Home » coruna » Currently Reading:

O Concello advirte a Albada de que poderá declarar a caducidade da súa concesión se segue a incumprir a obriga de selar os vasos colmatados do vertedoiro de Nostián

junio 6, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña, a través da súa área de Medio Ambiente, vén de requirir novamente a Albada, empresa concesionaria da planta de Nostián, para que proceda ao selado dos dous vasos de depósito colmatados en cumprimento do real decreto lexislativo 1/2016 polo que se aprobou o texto da Lei de prevención e control integrados da contaminación (IPPC). Ademais, o departamento que dirixe a concelleira María García advirte á UTE de que, no caso de persistir na infracción, a administración local “poderá declarar a caducidade da actual concesión, sen dereito á indemnización”, ante un incumprimento ambiental de carácter grave. Esta posibilidade aparece recollida no prego de cláusulas administrativas que regula o concurso público polo cal se lle adxudicou a Albada a explotación da citada planta. A responsable municipal indica, ao fío, que “o cumprimento das súas obrigas non pode servir como escusa á empresa para empregar ao cadro de persoal como moeda de cambio”. Así, a titular de Medio Ambiente, que mantivo unha reunión con representantes dos e das empregadas de Nostián, especificou que o Concello “estará moi vixiante, non só ante a necesidade de selar os vasos xa saturados, senón ante o cumprimento das condicións laborais e o mantemento dos postos de traballo”.

García insistiu en que o selado de dous dos depósitos de Nostián é un asunto prioritario que a cidade leva máis dunha década arrastrando. “Despois da última sentenza xudicial e das resolucións coñecidas queda claro, xuridicamente, que é o que lle corresponde a cada actor implicado neste proceso”, comentou. A edil lembrou a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dándolle a razón ao Concello da Coruña ao rexeitar o recurso contencioso-administrativo interposto por Albada xa en 2016, e obrigando á concesionaria ao selado dos vasos colmatados. Por outro lado, a propia Xunta de Galicia anunciou hai dous meses a sanción á adxudicataria da xestión de Nostián por non ter pechados os depósitos no prazo esixido dun ano. “Os recentes acontecementos derivaron neste novo requirimento, así como á advertencia de que estamos en situación de poder dar por caducada esta concesión no caso de que o incumprimento do selado persista”, insistiu, á vez que recordou que o vertedoiro leva funcionando nesta situación dende o ano 2007, “tendo ademais dende 2010 un proxecto validado para atallar a problemática dos vasos”.

“Para nós o selado do vertedoiro é unha necesidade de primeiro orde. A normativa vixente obriga ao selado dos vasos colmatados tan pronto como remata a súa vida útil. Neste caso estamos xa falando dun desfase dunha década”, explicou a concelleira, que indicou que “ademais, estes depósitos sen pechar son a segunda fonte de emisión de gases invernadoiro da cidade, por detrás do tráfico rodado”.

Por outro lado, e con respecto á data de finalización da vixente concesión, a concelleira comentou ao cadro de persoal de Albada que o Consello Consultivo, a quen se remitira a administración local, ditaminou a mesma entre xaneiro e setembro do ano 2020, emprazando ao Concello a establecer a data exacta de finalización da concesión tras escoitar os argumentos da concesionaria. “Cabe resaltar que o propio Consultivo fixo fincapé na dificultade para poder ditaminar cando empezou, e polo tanto, cando remata, a concesión da planta”, explicou.

Un proxecto rendible

García insistiu en que, ademais de traballar a prol do cumprimento da legalidade vixente, o Concello “ten moi en conta a situación dos e das actuais traballadoras de Nostián”. “Temos moi claro que o cadro de persoal non pode pagar os reveses xudiciais que poida sufrir unha empresa que, quizais, non fixo ben os seus cálculos. Os ingresos de Nostián están garantidos e as condicións da planta seguen a ser as mesmas, non hai argumentos para ningunha redución no cadro de persoal nin ningunha perda nos seus dereitos laborais”, reiterou.

A este respecto, e sobre o traballo que se desenvolve en Nostián, a titular de Medio Ambiente aludiu ao impacto das melloras introducidas durante o pasado ano na planta de Nostián para mellorar a súa eficiencia na recuperación de envases, que foron aplicadas como mecanismo para compensar a perda de ingresos derivada do convenio unilateral entre a Xunta e Ecoembes –a asociación que engloba ás empresas envasadoras do Estado– polo que se reduciu un 15% o prezo unitario que se percibe polos materiais recuperados. Segundo os datos recollidos polo seu departamento, entre xaneiro e abril deste ano, a recuperación de envases incrementouse nun 21% fronte ao mesmo período de 2017 e un 14% con respecto a 2016. Do mesmo xeito, a facturación medrou un 26% sobre o pasado exercicio e un 5% se o comparamos con 2016 ano que, incide María García, “foi especialmente destacable en canto a resultados e volume de recuperación en envases”. Non obstante, a titular de medio ambiente, lamentou que, ao longo do 2017, “tanto o Concello, como o Consorcio das Mariñás e a propia Albada perderon máis de 1,6 millóns de euros debido ao convenio unilateral entre a Xunta e a asociación de empresas produtoras de envases”.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...