Home » coruna » Currently Reading:

O Concello abre mañá o prazo de preinscrición na Escola Municipal de Música para o curso que vén, no que se aplicará a redución do 12,7% nas tarifas

mayo 10, 2018 coruna No Comments

​A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abrirá hoxe, e até o 21 de maio, o prazo de preinscrición para solicitar praza, de cara ao curso 2018-2019, na Escola Municipal de Música da Coruña. Tras finalizar o pasado mes de abril o período de matrícula do alumnado interno, desde esta mañá todas aquelas persoas que queiran formarse musicalmente poderán solicitar a súa inscrición no centro. Este ano, e tras a aprobación por parte do Pleno coruñés da Ordenanza Fiscal no16 que regula as taxas de prestación de servizos nos museos e outras instalacións culturais, reduciranse nun 12,7% as tarifas da Escola Municipal, o que eliminará a distinción das taxas en función do lugar de residencia do alumnado e facilitará o acceso ao equipamento á veciñanza da área metropolitana. Será o Concello da Coruña quen asuma o custo da actualización anual das taxas.

Entre as ensinanzas propostas, atópase a área Música e movemento, dirixida a nenas e nenos de de 4 a 7 anos, na que a voz será o instrumento principal do alumnado. Nestas idades fomentarase a improvisación e o desenvolvemento auditivo coa práctica instrumental en xilófonos e metalófonos cromáticos. Impartiranse dous días á semana, en horario de tarde, e ofrécese a posibilidade de participar, de xeito gratuíto, no coro infantil do centro, que ensaia os venres de 17.30 a 18.30 horas.

A área Xeral ​é a que se dirixe a todas aquelas persoas maiores de 8 anos, e abrangue as modalidades clásica, tradicional, jazz e moderna. Ofreceranse tres materias, como son linguaxe musical –que terá unha duración de catro anos–, instrumento e agrupación. Unha vez finalice estas materias, o alumnado tamén poderá cursar ensinanzas como harmonía, dirección, arranxo ou composición. As persoas matriculadas nesta ​Área Xera​l poderán participar, de xeito gratuíto, no coro adulto, así como utilizar as aulas do centro como aulas de estudo en horario de mañá.

Despois de finalizar o prazo de preinscrición, a lista de persoas admitidas publicarase o 28 de maio. Nesta mesma data tamén comezará o período de matrícula, que se estenderá até o 8 de xuño. Para a formalización da mesma, deberase aboar o importe xenérico de 69,52 euros, e as mensualidades variarán en función da modalidade escollida (​Música e Movemento​, ​Xeral ou talleres). Para máis información sobre horarios e documentación necesaria para solicitar praza, pódese consultar o web ​www.coruna.gal/EMM ou visitar a propia Escola, situada na rúa Torre, 67, en horario de atención ao público, de 09.00 a 14.00 horas.

Comment on this Article:







*