Home » coruna » Currently Reading:

O Concello abre o prazo de inscrición para os campamentos de verán da área de Mocidade, que aumentan as súas prazas

Junio 1, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, presentou os campamentos de verán da área de Mocidade que se celebrarán o próximo mes de xullo, e que se dirixen a rapazas e rapaces de 12 a 17 anos. A edil salientou, como principal novidade, o aumento da oferta de prazas, que pasan de 60 a 90 prazas, así como a continuidade da gratuidade na inscrición. “Estes campamentos ofrecen unha serie de actividades para unha franxa de idade que tamén demanda tempos e espazos de lecer accesibles no verán”, destacou a edil, quen lembrou que, este ano, a inscrición tamén inclúe o transporte até o polideportivo de Labañou, “co obxectivo de que ás rapazas e rapaces que queiran participar nesta iniciativa, poidan facelo sen problema”, afirmou Delso.

As mozas e os mozos, organizados por grupos de idade, poderán participar en actividades lúdicas como xogos de rastrexo e de pistas, de cooperación ou orientación, e geocaching; relacionadas co medio ambiente, como obradoiros creativos con material reciclable, ou roteiros pola contorna natural e de coñecemento e recollida de algas; e multideportivas e no medio acuático, como iniciación ao snorkel, tiro con arco, kaiak e outras propostas de deporte alternativo.

Os campamentos desenvolveranse de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, no polideportivo de Labañou a través de dúas quendas –do 3 ao 14 de xullo a primeira, e do 17 ao 28 a segunda– e contarán con 45 prazas para cada unha delas. Para facilitar o desprazamento das mozas e dos mozos ás instalacións –así como aos espazos urbanos nos que se realicen actividades ao aire libre–, a concellería habilitará un autobús que realizará unha ruta de ida e volta con paradas pola cidade –Os Castros, Catro Camiños, Praza de Ourense, Monte Alto, Riazor e Polideportivo de Labañou–, cuxo percorrido definitivo establecerase nunha xuntanza coas persoas participantes.

O período de preinscrición abrirase o próximo luns, 5 de xuño, a través da web municipal www.coruna.gal/cmix. No momento de realizar a súa solicitude, que se poderá presentar até o sábado 10, e atendendo á orde de entrada dos formularios das solicitudes, cada participante recibirá un numero asignado a súa petición. Na seguinte semana, o luns 12 de xuño, publicaranse as listas provisionais e, ao día seguinte, celebrarase o sorteo de prazas e publicación da relación de persoas admitidas. Esta publicación, que se poderá consultar no mesmo portal web do Centro Municipal de Información Xuvenil, incluirá unha lista de agarda en cada unha das quendas para cubrir aquelas prazas que non teñan a inscrición formalizada, ou renuncien á mesma.

A solicitude deberá formalizarse entre os días 14 e 17 de xuño, confirmando a aceptación da praza a través do envío dun correo electrónico a xuventude@coruna.es. No caso de non envialo no prazo establecido, a praza será adxudicada á seguinte persoa da lista de agarda. Unha vez remate este proceso de inscrición, a concellería realizará unha reunión informativa coas familias das e dos participantes, que terá lugar o xoves 22 de xuño, ás 21.00 horas no Espazo de Iniciativas Xuvenís (EIX), situado na rúa Matadoiro, 68.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...