Home » coruna » Currently Reading:

O Concello abre ao público o Centro de Interpretación das Baterías de San Pedro, que contará con visitas guiadas ata o 15 de setembro

junio 20, 2018 coruna No Comments

A Concellería de Medio Ambiente abre dende onte ao público, e ata o 15 de setembro, o Centro de Interpretación das Baterías de Costa do Monte de San Pedro, que contará tamén con visitas guiadas. Ademais de ao museo e o centro, os e as visitantes poderán participar destes percorridos con guía ao telémetro, a sala do posto de observación, á sala de dirección de tiro e á peza exterior. O parque de San Pedro alberga unha das baterías de costa, que data de 1929, mellor conservadas do mundo, polo que a Concellería de Medio Ambiente aposta pola súa integración no parque dende un punto de vista que pretende achegar educación ambiental, cultural e o fomento dun turismo verde. “A composición atlántica e peninsular da cidade foi sempre estratéxica e queremos manter esa visión precisamente dende o parque que albergan as mellores vistas da cidade”, apunta a edil responsable.

As visitas guiadas, que aceptan grupos dun máximo de 15 persoas, están dispoñibles ás 12.00 e ás 17.00 horas e é preciso facer a reserva de praza no teléfono 981 184 337 ou enviando un correo electrónico a ​informacionambiental@coruna.es​. Ademais das visitas programadas polo departamento de Medio Ambiente, é posible tamén realizar o paseo cunha das visitas caracterizadas que oferta o Consorcio de Turismo, na que un guía representa o papel de cabo da batería para trasladar á audiencia a 1929 e detallar a infraestrutura que converteu ao ​Golfo Ártabro nun dos mellores protexidos do mundo. Estas visitas realízanse os venres ás 16.30 horas e é preciso apuntarse con antelación no 600 877 278 ou na web www.visitasguiadas.coruna.es O horario do centro de interpretación, que abre de martes a domingo, é de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas.

Comment on this Article: