Home » Deportes » Currently Reading:

O Concello abre o prazo de inscrición para participar no VII Coruña Corre así como na Carreira Popular de Novo Mesoiro, que se celebrará o 25 de novembro

noviembre 7, 2018 Deportes No Comments

​​A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento abrirá hoxe o prazo de inscrición para participar na sétima edición do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre, o programa municipal que propón a celebración probas deportivas de entre 5 e 7 quilómetros de percorrido que se desenvolven, ao longo do ano, en distintos barrios da cidade. A principal novidade nesta edición, que seguirá a incidir na vertente saudable da práctica deportiva así como na descentralización da súa programación, será a ampliación da tempada, que se estenderá até final de 2019 para adaptarse ao ano natural, seguindo as indicacións da Real Federación Española de Atletismo. Como consecuencia desta medida, o Concello aumentará tamén o número de probas, pechando así a VII edición coa gala final no mes de decembro.

A partires de mañá, mércores 7, e a través do web ​www.coruna.gal/carreiraspopulares​, ábrese o período para formalizar a participación no circuíto, ao que poden asistir atletas populares así como federadas e federados. A inscrición permitirá formar parte das clasificacións da serie de carreiras, así como poder optar aos seus premios. Nesta edición estableceranse as categorías definidas polos regulamentos da IAAF, RFEA e FGA e, de cara a promocionar a práctica deportiva entre as máis novas e novos, manterase a categoría pre-benxamín, da que poderán formar parte as nenas e nenos que conten con 4 anos de idade no momento da celebración da primeira carreira do circuíto, o 25 de novembro en Novo Mesoiro. Así, haberá sete modalidades para maiores de 18 anos (sub 20, sub 23, sénior e catro de veteranos) e seis de menores de idade (sub 18, sub 18, sub 14, sub 12, sub 10 e pre-benxamín). Para as e os menores de idade a participación será gratuíta, mentres que para as e os maiores de idade a cota de inscrición para o circuíto será de 10 euros. As persoas maiores de 65 anos, desempregadas ou posuidoras do Carné Xove gozarán de bonificación e aboarán 7 euros. No caso daquelas persoas que prefiran inscribirse individualmente ás carreiras, a cota en cada unha delas será de 2 euros (ou de 1€ no caso do colectivo con bonificación).

O período de inscrición no Circuíto manterase aberto, como novidade, até o peche do prazo de inscrición na cuarta das probas, a IX Carreira Popular Torre de Hércules, que nesta ocasión terá lugar o 23 de marzo. Como é habitual, será necesario confirmar a participación en cada carreira realizando a inscrición de cara a figurar na lista de participantes da mesma, así como contribuír á seguridade organización da cita. Para máis detalles sobre o proceso de cronometraxe, uso de chips e dorsais, así como as distintas clasificacións –individual, equipo mixto, familiar ou diversidade–, pódese consultar, a partires de mañá, o regulamento do circuíto tamén no espazo web de Carreiras Populares en ​www.coruna.gal​.

VIII Carreira Popular de Novo Mesoiro

A primeira das carreiras terá lugar o vindeiro domingo 25 de novembro, en Novo Mesoiro. O prazo de inscrición para participar na oitava edición desta proba permanecerá aberto tamén desde mañá, mércores 7, até as 23.30 horas do día 21, a través da páxina web municipalwww.coruna.gal/carreiraspopulares​. A proba absoluta, cun percorrido duns 5.353 metros aproximadamente, dará comezo ás 10.30 horas na rúa Ancares, á altura do polideportivo municipal e, a continuación, a partires das 11.35 horas –despois do peche de control–, terán lugar as carreiras de menores de 18 anos. Como é habitual haberá servizo de duchas e de gardarroupa no polideportivo. Neste mesmo recinto poderanse retirar os dorsais durante a fin de semana do 24 –entre as 11.00 e as 20.30 horas– e 25 de novembro –desde as 9.00 e até media hora antes da saída de cada carreira–. A entrega de premios producirase o propio domingo ás 13.00 horas, unha vez finalicen as probas de menores.

Coruña Corre continuará o domingo 16 de decembro nos Rosales. Xa no 2019, a primeira cita será o 13 de xaneiro coa IV Carreira Popular Matogrande; no mes de marzo, o sábado 23 a IX Carreira Popular nocturna Torre de Hércules; e o 2 de xuño a XII Baixada Popular de Cross San Pedro de Visma. Á volta do verán, o 9 de setembro, o circuíto municipal retomará a actividade coa VIII Volta a Oza, á que seguirá o 20 de outubro a VII Ventorrillo. Coa adaptación do calendario, a serie continuará o 3 e o 24 de novembro en Novo Mesoiro e Os Rosales, respectivamente, e a gala final da tempada celebrarase o 12 de decembro, como é habitual, no Centro Ágora

Gala Coruña Corre

Precisamente o 21 de novembro, coincidindo co fin de prazo de inscrición da VIII Carreira Popular de Novo Mesoiro, celebrarase no centro Ágora a gala de peche do circuíto Coruña Corre da pasada tempada. Durante o evento, que comezará ás 20.00 horas, daranse conta, de xeito pormenorizado, das novidades desta edición e outorgaranse os premios ás primeiras persoas clasificadas en cada categoría, así como aos grupos mixtos e de familiares gañadores do circuíto.

A sesión tamén servirá para dar a coñecer as datas de apertura das inscricións do Medio Maratón Coruña21, Coruña42 e Coruña10 entre as e os asistentes –que se celebrarán os días 17 de febreiro, 14 de abril e 6 de outubro, respectivamente–, e outras novidades vinculadas ás mesmas.

Comment on this Article: