Home » coruna » Currently Reading:

O concelleiro José Manuel Sande salienta “o carácter vangardista inherente ao (S8)”, cuxa novena edición centrarase no tempo e na estrutura do cinema

mayo 9, 2018 coruna No Comments

A Coruña acollerá entre o 25 de maio e o 3 de xuño a IX edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou na presentación da programación, que abrangue, como é habitual neste evento, proxeccións, encontros profesionais, propostas didácticas e obradoiros, e que, como sinalou o edil, “dá conta da grandeza da iniciativa non só para a cidade, senón para as institucións, sector profesional e público asistente”. “O que acontece coa vangarda é que o acto require coñecemento. Non é só romper co legado, senón que, cando se fai a obra, esta leva consigo toda unha tradición. E parte desa riqueza da vangarda, e da que fai gala o (S8), é a que se viviu nas pasadas edicións, que hoxe dota a Mostra dun carácter insólito non só a nivel estatal, senón tamén internacional”, aseverou o edil coruñés, quen definiu como “ampla, inxente e rica” a programación desta edición. En concreto, Sande valourou o recoñecemento á organización Canyon Cinema, que vén de celebrar o seu 50o aniversario, así como á figura da galega María Ruído, que se reivindica a través da exposición ​Le paradis,inaugurada o 21 de abril na Fundación Luis Seoane, e o ciclo ​La imagen que piensa​, que abrangue parte da súa produción audiovisual e que culminará coa estrea de ​Mater amatísima. ​No marco da sección do (S8) que programa a obra galega máis recente, ​Sinais, tamén terá lugar a proxección do traballo ​Fogos​, do director dos Museos Científicos Coruñes, Marcos Pérez, e de Martín Pawley.

O concelleiro de Culturas interveu nunha presentación na que o director da Mostra, Ángel Rueda, explicou que a proposta deste ano pecha unha triloxía temática “arredor dos vimbios do cinema como ferramenta”. Se ben no ano 2016 ​Os Novos Impresionistas centraban o foco na luz, e no 2017 ​Obxectos e aparicións​, de como os propios cineastas transformaban o obxecto cinematográfico, este ano a Mostra aborda, de xeito especial, ​o tempo, “o ADN do cinema”, sinalou Rueda. Así, a novena edición do (s8), ​Lux algebra​, afondará na idea do cine como que conta co tempo e a estrutura como feitos diferenciais, e abordará o cinema estrutural de figuras como Ernie Gehr, Kurt Kren, Scott Stark ou Chris Kennedy. Esta sección completarase coa sesiónPatróns de Interferencias​, o programa ​Métrica e rima​, ou a exposición ​O cine en pape​l.

Tal e como apuntou Ángel Rueda, o obxectivo do (S8) “non é tanto a difusión de cinema como xerar un espazo de creación, diálogo, coñecemento e encontro entre cineatas locais, galegos e internacionais”, a través dunha ampla súa programación, que inclúe encontros profesionais nos que participarán responsables da programación do Festival Internacional de Cine de Berlín, Berlinale, ou DocsLisboa. “Este ano, ademais, procuramos reforzar o carácter periférico da proposta, de xeito que non sexa aberto só a cineastas, senón tamén a artista e veciñanza en xeral”, sinalou o director, en referencia aos distintos seminarios, obradoiros e actividades paralelas que se desenvolverán durante a Mostra e ao impulso de iniciativas específicas vinculadas ao eido da educación e a inclusión, “e que afondan na idea do cine como ferramenta para conectar con outras realidades”, aseverou. Entre as propostas deste ano, destaca a ​Film farm on the road, no que Phil Hoffman dirixirá, entre o 5 e o 8 de xuño, un obradoiro de cinema artesanal na Coruña, cuxo prazo de inscrición xa está aberto a través do correo electrónico ​inscripcion@s8cinema.com

Gala inaugural

A IX Mostra Internacional de Cinema Periférico celebrará o venres 25 a súa gala inaugural coa ópera-oratorio ​Voices of light/A paixón de Xoana de Arco​. O estadounidense Richard Einhorn presenta unha partitura para coro e orquestra concebida para a película francesa dirixida, no ano 1928, por Carl T. Dreyer, e que Ángel Rueda cualificou como unha “obra mestra e referente no cinema”. A proposta, que terá lugar no Teatro Colón, contará coa interpretación ao vivo do Coro e Orquestra Gaos, proxecto dirixido por Fernando Briones. As entradas para asistir ao evento xa están á venda e pódense adquirir tanto no despacho de billetes do propio recinto ou o webwww.ataquilla.com

Comment on this Article:







*