Home » coruna » Currently Reading:

O concelleiro de Rexeneración Urbana pon en valor os proxectos previstos no novo paquete municipal de investimentos, “xa que todos son idóneos para a cidade e contribuirán a reducir o gasto a medio e longo prazo”

noviembre 10, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, deron conta do novo paquete de investimentos que o goberno local levará hoxe, venres, á Xunta de Goberno Local para desenvolver, ao longo do ano que vén, proxectos para a cidade por valor de 9 millóns de euros, unha posibilidade que, como sinalou Vieito, está contemplada pola lei de orzamentos do Estado, en desenvolvemento da normativa de estabilidade presupostaria, para entidades locais que, como o caso da Coruña, estean economicamente saneadas, teñan superávit, remanente positivo e non superen un determinado límite de débeda. Nese sentido, a responsable salientou que a execución destes proxectos, que se autorizan no presente exercicio e deben quedar executados no vindeiro, “é posible grazas ao cumprimento da estabilidade orzamentaria deste Concello, dos límites de en debedamento e tamén do cumprimento do PMP”, que no mes de outubro foi de

25,85días.

Son, como subliñou o responsable municipal de Rexeneración Urbana, proxectos “xustificados, porque van reducir o gasto do Concello a medio e longo prazo, e factibles, no sentido de que se poden licitar e executar no ano próximo, e supoñen actuacións indiscutibles desde o punto de vista da súa idoneidade, polo que confiamos en que van saír adiante no Pleno”. O primeiro gran grupo ten que ver coa mellora da eficiencia enerxética, o alumeado público e a mellora da calidade e control lumínico, cun investimento de 3,6 millóns euros que, como salientou Varela, van supoñer un aforro anual de 113.000 euros no consumo enerxético do Concello. Repártense na mellora do alumeado público do Parque Europa (186.064,31 euros) e na mellora da eficiencia enerxética no barrio do Castrillón (216.735,66 euros) e no exterior de Monte Alto (224.759,17 euros), así como a modernización do alumeado na Ronda de Outeiro, no entorno da glorieta da Avenida de Finisterre, Manuel Murguía-Manuel Deschamps e avenida de Labañou-Gerardo Porto (332.737,96 euros), a modernización do alumeado público na rolda de Nelle, no tramo entre a rúa Fernando Rey e a avenida de Fisterra (235.456,91 euros), e a subministración e instalación de sistemas de telexestión e de protección de última xeración en centros de mando de alumeado público (298.871,26 euros). Igualmente, este bloque recolle o subministro e instalación de luminarias viarias de alta eficiencia en todo o polígono de Agrela Bens (250.000,00 euros), a modernización e mellora da eficiencia do alumeado público do ámbito delimitado polo polígono dos Rosais, Rolda de Outeiro, Manuel Murguía, e Avenida de Labañou (1.532.161,40 euros) e a renovación e ampliación do alumeado do barrio de Matogrande (353.263,99 euros). A estas actuacións súmase a subministración de luminarias para mellorar a iluminación no viveiro municipal de Agrela (35.879,02 euros).

En canto ás obras en infraestruturas, para as que se contemplan 2.118.297 euros, estas inclúen a reurbanización da Rúa Casares Quiroga (526.353,07 euros), a renovación e rehabilitación de firmes na rolda de Outeiro, no tramo entre a avenida de Arteixo e a do Ferrocarril (240.892,49 euros), a renovación do firme da práctica totalidade de rúas do polígono dos Rosais (1.151.965,34 euros) e a conclusión de traballos de restauración das carpinterías exteriores de madeira do pazo municipal de María Pita (199.086,30 euros), unha intervención que, segundo indicou o concelleiro, contribuirá a que o concello reduza o consumo de enerxía eléctrica en calefacción.

Tal e como expuxo o concelleiro de Rexeneración Urbana, estes investimentos dedican, no ámbito da mobilidade, 155.000 euros á subministración e instalación de paneis de tráfico de información variable –que ofrecen a información ante calquera eventualidade no transporte público, tráfico, información á cidadanía–, para unificar o mantemento e a xestión da totalidade destes dispositivos, coa substitución de cinco paneis antigos, e de cara a permitir por primeira vez a xestión centralizada de todos eles desde a Sala de Pantallas da Policía Local.

Na área de Medio Ambiente, o investimento máis cuantioso, 1.574.913 euros máis IVE, vai destinado á incorporación de novos equipos dentro das instalacións da planta de Nostián para incrementar a eficiencia da separación dos elementos valorizables dos residuos, o que mellorará, segundo apuntou Varela, a súa eficiencia de xeito que aumente a capacidade de reciclaxe, e servirá tamén para obter maiores ingresos ao Concello pola recuperación de residuos a través dos sistemas integrados de xestión, cunha redución dos custos enerxéticos. Tamén se contempla unha actuación de 266.771,56 euros na EBAR de San Roque, para a substitución de dúas das sete bombas das que consta o principal bombeo da cidade, de cara a mellorar o incremento da eficiencia do bombeo, cunha diminución do seu consumo enerxético (tendo en conta que está operativo de forma ininterrompida todos os días do ano) e, ao tempo, evitar avarías. O terceiro proxecto deste ámbito é a execución, a través dun investimento de 395.945 euros, dunha rede de bocas de rego na cidade, a través da posta en servizo das existentes e mediante a instalación doutras novas para empregar no rego no mantemento de xardíns públicos, e dirixida igualmente a mellorar a limpeza viaria co uso de auga.

Dentro do plan municipal inclúense outras dúas partidas vinculadas á innovación, como é, por unha banda, os 217.000 euros para a adquisición de licenzas de software que permitan poñer ao día as que se empregan nos servizos municipais e, por outra, os 209.330 euros destinados á adquisición de software para a xestión do Servizo de Asistencia a Domicilio, que permitirá ao Concello contar unha ferramenta informática que reduza a xestión burocrática e técnica do servizo, cun importante aforro. O paquete de investimentos recolle, por último, actuacións no mercado de Elviña, para o que se contempla unha partida de 134.194,71 euros para o acondicionamento de obradores, e na Torre de Hércules, na que se prevé destinar 14.079,98 euros para reparar as humidades da zona de aseos públicos, dentro dos traballos de mantemento constante que precisa o monumento.

Tal e como sinalou durante a presentación desta mañá a concelleira de Facenda, esta clase de investimentos están suxeitos a unha serie de requisitos, “que limitan as posibilidades de elección dos proxectos”, xa que teñen que corresponderse a determinados grupos de programas, destinados, entre outros, á mellora dos sistemas de alumeado, sumidoiros ou recollida de lixo, ou accións relacionadas co medio ambiente, a eficiencia enerxética ou mellora de infraestruturas. Ademais, deben ter unha vida útil dun mínimo de cinco anos e están suxeitas a un control orzamentario que garanta a súa sostibilidade financeira. “Esta é practicamente a única alternativa quedeixaaLeideOrzamentos doEstadoaoutrosusosdiferentesdaamortizacióndedébeda,e é a que nós queremos aproveitar” expuxo Vieito, quen recordou que tanto o goberno coruñés como “a inmensa maioría dos concellos incluída a FEMP, leva tempo pedíndolle ao goberno do Estado que flexibilice a normativa de estabilidade para poder utilizar o superávit de forma máis ampla”.

Rolda de Outeiro

Por outra banda, o concelleiro de Rexeneración Urbana deu conta tamén esta mañá das obras de re-pavimentación que se desenvolverán a partir do vindeiro luns na rolda de Outeiro, que se inician no tramo entre a avenida de Arteixo e Fisterra. Neste momento, os traballos, adxudicados por 240.000 euros e que contan cun prazo de execución de 12 semanas, suporán a substitución dos firmes, pero tamén a creación de dous novos pasos peonís nese tramo, un á altura da rúa Tornos e outro coa rúa Nosa Señora da Luz, “para humanizar esta zona, calmando o tráfico na vía, e conectar a Sagrada Familia coa zona de Agrela, que dispón de equipamentos educativos, deportivos e doutros tipos que xeran tránsito de xente”. A actuación, segundo avanzou Varela, realizarase en horario diurno, agás o tramo entre avenida de Fisterra e ronda de Outeiro debido ás afeccións que producirían os traballos, para optimizar a súa execución e rebaixar os tempos. Durante a intervención manteráse habilitado como mínimo un carril de servizo, de cara a reducir os efectos da actuación sobre o tráfico.

A seguinte fase desta intervención será a mellora do tramo comprendido entre a avenida do Ferrocarril e a Mercede, que xa está adxudicada por 386.000 euros, e que se completará coas obras entre a avenida de Arteixo e a estación de Ferrocarril, que se abordarán con cargo aos novos investimentos que se someten mañá a Xunta de goberno local, por 240.000 euros.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...