Home » coruna » Currently Reading:

O concelleiro de Culturas destaca a capacidade de Ardelloeixo para “poñer en valor a música tradicional dunha maneira contemporánea, cunha perspectiva de xénero e atendendo tamén á diversidade”

octubre 28, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou este venres na presentación do portal web www.ardelloeixo.gal , que recolle toda a información do programa de dinamización da música tradicional e o folclore Ardelloeixo, unha iniciativa impulsada en 2015 polas asociacións Son D’Aquí, Xacarandaina e Donaire e o Concello da Coruña. Nese sentido, a web nace, en palabras do responsable, “para dar visibilidade e normalidade á música de raíz que, nesta cidade, está moito máis presente do que parece, e para facelo dunha maneira acorde aos tempos nos que vivimos, dunha maneira contemporánea e desde unha perspectiva de xénero e que atende tamén á diversidade”. Segundo indicou, a web é “a culminación” do traballo iniciado a principios deste ano co proxecto audiovisual Punto e Volta, que se sumou a esta iniciativa creando contidos audiovisuais e levando ás redes Ardelloeixo, un proxecto que botou a andar en 2015, co obxectivo de dar visibilidade e normalidade á cultura tradicional. Nese sentido, o responsable municipal de Culturas incidiu tamén noutras liñas de apoio municipal á cultura tradicional, como é o Plan de Apoio a Entidades de Arraigo ou na reformulación da romaría de Santa Margarita.

Tal e como recordou Sande, durante a primeira etapa o proxecto foi quen de levar a música de raíz aos diferentes barrios da cidade e mesmo de recuperar, expandir e renovar a Romaría de Santa Margarida desde as perspectivas da cultura e da música tradicional. O peso recaeu principalmente sobre Son D’Aquí, Xacarandaina e Donaire, se ben outras asociacións da cidade, como Cántigas da Terra, Aturuxo, Pandereteiras sen Fronteiros, Gaiteiriños ou Xebre tamén teñen traballado puntualmente en Ardelloeixo. Ademais, o colectivo Punto e Volta pasou a integrarse no programa durante o último ano e realizou os contidos que se poden encontrar en ardelloeixo.gal.

A web de Ardelloeixo pretende ser, tal e como expuxeron durante a súa presentación Olaia Tubío e Raquel Pérez, de Punto e Volta, e Antonio Prado, da agrupación Donaire, unha guía e unha referencia para todas aquelas persoas que teñen interese no mundo da música de raíz galega, sexan ou non da cidade. Nela poderanse encontrar seccións variadas, como aulas de baile, historia, un mapa interactivo, un apartado para as asociacións que conforman o proxecto ou unha axenda cos últimos eventos relacionados con este ámbito, dando conta dos lazos entre as diferentes asociacións da cidade nos últimos anos a través desta iniciativa. “Ardeilloeixo está tendo impacto, grazas a súa capacidade para naturalizar o folclore, poñelo na rúa e deixarnos ás agrupacións proxectos en común”, salientou Prado, quen cualificou a nova web como “unha radiografía do baile e a música tradicional a día de hoxe”.

Contidos da web

A web conta, tal e como expuxeron as representantes de Punto e Volta, cunha axenda onde se recollen os eventos relacionados co ámbito da música tradicional na cidade. Ademais, inclúe un mapa interactivo onde se mostran, mediante fotografías, texto, audio e vídeo, os espazos nos que o baile e a música tradicional están presentes, “desde bares onde se pode bailar, persoas que constrúen instrumentos e todo tipo de espazos, nun formato aberto a todas as persoas e todas as asociacións, para permitir que o mapa siga crecendo”. Por outro lado, as entidades que conforman o proxecto contan cun apartado de presentación con varios vídeos para que o público poida coñecelas mellor. Tamén dirixida ao público xeral, a web presenta unha sección de aulas virtuais de baile, co obxectivo de que toda persoa que teña interese se introduza neste mundo e participe dos futuros eventos de Ardelloeixo. Ademais, en breve o portal contará cun espazo dedicado á historia e a memoria do folclore e da música tradicional coruñesa, unha sección que, como sinalaron Tubío e Pérez, recollerá a “memoria colectiva do baile e música, na que queremos reflectir o papel de moitas asociacións e de persoas senlleiras na recollida de música, as achegas que fixeron, sobre todo mulleres anónimas, ao noso folclore, un percorrido pola música tradicional na Coruña para traela ata o día de hoxe”.

Segundo avanzaron durante a presentación os seus impulsores, mañá sábado 28, a partir das 13.00 horas, terá lugar na praza José Sellier unha nova presentación informal do novo portal con música e baile, na que diferentes persoas e colectivos da cidade e tamén de fóra achegaranse para celebrar a estrea cantando e tocando.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...