Home » coruna » Currently Reading:

O Concello adxudica a modernización e eficiencia da iluminación nos Rosais, “que completa unha actuación integral na seguridade e accesibilidade do barrio”

julio 10, 2018 coruna No Comments

O Concello autorizará na próxima Xunta de Goberno local, que se celebrará de maneira extraordinaria, a adxudicación das obras de modernización e mellora da eficiencia da iluminación pública dentro do perímetro delimitado por Os Rosais, a Rolda de Outeiro, Manuel Murguía e a avenida de Labañou. A actuación, que ten un orzamento de licitación de 1.160.918,70 euros, precisará 15 semanas de traballo. O edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, salienta que, con esta adxudicación, “o Concello está dando resposta dende varias frontes a vellas demandas dos barrios, xa que, ademais da mellora da iluminación, estase actuando para a renovación do pavimento e o asfalto e a sinalización da zona”. “Con esta actuación completamos unha intervención de carácter integral no barrio, que incrementará a seguridade e a accesibilidade nos Rosais”, apuntou.

Esta actuación, que forma parte do paquete de medidas comprendidas nos investimentos financeiramente sostibles aprobados o pasado 21 de novembro en Pleno, comprende os barrios do​s Rosais, Cidade Escolar, Estadio de Riazor, San Roque de Fóra e Labañou, nos que se vai acometer a renovación en 36 rúas e prazas. En total, cambiaranse 630 luminarias de haloxenuros metálicos e vapor de sodio por outras LED, “o que repercutirá nun aforro de consumo, xa que teñen un período de vida máis longo e permiten axustar, por control remoto, a potencia da rede segundo a necesidade”. “Tendo en conta só a potencia, sen a xestión máis eficiente que permitirá a nova tecnoloxía, estímase que suporá un aforro de 35.000 euros ao ano”, indica Varela. Con esta intervención nas luminarias tamén se corrixirán outros aspectos da iluminación das rúas como aqueles puntos que teñan un menor niveis de luz, para acadar unha iluminación homoxénea, e se reducirá a contaminación, tanto a de deslumbramento como a de resplandor ou a luz intrusa, sendo esta última a que afecta aos domicilios que están próximos a unha luminaria.

A modernización do alumeado suporá tamén a substitución de sete cadros de mando e a renovación doutros oito, nos que se mellorará a protección contra raios e sobretensións, así como na posta a terra. “Trátase dunha posta a punto de toda a rede na que tamén se revisarán o estado das arquetas e dos brazos que suxeitan as luminarias e se actuará sobre elas se é preciso, e na que tamén se renovarán as conducións e conexións”, engadiu Varela.

Comment on this Article: