Home » coruna » Currently Reading:

O ciclo ‘Galerías San Agustín’ encherá desde marzo este mercado con encontros de creación, deseño, decoración, emprendemento ou ecoloxía, así como actividades culturais

febrero 14, 2018 coruna No Comments

A praza de abastos de San Agustín encherase as segundas e cuartas fins de semana do mes, a partir de marzo, de mercados paralelos ao tradicional onde a creación, a artesanía, a arte e o emprendemento nas súas diversas disciplinas e sectores poderán amosar ao público os seus traballos. O proxecto Galerías San Agustín é, segundo avanza o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, unha iniciativa de dinamización comercial do mercado municipal, que busca, a través de actividades complementarias, “crear, por unha banda, un enclave referente para a creación que existe na cidade e en Galicia e, por outra, avanzar na liña marcada polo goberno local para impulsar os mercados como núcleo de revitalización dos barrios”. “Os mercados municipais son un pilar básico para o fomento do modelo de comercio que defende e promove este goberno local. Apostamos polo comercio de barrio, e nel, os mercados municipais están chamados a ser núcleos de revitalización da vida e a convivencia dos barrios. Nesta idea insiste Galerías San Agustín”, indica o responsable municipal desta área.

A iniciativa celebrarase en sábados alternos –os pares de cada mes, para compatibilizala con outras actividades que xa están programadas como os mercados de carácter ecolóxico– e acollerá oito mercados temáticos, nun total de 24 eventos no ano. A segunda fin de semana de cada mes celebrarase Creadores , un encontro que reunirá máis de 30 postos de arte, decoración, moda, complementos e xoiería, entre moitos outros, entre profesionais Galicia. Na cuarta fin de semana as tipoloxías de mercados irán variando con sete eventos sucesivos. Comezará con Deco , unha cita na que o mercado de San Agustín encherase de mobiliario, arte, téxtil, cerámica ou iluminación de deseño grazas a máis de 20 postos de decoración e interiorismo. Ao mes seguinte será a quenda dos mobles antigos, libros, bicicletas, roupa ou pezas de coleccionista en busca dunha nova vida en Vintage . O cuarto mercado temático estará especializado en Arte e fotografía . De novo, haberá máis de 20 postos nos que ver e mercar pintura, escultura, fotografía ou artes gráficas, entre outros. En Ecolóxica o turno será para os productos sustentables e ecolóxicos que apelen ao consumo consciente e que irán dende os tecidos naturais ou a cosmética ecolóxica até os produtos artesáns. Un dos mercados máis especializados será Birra , no que catas, obradoiros, maridaxes, mestres cervexeiros e un pequeno alambique serán protagonistas. Na última das citas temáticas terán un espazo propio os e as emprendedoras. Talleres, estudos creativos, axencias, ludotecas, asociacións, así como diferentes escolas poderán amosar o seu traballo en Emprende .

Actividades paralelas

Como pon de relevo o concelleiro de Emprego e Economía Social, cada un dos mercados contará ademais cunha serie de actividades complementarias con postos de gastronomía, obradoiros, degustacións, xogos, charlas, actividades infantís, conferencias, concertos, actuacións e monólogos. Algunhas delas serán dirixidas ou impartidas por profesionais do comercio local, que compartiran e visibilizarán desta maneira o seu labor.

Os nenos e nenas terán un espazo con contacontos, cinema e xogos que contará coa dinaminación e vixilancia de persoal especializado. Os pais e as nais tamén poderán optar por participar cos e coas menores en obradoiros creativos, que estarán relacionados co contido de cada evento como cerámica, pintura ou creación de obxectos de uso cotián. A evolución do ano e as estacións estará tamén presente grazas a actividades temáticas que, a través de talleres, catas e charlas, abordarán o Entroido, Nadal ou magostos, entre outros, e afondarán na gastronomía da época e os produtos da tempada que se venden no mercado. Nos mercados haberá tamén lugar para outras accións, chamadas de contido, que queren afondar na relación co entorno. Así, programaranse actividades de conciencia ambiental sobre a pegada humana no medio ambiente, talleres de reciclaxe para incidir en políticas de consumo responsable, de papel reciclado ou de creación dunha horta.

A oferta paralela complétase con espectáculos culturais como concertos, monólogos, maxia e artistas locais que desenvolverán diferentes obras en directo, como forma de achegar a arte á rúa. Haberá tamén actividades dirixidas a persoas con diversidade funcional tanto física como psíquica, tanto para persoas adultas como infantís.

Comment on this Article:







*

A %d blogueros les gusta esto: