Home » coruna » Currently Reading:

O Concello amplía dende o vindeiro luns o percorrido de tres liñas de autobús urbano ata o hospital materno infantil para incrementar a conexión dende os barrios

octubre 26, 2018 coruna No Comments

A Concellería de Mobilidade Sostible amplía dende o vindeiro luns, 29 de outubro, o percorrido de tres liñas dos autobuses urbanos ata ao hospital Materno Infantil Teresa Herrera, que pasará a ser cabeceira para os números 12, 12A e 17. Ata o momento, os percorridos destas tres liñas remataban no Hospital Universitario de A Coruña, polo que o Goberno local ve preciso, en sintonía co novo mapa da rede de transporte urbano que está a preparar, “dar resposta xa a unha mellora da conectividade, a través desta ampliación das liñas, cun espazo tan sensible como é un centro hospitalario”. O edil de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, lembra que, ata o momento, só hai dúas liñas –a 20 e a 22– que chegan a este centro, ambas circulares, cun percorrido similar e con orixe no centro da cidade, na praza de Pontevedra, “polo que limitaban a conexión co Materno de moitos outros barrios da cidade que agora poderán chegar de maneira directa tamén nos autobuses 12, 12A e 17”. “Este cambio dá reposta ás reclamacións que levan mantendo dende hai moitos anos os veciños e as veciñas de barrios como o de Monte Alto”, exemplifica o edil.

O responsable municipal tamén anunciou a modificación da ruta de todas as liñas que chegan ao Hospital Universitario da Coruña, que deixarán de facer o percorrido ao redor do centro para mellorar a operatividade dos vehículos de emerxencias do propio centro. “As liñas de autobús que rodean o centro hospitalario teñen dende hai anos evidentes problemas para facer o percorrido e causan ademais interferencias nas saídas de vehículos medicalizados, como ambulancias ou as UCI móbiles nas manobras de entrada e saída das urxencias do centro hospitalario”, evidencia Díaz Grandío, que explica que o novo percorrido está consensuado coa xerencia do hospital. Así, a dirección do centro confirmou ao Goberno local que a planta cero do edificio ten capacidade suficiente para acoller a entrada de todos e todas as pasaxeiras do transporte público urbano, que poderán acceder a todos os seus servizos dende o punto onde pararán os autobuses. Esta modificación, salienta o edil, supón tamén unha mellora na seguridade peonil do ámbito do hospital, xa que “evita que haxa persoas camiñando no entorno da entrada de urxencias”.

Os novos percorridos supoñen tamén cambios nas paradas actuais. A número 58, denominada Chuac-Urxencias, elimínase, xa que as diferentes liñas farán agora a súa parada na 59, Chuac-Glorieta. Pola súa banda, os autobuses 12, 12A e 17 terán paradas na 275, Avenida da Pasaxe-Gasolineira, e na 293, Avenida da Pasaxe-Materno Infantil, que pasará a ser a de inicio do percorrido das liñas.

Comment on this Article: