Home » coruna » Currently Reading:

O Concello afonda na promoción do legado coruñés de Picasso e colabora na exposición sobre a etapa de formación do artista que se inaugurará en Shanghai

julio 6, 2018 coruna No Comments

​O Concello da Coruña vén de dar un paso máis na promoción da etapa coruñesa do xenial artista Pablo Picasso, que comezou a súa carreira na cidade. A administración local colabora agora na exposición ​Pablo Picasso. A formación dun xenio sobre a primeira etapa do pintor que poderá verse en Shanghai, a segunda cidade de China, dende o 3 de agosto e até o 31 de outubro deste ano. A mostra, na que tamén colabora a Escola de Artes e Oficios da Coruña Pablo Picasso, así como o Museo Buitrago de Madrid, as Fundaciós Abelló e Palau, o Centre d ́Horta, ademais doutros particulares, foi presentada esta mañá polo alcalde, Xulio Ferreiro, o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, a comisaria da exposición, Hsu Fen Lan, e Francisco Muíños e Carmen Jiménez, da empresa xestora da Casa Museo de Pablo Picasso.

Ferreiro resaltou a importancia de “continuar a tradición de promocionar e divulgar esta etapa de Picasso, que permite incluír A Coruña nesa ruta das cidades ​picassianas,​ especialmente nun país como China, onde non só hai un descoñecemento desta etapa do Picasso neno, senón un menor coñecemento do artista en xeral”. Por outro lado, o primeiro edil fixo fincapé na oportunidade de promoción turística. “Con esta exposición, damos a coñecer A Coruña nunha das cidades máis importantes de China, e iso contribuirá a expandir a imaxe da cidade en xeral”, dixo, á vez que puxo de relevo que a exposición vai ir acompañada dunha campaña de promoción turística.

Pola súa banda, a comisaria da mostra, Hsu Fen Lan, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Barcelona, incidiu en que esta exhibición servirá para poñer en valor a etapa de formación de Picasso descoñecida en China. “Para min, que teño formación en arte, a súa etapa de aprendizaxe comezaba en Barcelona. En China, Picasso é coñecido por catro dos seus cadros”, indicou. A comisaria, que agradeceu o apoio do Concello para realización da mostra, considerou que “A Coruña ten unha xoia” nesta etapa da vida e formación de Pablo Picasso e desexou que “algo tan importante” aumente a súa proxección internacional, estudo e coñecemento.

No marco da rolda de prensa, Francisco Muíños indicou que a exposición ten “un sentir pedagóxico e didáctico, para que se estude, coñeza e entenda a evolución de Picasso”. Por iso, a mostra, que contará con 137 pezas distribuídas en cinco salas, contará con cadros dos seus mestres como o seu pai, José Ruiz Blasco, xunto a Isidoro Brocos e Román Navarro, e inspiradores como Gumersindo Pardo Reguera, que conformarán a primeira das salas. A segunda estará dedicada aos cadros no Picasso mozo durante a súa etapa de formación na Coruña, mentres que na terceira o protagonismo será para unha das obras máis coñecidas do autor, oGuernica,​ que estará montada en tres dimensións para que o público poida interactuar con ela e da que se fará un estudo comparativo co gravado ​La matanza de los inocentes,​ de Carl Dupuis, que se atopaba na botica de Pardo Reguera. A cuarta sala exhibirá cadros de Picasso durante os anos 50, 60 e 70, que permitirá ver a evolución do artista. Para finalizar, a mostra conclúe cunha sala pedagóxica con actividades dirixidas aos nenos e as nenas. Muíños salientou a boa acollida e a “enorme expectación” que está a xerar a mostra, para a que xa se venderon 75.000 entradas. As previsións baseadas na afluencia de público ao museo, indicou, estiman que visitarán a exhibición preto dun millón de persoas.

Comment on this Article: