Home » Trafico » Currently Reading:

O Concello acomete a renovación do pavimento na avenida de Navarra, unha obra que mellorará as condicións de circulación da vía

septiembre 5, 2018 Trafico No Comments

A Concellería de Rexeneración Urbana acomete esta semana a mellora das condicións para a circulación de vehículos na avenida de Navarra. A actuación consiste no fresado de cinco centímetros de pavimentación actual e a reposición da capa de rodadura cun novo asfaltado, “unha obra que vén a facilitar e mellorar as condicións da condución e a incrementar a seguridade da vía”, como sinala o edil Xiao Varela. “Estes traballos de repavimentación veñen a continuar a mellora que iniciamos este inverno na vía, cando actuamos para reparar os pasos peonís da rúa. Agora é o momento de renovar unha calzada que estaba deteriorada”, apunta. No pasado mes de xaneiro abordouse, dentro do programa municipalPaso a paso,​ o reasfaltado dos tres puntos sinalizados para o cruce peonil da avenida de Navarra, así como das rúas San Amaro, San Pedro, Hermanos de la Lejía e Rolda de Monte Alto, con arranxos integrais do firme para eliminar irregularidades e fochancas que consistiron na retirada da capa superior do firme mediante fresado, a aplicación de mestura bitumosa e a posterior reposición da sinalización horizontal. Dentro deste programa, que busca favorecer a accesibilidade universal, está prevista a renovación de 235 pasos peonís ata final de mandato. A reforma do firme da avenida de Navarra dá tamén continuidade á intervención que se realizou hai un ano para a reparación integral da rúa Orillamar, “o que completa a planificación municipal para a renovación dun dos eixes de circulación do barrio”.

A actuación na avenida de Navarra, que conta cun orzamento de 48.400 euros, durará tres días e afectará á totalidade dos 2.972 metros cadrados da vía. Para minimizar as afeccións ao tráfico de vehículos e non interferir nos percorridos do transporte urbano, parte dos traballos se realizarán en horario nocturno, tal e como informa a Concellería de Mobilidade Sostible. Así, de mércores a venres ata as 23.30 horas a avenida de Navarra terá un carril aberto ao tráfico, no sentido dende a Torre cara a Orillamar. Os vehículos que circulen por esta última vía deberán desviarse na confluencia con avenida de Navarra por Santo Tomás ou Manuel García Canzobre. Durante a noite, entre as 23.30 e as 06.00 horas, será preciso levar a cabo o corte total da avenida de Navarra e tamén na rúa Orillamar dende á altura da rúa Cabo Ponte Anido, coa excepción das entradas a garaxes.

Comment on this Article: