Home » coruna » Currently Reading:

O Concello activa un dispositivo de seguridade para San Xoán formado por 540 efectivos, “cifra que se incrementa de forma considerable tendo en conta as mareas vivas deste ano”

Junio 17, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, coas competencias en materia de Seguridade Cidadá, ofreceu unha rolda de prensa na que aportou datos sobre o operativo especial de seguridade posto en marcha polo Concello con motivo do San Xoán, festa de interese turístico internacional e que reúne anualmente a máis de 150.000 persoas na cidade. A responsable municipal destacou que nesta edición “o Concello aumentou de forma exponencial os recursos humanos que conforman este dispositivo especial de seguridade, chegando ás 540 persoas, fronte ás 502 de 2016”. “Hoxe sae publicado un bando especial do Concello que tamén afecta á noite de San Xoán. O noso desexo é que sexa unha noite o máis festiva e agradable posible en todos os sentidos. Procuramos un espazo seguro no que todos e todas esteamos cómodas, que a xente disfrute, e que non se envíe lixo ao mar, algo que en calquera caso intentaremos paliar da mellor maneira”, explicou. A concelleira quixo destacar as circunstancias especiais que este ano envolven á noite de San Xoán, como é o caso da existencia das mareas vivas. “Estamos moi pendentes das condicións do mar, por se houbese, á marxe das mareas, algún fenómeno que puidese traer consigo unha alerta, aínda que neste momento, o que esperamos é o mar estea tranquilo”, comentou.

En concreto, dentro do dispositivo especial, haberá 159 efectivos da Policía Local; 49 integrantes do servizo de Bombeiros, que inclúe ao Grupo de Rescate Acuático; 44 integrantes de Protección Civil; 40 membros de servizos de vixilancia privada que estarán nos accesos ás praias e os aseos públicos; 30 persoas destinadas á monitorización ambiental de cara a garantir a sostibilidade da festa; 43 voluntarios e voluntarias de Cruz Vermella (incluíndo efectivos de servizo sanitario); 40 membros do corpo nacional de Policía e 6 membros de Urxencias Médicas do 061, ademais de 9 efectivos no centro móbil de coordinación e videovixilancia. Desta forma, ademais das 420 persoas que integran o dispositivo de seguridade e emerxencias, haberá 110 efectivos máis que se empregarán no servizo de limpeza de praias.

“Este ano, ademais do incremento da dotación de efectivos da Policía Local destaca a ampliación do cadro de persoas que realizarán monitorado medioambiental, ampliándose de 18 a 30, por esa importancia que ten a situación de limpeza esta noite”, indicou Fraga, que tamén resaltou o aumento dos efectivos da Policía Local e do servizo de Bomnbeiros. “En concreto pasamos duns efectivos de emerxencias de 392 persoas a 420 este ano, ao que logo hai que sumar o papel da limpeza”, reiterou.

Recursos materiais e humanos

Os e as integrantes da Policía Local levarán a cabo diversas actuacións ao longo de toda a xornada co obxectivo de garantir a seguridade cidadá. Así, realizarán o control de fogueiras e barbacoas, regularán o tráfico na zona de praias de Riazor e Orzán e traballarán na seguridade en xeral de toda a cidade, tendo especialmente en conta o Paseo Marítimo debido á aglomeración cidadá. Por outro lado, o servizo de Bombeiros da Coruña encargarase, entre outros factores, da revisión das fogueiras, ademais da falla municipal. O grupo de Rescate Acuático, integrado por efectivos deste corpo de seguridade, tamén estará presente nas praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, Amorosas e San Roque. Os servizos de Salvamento e Socorrismo disporán de 8 socorristas distribuídos nas praias de Riazor, Orzán, Lapas e Oza, ademais de 2 patróns de embarcacións, 2 embarcacións, un coordinador, un médico, un auxiliar de enfermería e un técnico. A este respecto, a concelleira Fraga destacou que “por segundo ano consecutivo, as praias das

Lapas e Oza contarán con este necesario servizo”. Pola súa banda, os servizos de Protección Civil aportarán a este dispositivo un posto sanitario medicalizado no Paseo Marítimo, ademais de dous puntos sanitarios en Riazor e Orzán e dúas ambulancias medicalizadas, por se fose necesario atender algunha incidencia. Non serán os únicos dispositivos de atención médica. Os servizos do 061 encargaranse de traslados fóra do entorno da praia e contarán con dúas ambulancias medicalizadas itinerantes e outras catro situadas na base da Grela. Cruz Vermella tamén suma ao dispositivo unha ambulancia de soporte vital avanzado, 4 de soporte vital básico, un posto médico e un centro de coordinación das incidencias médicas.

Horarios

O dispositivo especial de seguridade con motivo de San Xoán iniciarase ás 19.30 horas do venres, 23 de xuño e rematará ás 09.00 horas da mañá do día seguinte, se ben dende a mañá os dispositivos xa estarán alerta, tendo en conta que a baixada de material a praia comezará dende as 07.00 horas da mañá, estando previstas unhas 150 toneladas de madeira. Ademais, a Coiraza quedará pechada xa dende ás 09.0 horas para a montaxe do centro de control. Como todos os anos, por outra banda, realizarase un simulacro de actuacións e salvamento de todos os servizos contra ás 12.30 horas do mesmo venres. “Participarán todos os corpos e servizos implicados, ademais do persoal do Helimer”, apuntou a titular das competencias de Seguridade Cidadá.

O Paseo Marítimo cortarase ás 19.00 horas, tal e como vén acontecendo noutros anos, e a prohibición do baño iniciarase ás 22.00 horas. Fraga fixo fincapé en que o dispositivo contempla, se fose necesario, unha posible evacuación dos areais, en caso de que a preamar o requira, a partir das 03.00 horas e sempre en función das necesidades de seguridade motivadas pola redución do espazo das praias (especialmente a do Orzán, onde hai maior previsión de incidencias por subida do mar). En calquera caso, e como quixo destacar a concelleiro, “trátase dun dispositivo que está previsto, e de feito implementouse un reforzo de comunicacións no centro de control para a coordinación que se fará con toda normalidade e tranquilidade”.

A baixada de material á praia comezará ás 07.00 horas e o reparto de material terá lugar a partir das 19.30 horas. O disparo pirotécnico manterase ás 00.00 horas, se ben, como informou a concelleira, os concertos previstos para a noite adiantarán o seu horario, de xeito que só o último deles teña lugar despois do espectáculo pirotécnico, a partir das 00.15 horas, “para que antes das 02.00 horas o concerto estea rematado e os movementos de xente se fagan de maneira escalonada, en previsión de que a xente poida ter que abandonar os areais máis cedo por mor das mareas vivas”. En canto á limpeza posterior dos areais a intención do Concello é poder comezar a acometer á mesma a partir das 06.00 horas do sábado.

Consellos

Desde os servizos municipais chaman a seguir certos consellos, de cara a unha noite de San Xoán segura e sen incidencias, como é, no caso das fogueiras, non empregar combustibles que arden con dificultade ou que conteñen na súa composición produtos químicos que poden descompoñerse en gases tóxicos e fume, ademais de contaminar o aire, como madeiras pintadas ou vernizadas, neumáticos, plásticos, aceites e graxas, e tampouco empregar acelerantes, xa que son incontrolables e poden causar queimaduras. Do mesmo xeito, chámase a non usar madeira de obra ou mobiliario, que pode conter cravos ou grapas e materiais sintéticos, non tirar ao lume materiais lixeiros (papeis, teas…) que poden levantar ardendo e propagar o lume a outros lugares ou provocar queimaduras e non queimar colchóns ou sofás, que xeran fume denso e gases tóxicos. Cómpre non utilizar tampouco os colectores públicos ou carros comerciais para transportar a madeira, xa que, como se recorda, nas praias repartirase de forma gratuíta madeira limpa, e non tirar tampouco elementos susceptibles de explotar (botes, esprais, latas…) ao lume.

En canto ás churrascadas e sardiñadas, desde os servizos de prevención lembran que é necesario poñer sempre unha cama de area sobre o asfalto ou formigón e indican que a area pódese solicitar nos teléfonos municipais 080 (Bombeiros), 092 (policía Local e no número de atención cidadá 010. Como fan notar, as barbacoas ou sardiñadas deben colocarse a un mínimo de 15 metros de coches, fachadas, mobiliario urbano ou liñas eléctricas e é necesario asegurar o paso libre para os vehículos de emerxencia, así como dispor de un medio de extinción preto, xa sexa un extintor, un cubo de auga, unha mangueira conectada á rede de auga, etc. Á hora de apagar a grella hai que asegurarse de que o lume queda ben extinguido para evitar que poida reavivarse.

Sobre o espectáculo pirotécnico, os servizos municipais recomendan acudir con suficiente antelación e seguir as instrucións do persoal de seguridade, como é non achegarse ao lugar onde se lanzan os fogos, respectar o cordón de seguridade e prestar atención á caída de fragmentos incandescentes. En caso de que algún resto dos fogos caia preto e sen explotar, é importante non tocalo nin empurralo co pé; o correcto será afastarse e avisar ao persoal de seguridade. No caso dos petardos, as e os menores deberán contar con autorización dunha persoa adulta para usalos, sempre con precaución: alonxándoos da cara e o corpo e tirándoos lonxe de persoas ou animais e en espazos exteriores (nunca na casa ou dentro dun local, nin tampouco dentro de colectores, botellas, ladrillos ou latas, nin en zonas con vexetación). Neste caso, recórdase que non deben gardarse no peto, que é máis seguro empregar os de mecha longa e que hai que acendelos polo extremo.

Para os casos de producirse unha queimadura, os servizos municipais recomendan aplicar auga fresca na zona afectada durante un mínimo de 2-3 minutos, non rebentar as bochas nin aplicar pomadas, cremas nin ningún tipo de desinfectante, e tampouco arrincar os restos de roupa que se puideran adherir. En caso caso de que o lume prenda na roupa, o procedemento correcto pasa por tirarse ao chan e rodar amodo para apagar as chamas, taparse a cara coas mans para que o lume non chegue á cara nin ao pelo e que os gases non entren nos pulmóns e non correr, para evitar que se aviven as chamas. En último caso pódese utilizar un extintor de po e nunca debe intentar quitarse a roupa pola cabeza.

A cidadanía ten á súa disposición os teléfonos de emerxencia para calquera dúbida, como son o dos Bombeiros, 080; o da Policía Local, 092; o da Policía Nacional, 091; o de Urxencias Médicas, 061; e o de alerta xeral, 112.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...