Home » coruna » Currently Reading:

O Concello abre unha convocatoria de 40.000 euros para que entidades sen ánimo de lucro da cidade realicen actividades que promovan a cultura ambiental e a autoxestión

junio 15, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou as liñas xerais da segunda convocatoria de subvencións do Concello da Coruña destinada a entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de que desenvolvan actividades que promovan a cultura ambiental. “Esta iniciativa tamén servirá para fomentar o empoderamento da autoxestión cidadá”, indicou a responsable municipal que destacou “o ilusionante dun proxecto que se basea en apoiar iniciativas que son presentadas polos colectivos cidadáns e que buscan a defensa e a conservación do medio ambiente”. Dotada cun orzamento de 40.000 euros, que poderá ampliarse en base á calidade proxectos presentados, García destacou que a iniciativa “entronca coa idea que dende o principio defendemos e que pasa por entender o coidado do medio ambiente como unha tarefa colectiva e compartida”.

De cara a canalizar esforzos e centrarse nesta convocatorias en políticas ambientais consideradas neste momento como prioritarias, a convocatoria de subvencións céntrase en dous tipos de proxectos: por un lado, todo o que ten que ver coa xestión de residuos e a economía circular, e polo outro os que teñen que ver coa recuperación e conservación da natureza urbana. “Cremos que estas dúas liñas de actuacións inflúen directamente na loita contra o cambio climático. Os proxectos que se presenten serán compatibles por tanto coas accións que estamos desenvolvendo dende o propio Goberno local”, subliñou a concelleira García. “Convidamos ás entidades a que as iniciativas presenten diferentes formatos, dende charlas nos barrios, até vídeos virais, campañas, excursións ou marchas”, destacou.

O proceso para o reparto de subvencións levarase a cabo mediante un proceso de concorrencia competitiva, con criterios obxectivos. “A aposta dende o Goberno local é que as entidades poidan concorrer en situación de igualdade entre todas elas en procesos onde se prime a calidade dos proxectos e que sexan transparentes e obxectivos. Este tema non era prioritario para outros Gobernos, pero si para nós”, salientou a concelleira.

Bases

Para poder presentarse a estas convocatorias será necesario que as asociacións (ambientalistas, culturais ou veciñais) non teñan ánimo de lucro e estean constituídas dentro do municipio. As bases da convocatoria publicaranse a partir do día 19 de xuño no BOP. A partir desa data as entidades terán un mes para presentar os seus proxectos.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...