Home » coruna » Currently Reading:

O Ciclo Principal do Rosalía propón unha nova programación que visibiliza a muller, desde diversas perspectivas, nas artes escénicas

diciembre 16, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou a programación da tempada de primavera do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro. O edil José Manuel Sande, acompañado do director do recinto, Paulo Rodríguez, deu a coñecer as representacións que terán lugar desde o vindeiro 22 de xaneiro e até o 2 de xuño no marco do programa estable do recinto municipal, e que incluirá, entre outras obras, El príncipe de Maquiavelo, Trainspotting, Blackbird ou Cinco horas con Mario, protagonizada por Lola Herrera. Será unha tempada na que se afondará no compromiso que adquiriu o pasado ano o goberno local en relación á visibilidade das mulleres dentro dos recintos municipais de artes escénicas, a través da adhesión ao programa Tempadas de Igualdade, pois terá a muller como protagonista desde diferentes perspectivas, en canto a dirección, interpretación ou mesmo temática. Ademais, o TRC contará cunha programación especial polo 8 de Marzo, que incluirá funcións de El lunar de Chatterleye do espectáculo María Zambrano, la palabra danzante.

O Ciclo Principal estrearase na fin de semana do 26 e 27 de xaneiro, con El Padre de Florian Zeller e baixo a dirección de Carlos Plaza, e que suporá o peche da xira dunha obra que garante o drama e o humor e que ten, como protagonista, a Héctor Alterio. De seguido, o 17 de febreiro, Clara Sanchís levará a escea unha revisión de Una habitación propia , de Virginia Woolf. Dirixida por María Ruiz, a actriz reflexionará sobre a igualdade e os dereitos das mulleres. Na seguinte semana, os días 23 e 24 de febreiro, o clásico de Nicolás Maquiavelo, O Príncipe, chegará ao Rosalía cun monólogo de Fernando Cayo.

Xa no mes de marzo, os días 2 e 3, Blackbird, de David Harrower, cuestionará a dobre moral nas relacións afectivas . O traballo, unha coprodución entre El Pavón Teatro Kamikaze –compañía gañadora do Premio Nacional de Teatro 2017–, o Festival de Otoño a Primavera e Calle Cruzada, conta con Irene Escolar e José Luis Torrijo no escenario, baixo a dirección de Carlota Ferrer. De cara a programación especial polo Día da Muller, 8 de Marzo, o Teatro Rosalía ofrecerá dúas representacións –os días 8 e 9– de El lunar de Lady Chatterley, a revisión de Roberto Santiago do clásico de D. H. Lawrence El amante de Lady Chatterley , obra que estivo prohibida máis de trinta anos en Inglaterra. A actriz Ana Fernández será a responsable dun monólogo que abordará a condición feminina. Ao día seguinte, o sábado 10 de marzo, terá lugar o espectáculo María Zambrano, la palabra danzante , un traballo de Karlik Danza dirixido por Cristina D. Silveira, no que fai unha homenaxe á figura da pensadora. Pechará o mes o espectáculo Nacidas libres , de Cándido Pazó, na que catro actrices, Rocío González, Casilda Alfaro, Mónica Caamaño e Susana Dans, dirixidas por Cristina Domínguez, interpretan unha ducia de personaxes que reflexionan sobre diversos temas desde a perspectiva de xénero.

O mes de abril comezará coa estrea absoluta, o día 6, de A leituga , un texto de César Sierra dirixido por Victor Duplá, no que unha celebración familiar convértese nunha comedia tráxica sobre os asuntos non resoltos e as contas pendentes. De cara á seguinte fin de semana, os días 13 e 14 de abril, terá lugar a representación de Trainspotting , unha adaptación de Harry Gibson da novela de Irvine Welsh. O espectáculo, dirixido por Fernando Soto, conta no seu reparto con Víctor Clavijo, Sandra Cervera ou Irene Areo, entre outras figuras.

A novela finalista do Premio Nadal 2010, La edad de la ira, de Nando López, será levada ao escenario do recinto coruñés os días 4 e 5 de maio por La joven compañía, residente no Centro Cultural Conde Duque, que ofrecerá unha mirada radicalmente nova respecto á novela orixinal. Na semana das Letras Galegas, os días 18 e 19 de maio, Talía Teatro presentará unha revisión do clásico O servidor de dous amos , de Carlo Goldoni, un dos textos máis relevantes da historia do teatro e referencia da Commedia dell’Arte. Oito intérpretes desenvolverán en escena un espectáculo de gran formato onde todo será posible, no que a mentira e a confusión serán a base do xogo e os distintos espazos mudarán á vista das e dos espectadores.

Finalmente, os días 1 e 2 de xuño, Cinco horas con Mario , de Miguel Delibes, pechará a programación da tempada de primavera do Ciclo Principal. O espectáculo forma parte da xira de despedida na que, por última vez, a actriz Lola Herrera –e de novo baixo a dirección de Josefina Molina, como na estrea de 1979– interprete o papel de Carmen Sotillo.

Renovación de abonos

O prazo para a renovación de abonos abrirase o día 18 de decembro e seguirá ata o 2 de xaneiro (ambos incluídos), no despacho de billetes da praza de Ourense –de luns a venres en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, agás os festivos 24 e 31 de decembro–, ou a través do servizo de televenda 902.044.226 –de luns a venres de 09.00 a 22.00 horas, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas–. Cada persoa abonada terá reservada a localidade que ocupou no ciclo de outono 2017, coa condición que manteña o mesmo tipo de abono –venres ou sábado–. As persoas interesadas en cambiar de asento, de localidade ou de día deberán proceder á súa renovación nos días e horarios establecidos, podendo optar só ás localidades non ocupadas por outros abonados. Para acceder ás localidades que deixen libres as persoas aboadas que non renoven, as interesadas deberán acudir ao despacho de praza de Ourense o día 3 de xaneiro, no horario de apertura do mesmo.

As persoas interesadas en adquirir novos abonos poderán facelo no prazo establecido entre os días 4 e 5 de xaneiro, e a partir do día 9 de xaneiro estarán dispoñibles as entradas soltas á venda. Ademais, todas as persoas que dispoñan de abono para este Ciclo Principal de Primavera, obterán un 25% de desconto no prezo das localidades das estreas dos espectáculos Una Habitación Propia –17 de febreiro–; María Zambrano, La palabra bailada –10 de marzo–; e A Leituga –6 de abril–. Toda a información sobre a programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía Castro, e do recinto, pódese consultar no web www.coruna.gal/culturas

Comment on this Article:







*