Home » coruna » Currently Reading:

O concelleiro de Mobilidade Sostible apela á “necesaria coordinación do transporte metropolitano a través dun sistema único e acorde coa realidade da comarca”

Junio 5, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, volveu apelar este domingo á “necesaria coordinación do transporte metropolitano” e chamar ao diálogo á conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, á que emprazou a “sentarse cos representantes de máis de 400.000 veciñas e veciños para acadar un consenso”, unha reunión cos alcaldes e a alcaldesa dos municipios da área que está pendente de resposta desde o pasado 22 de febreiro. Como indicou, pese aos “cambios na realidade demográfica e nos hábitos de mobilidade das veciñas e veciños da contorna da cidade, o modelo de transporte segue a ser o mesmo”. “Por iso pedimos coordinación, porque temos un sistema de buses metropolitano inconexo co dos buses urbanos, un sistema ríxido e que ademais non permite aos e ás usuarias do transporte metropolitano acceder á información, algo que é grave no século XXI; un sistema así non é útil”, considerou. Nese sentido, salientou a “oportunidade” que supón o novo concurso das concesións do transporte que a Xunta ten que sacar para coordinar o sistema. “Os concellos apostamos por unha xestión única, unha autoridade única que xestione o transporte metropolitano, como ocorre noutros outros moitos puntos do Estado. Queremos que os autobuses vermellos poidan dar servizo aos veciños e veciñas da nosa cidade, que chega, hoxe en día, máis alá do límite municipal da Coruña”.

Tal e como expuxo o responsable municipal de Mobilidade Sostible durante a súa intervención nun espazo radiofónico de Radio Coruña, o do transporte é “unha pata fundamental nun debate máis amplo e que transcende os límites municipais, como é o da área metropolitana, un debate intenso e preciso e un reclamo histórico fronte a posicións doutros gobernos que poñían A Coruña de costas aos concellos da comarca”. “As veciñas e os veciños da contorna fannos saber que pasan tanto tempo na Coruña como no seu propio municipio; entre A Coruña e Oleiros prodúcense a diario 20.000 desprazamentos, e 18.000 entre Coruña e Arteixo ou Culleredo, e sen embargo, un 90% deses desprazamentos faise en vehículo privado”, advertiu.

A este respecto, Díaz Grandío indicou que “os datos fan que non poidamos meter no mesmo saco a mobilidade de concellos como Curtis, Vimianzo ou Fisterra coa mobilidade que se produce entre A Coruña e Oleiros, Arteixo ou Culleredo, por exemplo”. “Son realidades diferentes que non deben misturarse nunha mesa que ten outro sentido”, observou, en relación ao foro que propón a Xunta para debater sobre o transporte metropolitano da Coruña, con 17 concellos. “O debate non debe centrarse en quen está ou non está, e tampouco quen manda ou quen sae na foto. Aforremos discusións estériles e traballemos para mellorar o transporte, porque é a veciñanza quen sofre un sistema descoordinado”, salientou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...