Home » coruna » Currently Reading:

O Concello acomete a limpeza e restauración de 15 monumentos dos Xardíns de Méndez Núñez dentro do conxunto de actuacións impulsadas neste mandado para a posta en valor do patrimonio

agosto 11, 2018 coruna No Comments

O Concello está a cometer obras de limpeza e restauración de 15 monumentos nos Xardíns de Méndez Núñez de alto valor histórico, simbólico e patrimonial. Cun orzamento de 80.000 euros, esta actuación, que se iniciou a finais do pasado mes de xullo e se estenderá, previsiblemente, até outubro, contempla intervencións tanto nas tres fontes de pedra coas que conta o espazo, como nos monumentos adicados ao Ano Internacional do Neno, a Curros Enríquez, Emilia Pardo Bazán, Aureliano Linares Rivas, Manuel Murguía, Eduado Pondal, Henrique Hervada, Fernández Latorre, Castelao, Valle Inclán, Wenceslao Fernández Flórez e Suárez Ferrín. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indica que esta intervención, que deriva dunha petición da cidadanía recollida e votada no programa de Orzamentos Participativos, entronca con todas as actuacións que o goberno local puxo en marcha neste mandato municipal encamiñadas a defensa do patrimonio, que suman xa preto dun millón de euros. “A memoria colectiva dun pobo presérvase a través dos coidados tanto das expresións patrimoniais e artísticas do pasado, como coas actuais. Para o executivo municipal, as labores de conservación, máis alá das de limpeza e mantemento cotiá, son consideradas accións de máxima prioridade”, comentou o responsable municipal.

As intervencións previstas nestes 15 monumentos en Méndez Núñez abranguen traballos que van dende a limpeza dos depósitos, até a reposición das partes deterioradas ou desaparecidas. “Atendendo aos criterios dos e das profesionais da restauración, o criterio a seguir é a consolidación do estado estado material das pezas, de forma que se paralice en todo o posible o seu deterioro”, explicou.

Ao fío, o edil indicou que “esta é, polas súas características de horas de luz e clima, a máis adecuada para levar a cabo estas actuacións”. Non obstante, as mesmas, programáronse tendo en conta a celebración de actividades festivas este mes nos Xardíns. “Precisamente por este motivo as actuacións de restauración comezaron na estatua de Linares Rivas para, posteriormente, seguir polas esculturas de menor tamaño”, comentou.

Posta en valor do patrimonio

Varela salientou que esta actuación entronca co resto de intervencións postas en marcha polo goberno local dende 2015 para a posta en valor e dignificación do patrimonio arqueolóxico e memorístico no espazo público da Coruña. O Concello leva investido case un millón de euros en actuacións deste tipo, entre as que destaca a campaña de consolidación e restauración do Castro de Elviña, unha obra de gran calado executada entre setembro de 2017 e maio de 2018 e que tivo un orzamento de máis de 620.000 euros. Destacan ademais as obras levadas a cabo na Viaxe de Visma, coa restauración da arqueta descuberta fronte ao Centro Ágora, así como o monumento aos fusilados polo fascismo no Campo da Rata, ou os de Daniel Carballo e Concepción Arenal, tamén en Méndez Núñez. Salientan tamén as actuacións na Porta de San Miguel, e no Acueducto do Paseo das Pintes, así como a intervención arqueolóxica no convento de San Francisco e a limpeza do mural de Leopoldo Nóvoa.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...