Home » coruna » Currently Reading:

O alcalde ve “unha boa noticia que a Xunta e o Estado, que até agora ían malvender o litoral coruñés, dean a razón ao Concello e renuncien a especular coa Solana, Calvo Sotelo e Batería”

octubre 11, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestouse a respecto do acordo entre a Administración autonómica e Puertos del Estado que foi anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, logo dunha reunión co titular do ente portuario, José Llorca. O rexedor coruñés amosou a súa satisfacción polo feito de que ambas administracións, cuxos representantes votaron a favor de subastar a Solana no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, “rectifiquen no seu empeño de especular cos terreos do litoral coruñés e se sumen aos postulados que o goberno municipal da Coruña leva defendendo dende hai meses”. “É unha boa noticia que Xunta e Estado, que até hai ben pouco querían malvender o noso bordo litoral, agora renuncien a especular coa Solana, con Batería e con Calvo Sotelo. Hai dous anos dicían que o único que queriamos era entorpecer, e agora resulta que levabamos a razón”, dixo o mandatario local. “Era evidente que a tiñamos, e veremos como vai acabar pasando o mesmo noutros asuntos con Alfonso Molina, a Intermodal ou a Área Metropolitana. A razón acaba poñéndosedola do de quen aten”, reflexionou.

Non obstante, o alcalde lamentou “a nova mostra de deslealdade institucional” producida no día de hoxe, cando se realizou un anuncio sobre o futuro da cidade da Coruña sen que a administración local tivese coñecemento. “O que vimos hoxe, polo momento, non deixa de ser unha foto, un xesto para a galería. Pero hai que ter en conta que en nove meses o presidente de Puertos del Estado atopou escusas de todo tipo para non celebrar unha xuntanza que tiña data fixada para febreiro deste ano. Agora, quince días antes de reunirse con nós no Concello, vén á Coruña por sorpresa a sacar unha foto co presidente”, comentou. “Unha vez máis estamos ante unha falta de respecto ao Concello da Coruña pero, tamén unha vez máis, teñen que recoller o noso discurso e teñen que acabar dándonos a razón”, declarou.

Non obstante, e sen ter de momento máis datos que a comparecencia pública do presidente da Xunta, o rexedor coruñés manifestou a súa “preocupación” polos terreos de San Diego, a principal porción do bordo litoral, onte os impulsores do proxecto que agora se pon en cuestión pretendía construír miles de vivendas. “Estamos satisfeitos co feito de que non se queira especular coa Solana, nin cos peiraos interiores de Batería e Calvo Sotelo, pero o que non aclaran, e resulta preocupante, é qué pretenden que pase en San Diego”, salientou. “Non estamos dispostos a que exclúan da operación Calvo Sotelo e Batería para pacificar a situación, porque saben que teñen á cidade en contra, coa esperanza de facer negocio despois no peirao de San Diego. Non o imos permitir. A veciñanza non o vai permitir”, explicou.

Financiamento do Porto Exterior

“A realidade é que hoxe non só non se aclarou cal é o futuro de San Diego, senón que tampouco se nos dixo como vai ser posible financiar o Porto Exterior. Tampouco se abordou o tema da súa fundamental conexión ferroviaria, nin se plantexou o asunto da quita para a débeda da Autoridade Portuaria, necesaria para a súa autonomía”, destacou o primeiro edil coruñés, quen tamén fixo notar o papel e as competencias en materia de urbanismo do Concello da Coruña, esenciais en todo o proceso relacionado co futuro do litoral coruñés.

“Hoxe non se falou de moitas cousas e, entre elas, non se falou, por exemplo, de que o Concello da Coruña é absolutamente fundamental en calquera operación deste tipo”, recalcou. “Puertos del Estado e a Xunta poden conveniar o que queiran pero a realidade é que a competencia urbanística é do Concello da Coruña. Non se poden revisar os convenios de 2004 sen o Concello e, dende logo, tampouco se pode acadar unha solución para o litoral sen revisar uns convenios que o que pretendían era facer caixa á custa de todos os veciños e todas as veciñas para pagar a hipoteca da Autoridade Portuaria”, manifestou.

O alcalde coruñés indicou que a intención do Concello é, ao respecto do futuro do bordo litoral, manter a folla de ruta marcada. “Imos seguir insistindo e defendendo o evidente. Cremos que é necesaria unha solución global para todo o bordo litoral, onde a decisión que se adopte hoxe, planifique e marque as pautas a seguir. Hoxe o que se tratou de facer foi intentar darlle algo á cidade para calmar os ánimos, deixando o groso do asunto para un futurible, para ‘quen estea aquí no 2020’. A realidade, non obstante, é que non podemos deixar a solución de San Diego para 2020, entre outras cousas porque a cidade da Coruña seguirá opinando da mesma forma sobre este asunto”, evidenciou. “Os terreos portuarios deben destinarse a fins de utilidade pública e de interese social, así como ao desenvolvemento de actividades produtivas portuarias, de comercialización e de innovación tecnolóxica. O ideal é abordar todo xunto, e non trocear o bordo litoral e tomar unha decisión diferente para cada parte”, opinou.

“Manteremos a xuntanza convocada para o próximo día 24 de outubro con José Llorca e manteremos, por tanto, a nosa folla de ruta: conseguir, de maneira participada, o rescate do bordo litoral e o impulso dun novo horizonte litoral, un proxecto baseado no espazo libre, nos equipamentos públicos e na creación de riqueza e emprego arredor da economía do mar, para asegurar o futuro desta cidade para os próximos 50 anos, e asegurando a titularidade pública dos terreos e a iniciativa pública na súa xestión, para o que queremos construír un consorcio entre todas as administracións implicadas”, resolveu.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...