou, á vez que puxo en valor “o traballo realizado polos distintos servizos municipais e polos departamentos de Rexeneración Urbana e Emprego e Economía Social para chegar a unha reunión non só con unha, senón con tres opcións distintas para dar resposta ás demandas da cidadanía”.

O goberno local destaca desta nova posibilidade de ubicación, situada no bordo do barrio da Falperra, as súas posibilidades de integración ambiental grazas a unha parte traseira orientada ao sur e que conta cun espazo axardinado. A accesibilidade á hipotética ubicación do centro de saúde nesta rúa é directa -ao mesmo nivel- na metade alta do barrio, mentres que a conexión coas zonas máis baixas vén garantida polo servizo de escaleiras mecánicas da rúa Maestro Clavé. Este percorrido conecta ademais coas principais paradas de transporte urbano na contorna. O alcalde considera que esta opción de ubicación “é a que cumpre de maneira máis satisfactoria o obxectivo de dotar á veciñanza de Santa Lucía e a Falperra dun novo centro de saúde” e así o transmitirá na xuntanza fixada para mañá co titular da Consellería de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e que se celebrará nos edificios administrativos de San Caetano, en Compostela.

Ademais desta posibilidade, o Concello pon a disposición do Sergas outras dúas parcelas urbanizables no entorno do centro da cidade. “Os servizos técnicos municipais veñen traballando na localización de terreos que cumpran cos requisitos marcados pola Xunta nunha área da cidade densamente construída e con, polo tanto, unha cantidade de opcións limitada. Pese a estes factores determinantes, o Concello proporcionou á Xunta un total de tres localizacións”, resume Ferreiro. Porén, unha delas, a do mercado de Santa Lucía, xa foi descartada polo arquitecto que proxecta a reforma do espazo municipal, Manuel Gallego, quen considera que non é posible compatibilizar os dous usos -comercial e sanitario- e cumprir cos requisitos establecidos para ambos, como é a irrenunciable conexión do futuro mercado coa contorna na súa planta baixa, con apertura ao espazo público e cunhas instalacións que permitan convertilo nun polo dinamizador para o barrio. “Calquera intento de mellorar algún dos edificios redunda nun prexuízo ao outro, polo que é imposible realizar o que se pide coa calidade esixible e indispensable”, indica o arquitecto no seu informe.

Ferreiro recorda, ao fío, a reunión mantida o pasado mes de decembro co propio conselleiro de Sanidade, “onde tanto o Concello como a Xunta acordamos que o centro de saúde non se podía levar a cabo nesta ubicación se era a costa de sacrificar o mercado de Santa Lucía ou o seu concepto como elemento dinamizador do barrio”. O primeiro edil apuntou a que a ausencia neste espazo do equipamento de saúde, “pode dar cabida, non obstante, a que no seu lugar se ubique outro equipamento municipal de carácter social e que continúe tamén co proceso de revitalización da contorna”.

A terceira opción, xa presentada á Xunta en 2016, é unha parcela do Paseo das Pontes, que ten unha superficie maior, de 1.115 metros cadrados, e está entre dúas zonas verdes da cidade como son o parque de Santa Margarida e o das Pontes. Conta tamén con conexión á avenida de Fisterra e rúa Palomar, vías que marcan os percorridos cotiás entre diferentes barrios, así como co transporte público, e dispón dunha boa situación ambiental, por tratarse dunha área soleada, con calidade do aire e dominio da vexetación. Porén, é a que se atopa máis alonxada do mercado de Santa Lucía e do centro de saúde de Federico Tapia, para o que se busca alternativa.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...