Home » coruna » Currently Reading:

O Concello abre unha consulta para definir as preferencias da cidadanía na incorporación de sistemas intelixentes nos edificios públicos

junio 14, 2018 coruna No Comments

O Concello pon en marcha un proceso de consulta coa veciñanza para definir un proxecto piloto de edificios intelixentes que opte á convocatoria do Plan Nacional de Territorios Inteligentes, impulsado pola entidade pública red.es, dependente do Ministerio de Economía y Empresa, co obxectivo de dotar aos inmobles públicos de sistemas de control e xestión integral e automatizada. A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda recolle as suxestións da cidadanía para incorporalas ao proxecto a través dun cuestionario online –dispoñible na web ​https://iceacsa.wixsite.com/edifintel e que pode realizarse durante todo o mes de xuño–, que segue o rumbo marcado polo Goberno local de involucrar á veciñanza nos procesos municipais. Este traballo complétase con reunións de contacto coas diversas administración e entidades que teñen edificios públicos na cidade “para trasladarlles as posibilidades e as aplicacións reais que pode ter esta tecnoloxía”, así como con obradoiros con entidades sociais e encontros con grupos de investigación vinculados ao eido tecnolóxico.

O responsable da concellería, Xiao Varela, fai fincapé “na oportunidade que supón este proxecto para a mellora dos edificios en aspectos que teñen unha grande influencia en todas as persoas que fan uso deles, como son a mellora da mobilidade, a eficiencia enerxética e a seguridade”. Neste sentido, o seu departamento está a realizar unha rolda de contactos coa Universidade da Coruña, diferentes consellerías da Xunta, ministerios, a Deputación provincial, entidades sociais e as autoridades de transporte, que xestionan os edificios de nodos de comunicación como son o aeroporto, a estación de trens ou de autobuses. Os resultados de todos estes contactos e da enquisa proposta á cidadanía incorporaranse ao documento de traballo da concellería.

O Concello traballa cun proxecto “ambicioso, polo valor total das axudas previstas, de 5 millóns de euros”, que pretende dotar os edificios públicos da cidade, que suman case 300, de sensores que se comuniquen coa plataforma Smartcity Coruña. Deste maneira, os datos que proporcionen servirán como base de análise para levar a cabo unha xestión máis eficiente da cidade e a concreción de novos servizos para a cidadanía. A iniciativa que prepara o Concello pretende tamén ampliar este uso de sensores ao exterior dos edificios, de maneira que sirvan para a mellora da mobilidade sostible e dos entornos dos edificios.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...