Home » coruna » Currently Reading:

O Concello acomete melloras de accesibilidade e seguridade peonil na Canteira de Eirís, “ao duplicar, practicamente, a anchura existente nas beirarrúas da avenida de Monelos”

noviembre 30, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visitou as obras que o Concello vén de iniciar na Canteira de Eirís, e que, cun orzamento de preto de 100.000 euros, favorecerán de forma notable a accesibilidade na zona comprendida entre os números 201 e 215 da avenida de Monelos. O aspecto máis notable da intervención, tal e como destaca o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que acompañou ao rexedor na visita, será a ampliación do ancho da beirarrúa, “practicamente duplicando a anchura existente”, ao longo de 145 metros, nun treito que discorre polo costado das seis mazás que compoñen o barrio da Canteira de Eirís. A mellora que traerá o aumento da capacidade desta beirarrúa non só está xustificada pola considerable cantidade de habitantes nas mazás da Canteira, senón pola alta densidade deste tramo do barrio ou o feito de que a avenida de Monelos constitúa o principal percorrido de conexión peonil desta zona co resto da cidade. “Este conxunto de mazás é tamén a principal conexión da avenida e de toda a área do Parque Ofimático, coa parte alta do Parque de Eirís e Lamadosa”, sinalou o edil.

Así, os treitos da beirarrúa pasarán de ter unha anchura media de 1,80 metros –con zonas nas que se reduce até os 1,40 metros– a unha anchura media de 3,60 metros, e que aumentará ata máis de 5 metros nos cruces, quedando o punto máis estreito en 1,90 metros. “Estamos a falar dunha obra de calado para o barrio nunha zona de moito tránsito peonil, na que nalgúns treitos a vía impedía o paso á vez de dúas persoas en direccións enfrontadas”, aseverou o titular de Rexeneración Urbana, quen lembra que o ámbito da intervención conta con seis pasos peonís. “A Canteira verá mellorada a súa accesibilidade e seguridade, ao reducir a lonxitude do paso polo ancheamento das beirarrúas nos cruzamentos”, engadiu o responsable municipal.

A ampliación da beirarrúa tamén suporá un cambio na fisionomía do barrio, ao producir unha notable mellora na parada existente do transporte público urbano, que será desprazada, lixeiramente, até a altura do portal número 207 da avenida de Monelos. “O novo ancho permitirá a instalación dunha marquesiña, demandada pola veciñanza e que mellorará as condicións de espera nun punto exposto ás inclemencias meteorolóxicas”, explicou, pola súa banda, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, quen lembra que as actuacións foron acordadas e tratadas coas asociacións veciñais e de comercio de proximidade no barrio.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...